Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Inauguración do laboratorio de Bioloxía

O día 25 de maio levamos a cabo a presentación oficial do laboratorio de Bioloxía do centro. O laboratorio de Bioloxía foi completamente renovado hai dous anos, cambiando a distribución dos espazos, a fontanería, a electricidade (aumentando a seguranza nas tomas de forza), mellorouse o solo e variouse a distribución de espazos. Tamén fixemos renovacións no departamento adxunto coa mellora do solo, cambio de mobiliario e a redistribución dos espazos de reunión e traballo.

Nestes dous anos incrementamos as horas de laboratorio impartidas ao alumnado e o número de prácticas realizadas. Tamén foi utilizado para as actividades de proxectos no centro como o Stembach, o proxecto COdos, o equipo TIC ou o proxecto Darwin.

Hai dous anos tamén decidimos poñer nome ao laboratorio e facer unha inauguración oficial que se foi pospoñendo ata este 25 de maio. O laboratorio recibe o nome de ‘Laboratorio de Bioloxía Charles Darwin’. 

Este 25 de maio de 2023, entre os actos de inauguración, fixemos unha interpretación sobre a vida do naturalista Charles Darwin  interpretada polo alumnado da materia de bioloxía de 1º de Bacharelato. 

Deixámosvos aquí o vídeo da obra titulada ‘Biografía de Darwin’ e interpretada no salón de actos do centro. Esperamos que vos guste. 

Sinapse: Un equipo de alumnado está encargado da presentación do laboratorio explicándonos porque recibe o nome de Charles Darwin. Con algún que outro problema consiguen rematar unha boa (e curiosa) explicación.

Festa de San Xoán

Para acceder a todas as imaxes pinchar no enlace

E xa vai o curso! Como remate das actividades do EDLG, este montou unha pequena exposición sobre esta festividade tan de noso e máis aquí na nosa cidade, A Coruña, onde se achegan milleiros de persoas ata o areal de Riazor, nunha festa Declarada de Interese Turístico Nacional. Así, nas aulas foron tratados diversos aspectos sobre as tradicións desta efeméride e o alumnado de 1º ESO A e D, cooordinados pola súa profesora Teresa Pastor Novo, realizaron distintas actividades, entre as que cómpre subliñar: elaboración dunha cacharela con cartolinas, recompilación de coplas e refraneiro do San Xoán e procura de información das herbiñas de San Xoán e os seus poderes espirituais e terapéuticos. Ademais disto, e para poñer en práctica os seus coñecementos de semántica adquiridos neste curso, escribiron hipónimos do hiperónimo “San Xoán”.

Con esta actividade, O EDLG ponlles fin ás múltiples actividades desenvoltas durante este curso 2022-2023 e quérelles agradecer a todas as persoas que se implicaron (alumnado, profesorado, persoal non docente, ...) a súa inestimable achega e entusiasmo, que nos dá azos para seguirmos traballando os vindeiros cursos con tanta ou máis ilusión por prestixiar a nosa lingua.

Moitas grazas e feliz verán!!!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

Teatro nas aulas: comedias de situación (as célebres sitcom)

Cumprindo coa programación do terceiro trimestre, o alumnado de 1º ESO A e D, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Teresa Pastor Novo, estudou as características do xénero dramático, facendo na clase lecturas dramatizadas. Ademais disto, explicóuselle o que eran as sitcom (abreviatura de Situation Comedy) ou comedias de situación, cuxa orixe estaría nos anos 60 nos EE.UU.

Así pois, os alumnos e alumnas destes grupos desenvolveron a súa faceta cómica e creativa, ao teren que crear eles mesmos un texto teatral, distribuídos en grupos de tres ou catro. Para iso, puxeron en práctica o seu enxeño, humor e coñecementos adquiridos. Cómpre salientar que foron uns excelentes dramaturgos, ao inventar a trama, con anotacións incluídas, cunha acción autoconclusiva, baseada na broma verbal e a broma visual (gag). A única condición que debían respectar foi o espazo común, que se podía desenvolver nunha axencia de viaxes ou nunha inmobiliaria. E para completar o éxito desta actividade, representaron na aula as súas pezas, logo de ensaialas con moita profesionalidade.

