Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Actividades curso 2024-2025

Actividades curso 2024-2025

HOMENAXE A XOHÁN VIQUEIRA VIQUEIRA

Fotos do acto no  ENLACE

Polas súas verbas, coñecerémolo. A gran lección do mestre.

O pasado 29 de outubro tivo lugar a visita ao concello de Bergondo, dentro dos actos de homenaxe á figura de Xohán Vicente Viqueira, co gallo do 1º centenario do seu pasamento. Tal actividade puxo o broche final a toda unha serie de homenaxes, organizada polo CPI Cruz do Sar (Bergondo) e o Departamento de Lingua Galega e Literatura, en colaboración co EDLG e o Departamento de Filosofía, do IES Eusebio da Guarda.

O alumnado de 4º ESO E, baixo a coordinación da súa profesora de Ámbito social e lingüístico Teresa Pastor Novo, dedicou varias clases a analizar o pensamento do nomeador autor, quen foi catedrático de Filosofía no noso centro e que deixou un magnífico legado, materializado nunhas verbas que desprenden unha enorme actualidade.

Así, o dito alumnado consultou a súa obra ensaística e destacou as necesarias palabras que nos deixou, nomeadamente no que respecta á reforma do ensino, a incorporación plena da muller á educación e a galeguización do ensino. No salón de actos do histórico edificio sociocultural da Senra (Bergondo) as rapazas e rapaces deste grupo leron un manifesto de loanza á claridade e modernidade de pensamento que amosou naqueles tempos o esgrevio filósofo e psicólogo.

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG)

LECTURA VIQUEIRA

“Polas súas verbas, coñecerémolo.

A gran lección do mestre”.

Hoxe, 29 de outubro estamos aquí, no concello de Bergondo, o alumnado de 4º ESO E do IES P Eusebio da Guarda, para honrar a figura do esgrevio Johán Vicente Viqueira, por conmemorar este 2024 o 1º centenario do seu pasamento. No noso centro educativo foi catedrático de Lóxica e Psicoloxía.

Con estas palabras, queremos contribuír coa nosa achega a este acto de merecidísima lembranza ao seu labor. Este está espallado en varias vías. Pero nós quixemos destacar tres: a necesaria reforma do sistema educativo, a incorporación plena da muller á educación e a galeguización do ensino. 

Así pois, defendeu, pois, a galeguización do ensino e unha nova educación galega; tamén a modernización dos estudos de bacharelato, o ensino da muller, a posta en marcha dunha completa e politécnica universidade en Galicia; defendeu o activismo didáctico e unha psico-pedagoxía renovada para o desenvolvemento harmónico do alumnado.

É por isto que titulamos esta homenaxe: “Polas súas verbas, coñecerémolo. A gran lección do mestre”. Queremos verbalizar arestora a lucidez deste persoeiro, e é por iso polo que abonda con escoitar o que deixou dito, cunha clarividencia abraiante. Estas son as súas palabras, o mellor legado que nos puido deixar, cheas de modernidade e entusiamo. 

“Polas súas verbas, coñecerémolo. 

A gran lección do mestre”. 

Alumnado de 4º ESO PDC.

Prof. Teresa Pastor Novo.

 

Bergondo, 29 de outubro de 2024.

CALENDARIO DE AULA 2024-2025

 

Máis fotos no ENLACE

CALENDARIO DE AULA 2024-2025 : COIDA O GALEGO COMA ALGO TEU.

Este pasado luns 14 de outubro foron entregados os calendarios de aula por parte de dous alumnos de 4º ESO E, Elena Barreiro Casanova e Adán Silva Bértola, colaboradores do EDLG. O dito alumnado foi explicando polas diferentes aulas os detalles que presenta o deseño gañador deste ano, obra da alumna de 3º ESO B, Nuria Alonso Rodríguez. De novo, a citada alumna faise co galardón, posto que o seu traballo se cinxiu á perfección ás bases requiridas: alén de ser un debuxo orixinal, ideou un lema ou eslogan para fomentar o uso do galego e manifestar tamén amor á nosa cidade, A Coruña Así, na súa creación, aparecen elementos senlleiros, imaxes identitarias de noso, como a Torre de Hércules, o Planetario, o Milenium, .... e, por suposto, sen deixar de lado a fachenda que sentimos polos excelentes resultados acadados polo noso Depor e mais polo Club Básquet Coruña.

Ademais disto, o EDLG quixo facerlle un aceno ao vindeiro Día das Letras Galegas 2025, adicado ao cancioneiro popular galego, ao poñer no dito calendario o coñecido tema popular “Vivir na Coruña”. A citada canción vai acompañada dun código QR, co versión feita pola cantora Ana Kiro. A título persoal, considero un auténtico acerto que a RAG lle rendese un merecidísimo tributo ao cancioneiro popular galego, nomeadamente ás mulleres, por teren contribuído á transmisión da nosa lingua e cultura. Cantareiras e pandereteiras, contextualizadas en labores comunitarios labregos, sairán da esfera privada e as súas cantigas terán un papel protagónico en 2025.

