Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Lingua Galega e Literatura

Aquí no Eusebio tamén se fala en galego

Acceso a máis fotos no Enlace

Este curso desde o departamento de Lingua Galega e Literatura participamos na iniciativa de dinamización lingüística Aquí Tamén se Fala Galego, promovida polo IES Rafael Dieste. Desde principios de curso o alumnado de 4º ESO e máis adiante o de 2º de bacharelato tivo a oportunidade de converterse nun auténtico axente dinamizador e contribuír así á normalización do uso da lingua galega na cidade. O IES Rafael Dieste encargouse de elaborar carteis individualizados para cada instituto participante, de maneira que os nosos carteis co lema “Aquí Tamén Se Fala Galego” son azul escuro e indican de forma ben visible o nome do IES P Eusebio da Guarda.

A actividade consistiu en distribuír estes carteis en locais de atención ao público de todo tipo como negocios, bibliotecas, tendas, etc. Contando sempre co permiso da persoa encargada do local, tomouse unha foto do cartel en cada lugar, e en case todos os casos o/a responsable do mesmo prestouse de bo grao a aparecer na foto.

Así se foron distribuíndo os carteis polo noso barrio, e ao tempo demos pé a que o alumnado realizase un importante descubrimento: na Coruña fálase galego, moito máis do que pensamos, o caso é propiciar a ocasión, pois a maioría das coruñesas e coruñeses saben falar galego. É unha lingua que dorme entre o cemento, algo afogada mais viva aínda. Só temos que atrevernos a espertala.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Charla coa escritora Eva Mejuto

 

ENLACE ás fotos do acto

Hoxe 27 de maio visítanos a escritora e xornalista Eva Mejuto Rial para dar unha charla ao alumnado de 2º de ESO sobre a obra A ladroa da biblioteca de Meirás.

A ladroa da biblioteca de Meirás (2022)

É unha fermosa historia sobre unha nena, Mariña, e os libros da biblioteca do Pazo de Meirás. Mariña coábase na mellor biblioteca do mundo porque ata que non puidese saír da aldea, ese era, sen dúbida, o seu único paraíso posible. Ás veces a felicidade era tal que esquecía onde estaba e o perigo que corría. Coller «prestados» os libros estaba mal? O perigo de ser vista, o medo de que desen con ela, formaba parte dun xogo do que Mariña estaba prendida.

A nosa convidada, a escritora e xornalista Eva Mejuto, plasma neste libro unha fermosa historia que nos reafirma a idea de que lendo podemos soñar e vivir mundos que nunca esperariamos.

Esa é a grandeza de ler e a grandeza dunha escritora que tan ben o sabe facer para que soñemos así.

Beni Vidal Tomé

Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

 
DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024
 
Luísa Villalta é a sexta muller homenaxeada na historia do Día das Letras Galegas.
A poeta do pensamento, a música do violino, a nena que medrou na coruñesa rúa da Falperra, a cronista da Coruña que puxo a Cidade Alta no mapamundi da poesía, a muller coherente e comprometida, a amiga que sempre estivo aí. Luísa Villalta (A Coruña, 15 de xullo de 1957-6 de marzo do 2004), as Luísas que caben en Villalta volven este maio para que gocemos coa súa obra e tamén con ela.
O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda está a renderlle á escritora e insigne alumna unha homenaxe na que ten participado toda a comunidade educativa.
Entre as actividades que se están a organizar, a Exposición realizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística, mostra a traxectoria literaria e humana de Luísa en paneis acompañados de exemplares das súas obras. 
Cabe destacar como elemento primordial da exposición o cadro dedicado á escritora realizado polo alumnado de Debuxo artístico de 2ºBach dirixido pola profesora Eva Vérez. Dita exposición inaugurouse o tres de maio e permanecerá no primeiro andar do instituto ata fin de mes.
Convidamos a toda a Comunidade do Eusebio a visitala.
 
FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!
 