Máis representacións: 

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

XXXIV CERTAME DE MOZOS INVESTIGADORES 28-30 XUÑO

Para acceder ao programa pinchar no enlace

Con motivo do 34 Congreso de Mozos Investigadores que terá lugar do 28 ao 30 de xuño no Centro Eurolatinoamericano de Mocidade en Mollina (Málaga), inclúese a seguinte documentación:

· Dossier do 34 Certame de Mozos Investigadores, co Programa Definitivo do Congreso. As intervencións serán retransmitidas por streaming a través da canle de youtube do Injuve:

 https://www.youtube.com/user/injuvejuventud

 

ACTO DE HOMENAXE AOS MELLORES EXPEDIENTES

Para acceder a todas as fotos do acto pinchar no enlace

Hoxe 22 de xuño de 2023 celebrouse en Santiago de Compostela o acto de homenaxe aos mellores expedientes de Bacharelato coa presenza do presidente da Xunta de Galícia, o Conselleiro de Educación e os reitores das tres Universidades galegas. 
O alumnado do IES P Eusebio da Guarda que acadou a excelencia asistiu ao acto de homenaxe acompañado da Vicedirectora Teresa Fraga e da Coordinadora de Bacharelato Beni Vidal.
Parabéns!!!

ÉXITO NA CONVOCATORIA DE ABRIL 2023 DOS EXAMES DELF !

Un ano máis, o alumnado de francés pasou con éxito as probas DELF.

16 de 17 alumnos e alumnas presentados obtiveron a acreditación do nivel B1 e 6 de 7 a do nivel B2.

Noraboa polo seu esforzo fóra do horario lectivo para continuar a súa formación na lingua estranxeira francés!!

AS CIDADES DE PICASSO

Para acceder a todos os traballos pinchar no enlace

O departamento de francés contou co alumnado da ESO para a realización dunha pequena exposición que conmemora o 50 aniversario do falecemento de Pablo Picasso. “Les villes picassiennes” fai un percorrido polos lugares máis significativos da súa vida : Málaga, A Coruña ( 1891-1895), Barcelona, Madrid, Horta de Sant Joan, París, a partir de 1900, en numerosas e longas estancias, e  o sur de Francia, onde viaxa desde 1910, para máis tarde instalarse e crear talleres en diferentes localidades, e onde se establecerá definitivamente ata a súa morte en Mougins en 1973. Para acompañar o mapa que sitúa todos estas cidades e as fichas informativas en francés e galego, alumnos e alumnas de todos os cursos da ESO debuxaron versións moi artísticas dalgúns cadros emblemáticos dos distintos períodos da extensa produción de Picasso.

 

DESPEDIDA 4ºE

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Hoxe 21 de xuño de 2023 o alumnado do grupo específico de 4º E recompilou todas as actividades feitas neste curso, lembranzas dos seus profesores, fotos de saídas didácticas, música que lles gusta, comentarios diversos e frases que os caracterizan, debuxos feitos por eles, algúns exames e traballos que fixeron ao longo do ano… para gardar no sobre da cápsula do tempo. 

A continuación fomos á aula dos nosos devanceiros e a profesora do Ámbito Lingüístico- Social Beni Vidal deulles unha pequena clase. A delegada e o subdelegado depositaron o sobre coas súas achegas do curso e marchamos despois de deixar constancia da visita nas fotos que acompañamos.

Para rematar este curso no que a maioría do alumnado do grupo nos abandona para cursar un ciclo noutros centros, Beni agasallounos cun libro a cada un é unha visita ao observatorio do instituto, algo que lles encantou como despedida.

Moita sorte a todos eles e feliz verán!

Beni Vidal, profesora do Ámbito Lingüístico- Social

I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA

Acceso ás fotos. Pinchar no enlace

O EDLG, en colaboración co grupo Iguais na diversidade, convocou no mes de maio o I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA, dirixido ao alumnado de 1º ESO. Este tipo de tipoloxía textual e icónica foi materia de estudo na terceira avaliación neste nivel educativo, impartido polas profesoras de Lingua Galega e Literatura Carmen Edreira e Teresa Pastor Novo. Foi un traballo multidisciplinar, onde tamén colaborou o Departamento de Educación Plástica e Audiovisual, co seu profesor Carlos Montes Pedreira.

A temática estivo focalizada en diferentes historias, cuxo denominador común foi salientar o valor da diversidade. As obras, orixinais e inéditas, tiveron que recrear unha historia empregando os recursos visuais esenciais e específicos da linguaxe da banda deseñada. Outorgouse un único premio para dúas categorías: á creatividade e orixinalidade, e tamén á técnica. A valoración dos traballos presentados baseouse en criterios de creatividade, orixinalidade, forza visual e narrativa, calidade literaria e artística, e capacidade de suscitar una resposta entusiasta coa lectura dos mesmos. Así, resultaron gañadoras as alumnas Nuria Alonso Rodríguez (á creatividade e orixinalidade) e Lucía Borreguero Niederleytn ( á técnica), ambas de 1º ESO B, que recibiron un cheque agasallo de 20 euros, para gastar en El Corte Inglés, dado polo grupo Iguais na diversidade. As rapazas galardoadas recibiron os premios o pasado 6 de xuño, a mans da profesora de Matemáticas e membro do EDLG, Beatriz Sixto, e tamén levaron cadansúas tote bags con mensaxes dinamizadoras da lingua, premiadas na pasada Festa da Candeloria. Longa vida á banda deseñada, onde temos na nosa terra ilustres representantes!!!