Se ben é verdade que este colectivo contribuíu ao espallamento etnográfico de noso, non é menos certo que as cantoras e cantores de bailes e verbenas tamén arrimaron o lombo para transmitir, non só cantigas populares, senón tamén grazas a moitos deles puidemos achegarnos a poemas de clásicos da nosa literatura.

Guíndolle pois unha suxestión á RAG quen, como dixen antes, endeen sorprendeu con esta homenaxe: oxalá repare tamén nos vindeiros anos en figuras “non literatas”, pero que fixeron tanto ben pola nosa lingua. Como ben dixo o presidente da nomeada institución Víctor Freixanes, «como neno nado na Pontevedra dos anos 50, o meu galego entrou polas cancións das festas», pois do mesmo xeito ca el, “como nena nada na Coruña dos anos 60, o meu galego tamén entrou polas festas e polas casetes de Ana Kiro e Pucho Boedo e Los Tamara que mercaba meu pai”. Lembro con nostalxia e tenrura infinda aquelas fitas que iamos escoitando e cantando toda a familia no coche. Se como dixo Rilke “a verdadeira patria do home é a infancia”, a miña foi un un tempo paradisíaco, cunhas cancións que fixeron en min lar, entoadas coas miñas irmás. Agradézolles aos meus pais ternos transmitido esa alfaia do noso cancioneiro popular.

Por outra banda, o lema creado pola alumna gañadora é moi axeitado para os tempos que corren. Logo de ver os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego, as cifras son preocupantes pola deriva cara á extinción da nosa lingua. Por iso, o eslogan deste calendario “coida o galego coma algo teu” é un chamamento á mocidade, para que loiten pola supervivencia do noso idioma, que somos un pobo diferenciado pola nosa lingua; non somos nin máis nin menos que ninguén, pero si somos o que somos por obra e graza da nosa fala, o principal sinal de identidade.

Transmitirvos, mozas e mozos, que é o herdo máis valioso que vos vai quedar!

Teresa Pastor Novo

(coordinadora do EDLG)

A CORUÑA MODERNISTA

Fotos do roteiro no ENLACE

A pegada do Modernismo na Coruña

A chegada do novo curso escolar trae consigo unha actividade ben deleitable: un roteiro pola pegada da arquitectura modernista na nosa cidade. Así, este pasado luns 7 de outubro o Departamento de Xeografía e Historia, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizou unha visita pola Coruña modernista. O xefe do Departamento de Xeografía e Historia, Abel Fernández Maroño, foi o encargado de explicar a historia dos edificios máis emblemáticos deseñados nese estilo artístico, construídos na cidade herculina nos primeiros anos do século pasado.

Os quinteiros do Ensanche son predios rectangulares situados entre rúas que se cortan perpendicularmente. No proxecto orixinal do primeiro Ensanche reparouse na orientación dos ventos habituais na cidade e alí mesmo se estableceu parte da burguesía da Coruña, o que orixinou a existencia de edificios de interese de estilo modernista, como os que se atopan na praza de Lugo ou na rúa Ferrol. O profesor Fernández Maroño contou que este céntrico rueiro foi feito coa idea liberal de igualdade; porén, co paso do tempo pasou a ser unha das zonas do noroeste de Galicia coas áreas máis elevadas. Entón, aquela idea primitiva de igualdade no espazo habitacional mudou nun enclave de elite económica. 

Á parte da información histórica achegada, o profesorado puido coñecer de primeira man curiosas anécdotas relativas á flora dos Xardíns de Méndez Núñez; costumes cotiás das mulleres doutrora, algunhas levadas ao extremo da integridade física, como o consumo do láudano; modas provenientes de ultramar; algún episodio escuro acontecido seica nalgún dos edificios, mesmo levado á literatura, como é o caso do fermoso edificio coñecido como casa Viturro, o cal non se puido contemplar nesta ocasión, por estar cuberto cunha lona, ao estar en proceso de rehabilitación. Tal inmoble aparece como lugar protagónico da ficción literaria Senlleiras, da escritora Antía Yánez. Ás persoas que acudiron a este roteiro foilles entregado un tríptico informativo, cuxa tradución e confección correu a cargo da profesora de Lingua galega e literatura e mais coordinadora do EDLG, Teresa Pastor Novo. 

Como vén sendo habitual, o obxectivo desta actividade é dar a coñecer á marabillosa arquitectura traída por este movemento á nosa cidade, e mais realizar un acto de confraternidade e achegamento dirixida a todo o profesorado do centro, especialmente para o que acaba de chegar este ano. 

Teresa Pastor Novo (coordinadora do EDLG)

Distribuir contido


by Dr. Radut