Teresa Pastor Novo

(Coordinadora do EDLG)

ALUMNADO DE ORATORIA DE 3ºESO FOI PREMIADO NO CONCURSO “PRENSA-ESCUELA” CONVOCADO POR LA VOZ DE GALICIA.


O pasado venres, os alumnos de Oratoria en lingua castelá de 3º de ESO Amílcar Castro, Alberto Gundín, Pablo Lema, Alfonso Lobo e Adán Silva acadaron o Primeiro Premio da provincia da Coruña no concurso “Prensa-Escuela” que anualmente convoca o diario La Voz de Galicia coa reportaxe “Solo tenemos doce años y este miedo no debería estar presente en nuestras vidas”. Este documentado traballo, dirixido pola súa profesora de Oratoria, Sabela Prieto, analiza, a partires da análise de datos oficiais e de numerosas entrevistas, as repercusións da violencia sobre os adolescentes na actualidade.

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA “LIBROS ABERTOS“

O pasado 7 de xuño o alumnado de diversos cursos do Club de Lectura Libros Abertos participou nunha excursión para coñecer a zona natural das fragas do Eume e algúns dos seus monumentos máis senlleiros, cos profesores/as Manuel Varela, Sabela Prieto e Dulce Fernández. A visita centrouse en dous puntos que articularon as actividades dos clubs ao longo do curso:

-O mundo natural e Charles Darwin.

-O mundo cultural e a literatura medieval.

A primeira parada foi na Torre dos Andrade, unha atalaia que servía de punto de vixilancia de toda a contorna dos dominios do señorío de Andrade. A seguir achegámonos ao Mosteiro de Monfero onde realizamos unha sesión de intercambio de experiencias co club de lectura do CPI Virxe da Cela, cuxos membros e a profesora Paula Cadaveira López nos explicaron tamén a historia do mosteiro. Así mesmo, rendemos homenaxe á obra neotrobadoresca de Xosé María Álvarez Blázquez titulada Cancioeiro de Monfero cun recital poético no interior do mosteiro.

Máis tarde realizamos un breve roteiro polas fragas do Eume, polo que fomos observando en directo a súa fauna e flora, ata chegarmos ao Miradoiro da Carbueira. Desde ese punto privilexiado puidemos contemplar a grandiosidade do río Eume en sinuosa travesía polas fragas, antes de emprender o camiño de volta.

Non faltaron as anécdotas e as molladuras para amenizar a saída, xa que a choiva quixo acompañarnos durante boa parte da xornada; mais iso non nos impediu quedar coa agradable sensación dos bos momentos compartidos e o desexo de repetir a experiencia no Club de Lectura o curso que vén.

Héctor Boedo Pena 1º bach F

Dulce Fdz. Graña, coordinadora dos Clubs de lectura

https://librosabertos.blogspot.com/2023/06/excursion-por-terras-do-eume-e-os-seus.html

ABAU (Selectividade) CONVOCATORIA ORDINARIA 2023

ABAU (Selectividade) CONVOCATORIA ORDINARIA

MAGNÍFICOS resultados nas probas de acceso á universidade na convocatoria ordinaria (xuño) de 2023 para o noso alumnado do

 IES P. Eusebio da Guarda:

 

98 % de APROBADOS (por enriba da media de Galicia que foi do 94 %), de 103 presentados, en diúrno.

 

O alumno Sergio Sánchez Presedo (1º na Coruña e 4º en Galicia) e as alumnas Paula Díaz López e Carla Dopazo Pavón (ambas coa mesma puntuación) están entre os 6 mellores notas de acceso á Universidade da cidade.  

 

Nunha análise inicial, e estando pendentes da reclamacións pertinentes, podemos concluír o seguinte sobre as cualificacións da proba de acceso á Universidade:

 

  • O 12 % acadou unha media igual ou superior a 9.
  • O 35 % acadou unha media igual ou superior a 8.
  • Só o 8 % acadou unha media inferior a 6.

 

PARABÉNS ao alumnado e as súas familias así como ao seu profesorado.

Alumnado de inmersión lingüística e de recente incorporación

O pasado 31 de maio tivemos unha xornada de convivencia co alumnado de inmersión lingüística e de recente incorporación ao noso país. Fixemos unha saída pola cidade visitando os lugares máis emblemáticos acompañados das súas profesoras.

Os nosos mellores desexos nesta nova etapa das súas vidas !!!

Carla Dopazo, alumna do centro, 2º premio Isabel Zendal

A alumna recibe o premio da V Edición dos premios Isabel Zendal de promoción do pensamento crítico de Educación Secundaria e Bacharelato

INFORMACIÓN SOBRE AS MATERIAS LOMLOE

Se tes interese en coñecer de que van a tratar as materias pincha enriba delas.

CURSO MATERIA
      1º ESO     

     Proxecto Competencial (Cultura anglosaxona)

2º ESO

     Proxecto Competencial (Laboratorio de Física e Química)

3º ESO

      2º Lingua Estranxeira (Francés)    

      Oratoria

      Proxecto Competencial (Programa Europeo)

      Cultura Clásica

      Cultura Financiera

      Educación Dixital 

4º ESO

       2º Lingua Estranxeira (Francés)      

      Proxecto Competencial (Laboratorio de Ciencias)

      Cultura Clásica

      Dixitalización

      Economía e emprendedores

      Expresión artística

      Filosofía

      Formación e Orientación Persoal e Profesional

      Intelixencia Artificial para a Sociedade

      Latín

      Música

      Oratoria

     Tecnoloxía 

1º BACH

      2º Lingua Estranxeira (Francés)       

      Antropoloxía

      Debuxo Artístico I

      Debuxo Técnico I

      Linguaxe e Práctica Musical

      Literatura Galega do S.XX e da Actualidade

      Literatura Universal

      Tecnoloxía e Enxeñería I

     Tecnoloxías Intelixentes

     Tic I 

2º BACH

       2º Lingua Estranxeira (Francés)  

      Historia da Música e a Danza (HMD)

      Métodos Estatísticos e Numéricos

      Psicoloxía

     Tecnoloxía e Enxeñería II

     Tic II

     Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia 

TALENTO CINEMATOGRÁFICO NO IES P. EUSEBIO DA GUARDA

O pasado mércores 24 de maio celebrouse no centro cultural Ágora a II Edición da Gala de entrega de premios de CINEMA NA ESCOLA. O alumnado de Valores Éticos de 3º ESO C e 4º ESO B competiron con outros centros da Coruña coa súa curtametraxe Debuxa, que resultou galardoada con cinco premios: Premio á mellor curta, 1º premio na categoría de Imaxe, 1º premio na categoría de Edición, 2º premio na categoría de mellor actuación, e un premio especial de mención ao Esforzo. Aproveitando a celebración do Ano Picasso e o 160º aniversario do Instituto Eusebio da Guarda, o alumnado quixo centrar o guión da súa curta nunha historia ficticia baseada no paso de Pablo Picasso polo IES Eusebio da Guarda, co obxecto de salientar a importancia dos valores éticos na sociedade, a figura de Pablo Picasso e a relevancia e beleza que ten o noso centro educativo. Este proxecto contou coa participación tanto do alumnado e profesorado, como das familias, quen achegaron o seu valioso gran de area. Sen ningunha dúbida, os premios foron un merecido recoñecemento ao traballo e talento do alumnado do noso centro.

Parabéns a todos!!! 

Rosa Ma Rodríguez Rivas (Profesora de Música e Valores Éticos

CANTARES DE CEGO: OS CRONISTAS DOS SUCESOS

O alumnado de 1º BACH A e E, coordinados pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura, Teresa Pastor Novo, elaborou un traballo práctico sobre a literatura galega de tradición oral, concretamente sobre os cantares de cego, historias rimadas, máis ou menos longas, en forma de romance. Noutrora, as persoas invidentes actuaban coma unha sorte de cronistas que levaban novas ás aldeas e poboacións, cuxas temáticas de preferencia eran asuntos do máis escabroso, moi do gusto do pobo: crimes de paixóns, agresións, raptos, desgrazas colectivas, …. Deste modo, a canción entendida como unha composición en verso destinada para ser cantada, foi obxecto de estudo na 3ª avaliación, e máis concretamente, a canción tradicional. Así, os alumnos e alumnas traballaron distintos romances de cego da nosa literatura popular e, logo de teren a técnica aprendida, compuxeron eles mesmos a copla, cunha rima doada e adaptándose os versos ás frases musicais. Á parte disto, e para pór en práctica os seus coñecementos teóricos sobre as desviacións da norma, inseriron á mantenta vulgarismos, hipergaleguismos, castelanismos lusismos, arcaísmos e dialectalismos, cunha linguaxe popular, procurando os gustos do auditorio. Como seguinte paso, realizaron os debuxos do cartelón ou maltraña, que acompañaba a posta en escena do cego.

Así, títulos tan sensacionalistas como: “Soldado nunha guerra”, “A vinganza dun pai asasino”, “Mariñeiro sen compás”, “O asasinato de Gabriel”, “O desastre do Prestige”, “O desenlace do pranto da Frouxeira”, “O último alento dunha nai”, “Violada e queimada”, “A condesa sangrienta”, “O asasinato de Mondariz”, “O caso Madeleine”, “Cantar da katana”, “O Villa de Pitanxo” e “Accidente en Carral” compoñen os argumentos destas coplas, con case rango de crónicas de sucesos, que elaborou o alumnado destes cursos, baseándose, por desgraza, en feitos reais.

Do seus traballos instalouse unha exposición nun dos corredores do edificio histórico onde, á maneira máis tradicional, penduraron as súas maltrañas ou cartelóns, acompañados de cadanseus romances. Na dita exposición tamén se puideron ver uns cantares transcritos a Braille, por xentileza da ONCE, con quen vén colaborando esta profesora nesta actividade dende hai máis de dúas décadas. Como broche de ouro, algúns alumnos e alumnas atrevéronse a interpretar os seus romances, de xeito brillante.

Enlaces aos vídeos do alumnado en Youtube: Vídeo 1, Vídeo 2, Vídeo 3, Vídeo 4

Acceso ás fotos. Pinchar no enlace

Moitos parabéns, benqueridos cantores e cantoras!

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG)

Seleccionados dous traballos do IESP Eusebio da Guarda para o 34 Congreso de Mozos Investigadores.

Por segundo ano consecutivo os nosos estudantes foron capaces de chegar ao máximo recoñecemento nacional de mozos investigadores, o Congreso de Mozos Investigadores que organiza o INJUVE xunto co Ministerio de Educación para estudantes preuniversitarios. Na súa 34 edición participarán os estudantes que presentan os 40 traballos seleccionados os días 28,29 e 30 do mes de xuño en Mollina, Málaga. Os nosos estudantes seleccionados foron nesta ocasión:

Bruno Bolaño Molezún, alumno de STEMbach, co seu traballo Efecto da ansiedade sobre as vías moduladoras da dor, titorizado por Mª Jesús Mourazos e cotutorizado por Mª Teresa Carrillo da Pena, profesora da USC, que xa recibiu un segundo posto nos premios Stephen Hawking organizados polo IESP Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Enlace ao póster do traballo

Mencía Cardesín e Aarón Deus, polo seu traballo Reaparecen as londras nas costas da Coruña e Sada, realizado dentro da materia de Bioloxía e Xeoloxía de cuarto de ESO, titorizado pola profesora Mª Jesús Mourazos. Enlace ao póster do traballo

Achégase as fotos dos alumnos

Regueifa das Letras Galegas e interpretación do Himno coa letra restaurada polo alumando de 1º bach A, B, F e 4º ESO e xunto co profesorado

Con motivo da celebración das Letras Galegas 2023 o Departamento de Lingua e Literatura Galegas promoveu, entre outras actividades, un traballo ecdótico e coral sobre a composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga que hoxe coñecemos como o himno galego.

Xunguímonos así á iniciativa para restaurar a letra do poema “Os pinos” tal e como o seu autor desexaba que se cantase, contribuíndo desta maneira a difundir a proposta textual do profesor Manuel Ferreiro Fernández, catedrático da UDC e máximo especialista na obra de Eduardo Pondal.

Deste xeito, coñecimos máis profundamente os problemas suscitados pola edición textual dos nosos clásicos, á vez que colaboramos nunha actividade de interpretación coral exercitando a comprensión lectora, a memoria e a expresión oral en forma de canto colectivo. Como un coro profesional!

Ademais agradecemos a inestimable colaboración da regreifeira e profesora Alba María, quen improvisou unha regueifa sobre a figura homenaxeada este ano, Francisco Fernández del Riego, para que puidésemos coñecer algo máis sobre as súas actividades a prol da lingua e literatura galegas dun xeito lúdico, animado e divertido.

Enlace ao vídeo da Regueifa

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Vídeo sobre Picasso

Picasso no Eusebio da Guarda. Infancia dun artista. Visita filmada realizada polo alumnado de francés de 2º Ciclo superior de Guías, asistencia e información turística.


Distribuir contido


by Dr. Radut