Beni Vidal Tomé
Xefa de Departamento de Lingua Galega e Literatura
Teresa Pastor Novo
Coordinadora do Equipo de Dinamizacion Lingüística
 

Máis fotos no ENLACE

Celso Emilio Ferreiro no Día da Poesía

 

Función social da poesía 

A proposta temática do Día da Poesía, arredor da función social deste xénero, conecta coa tradición da literatura galega e tamén cun momento convulsivo a nivel global, marcado por dilemas éticos, bioéticos e conflitos bélicos nos que semella pertinente preguntarse de novo sobre “a potencia da palabra poética e a súa capacidade para erguerse como protesta e, tal vez, aspirar a mudar as cousas”, contextualiza María López-Sández (RAG). “A poesía como ferramenta serve para enfrontarnos ás nosas inquietudes existenciais pero tamén aos nosos desafíos colectivos. A palabra protesta sempre estivo aí, e na poesía galega quizais con máis razón, con voces tan potentes como as de Curros Enríquez, Ramón Cabanillas ou o propio Celso Emilio, porque a propia escolla da lingua implica xa un compromiso social de partida. Feliz Día da Poesía! DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA E LITERATURA

 

Fotos do acto , pinchar no enlace

Acceso a todas as poesías no enlace

Audios da lectura das poesías: 

 

 

CORRESPONDENTES XUVENÍS E CARNÉ XOVE

Máis fotos da actividade no enlace

O luns 26 e martes 27 de febreiro, os Correspondentes Xuvenís do noso centro colaboraron na difusión de información e material para a emisión do Carné Xove. Unha traballadora do Concello desprazouse ao noso centro o martes para que o alumnado que non tivese aínda o Carné Xove puidese solicitalo. Para facilitar e difundir esta actividade, o alumnado de 3º ESO E e 4º ESO E coordinados polas súas titoras Beatriz González-Moro e Dulce Fernández Graña, percorreron as aulas de ESO e Bacharelato para facilitaren información, repartir os impresos e resolver as posibles dúbidas. Os/as solicitantes menores de 14 anos precisan a autorización asinada das persoas responsables.

Desta maneira, o martes o alumnado interesado só tivo que entregar o impreso cuberto á traballadora do Concello para realizar a solicitude durante un dos recreos. O Carné Xove permite obter descontos en numerosas tendas e negocios ata os 26 anos. Dentro dunhas semanas repartiranse ao alumnado que os solicitou.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

MARATÓN DE LECTURA SOLIDARIO 2024 ROSALÍA DE CASTRO

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

Hoxe 23 de febreiro de 2024 o IES P Eusebio da Guarda celebra o seu tradicional Maratón de lectura no Día de Rosalía. 

Ë unha actividade que ten como finalidade fomentar a lectura oral entre a comunidade educativa do centro: alumnado, profesorado, familias, persoal non docente, etc... ao longo de todo o día. É tamén solidario porque os lectores/as deixan unha cantidade voluntaria que será entregada á Cociña Económica. 

O Maratón solidario de lectura vense facendo desde 2014,  polo que hoxe podemos dicir que estamos na celebración do   X ANIVERSARIO DA FESTA DA LECTURA SOLIDARIA.  

E unha festa é porque o alumnado de todos os niveis foi baixando ao salón de actos para ler os seus textos  ou recitar os poemas preparados cuninterés e unha alegría que nos cativa. E só nos queda darvos a todos os PARABÉNS e vérmonos o próximo ano! 

FELIZ DÍA DE ROSALÍA!!! 

Beni Vidal

Xefa de departamento de Lingua Galega e Literatura

 

O EUSEBIO DA GUARDA CELEBRA O DÍA DE ROSALÍA

 Máis fotos no seguinte enlace 

Hoxe 23 de febreiro de 2024 celebramos o Día de Rosalía de Castro como un recordatorio da importancia da súa obra na promoción e consolidación da literatura galega. Celebramos a súa vida e legado, inspirando ás novas xeracións a amar e valorar a riqueza cultural da nosa terra. 

Rosalía de Castro xogou un papel crucial na preservación da identidade galega a través da súa obra, destacando a riqueza cultural e lingüística de Galicia. A súa poesía reflicte a  conexión coa terra e a súa xente, de aí que esta a considere un mito da súa cultura. 

DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA E LITERATURA 

Charla de Andrea Maceiras co alumnado de 1º da ESO

Acceso a todas as fotos do acto no enlace

Hoxe 21 de Febreiro visítanos a escritora Andrea Maceiras Lafuente para dar unha charla ao alumnado de 1º de ESO sobre a obra Volverás, golfiño. 

Volverás, golfiño

É unha historia preciosa, de lendas e naufraxios, de pantasmas e faros que se desenvolve na Costa da Morte a onde Iris e a súa familia teñen que trasladarse a vivir na casa do avó.

A nosa convidada, Andrea, plasma neste libro toadas as historias e lendas que nos teñen transmitido oralmente os nosos devanceiros e que nos fan soñar con este inquietante areal de Trece ou co faro de Cabo Vilán, na Costa da Morte, en resumo vivir mundos invisibles que nunca esperamos vivir.

Esa é a grandeza de ler e a grandeza dunha escritora que tan ben o sabe facer para que soñemos así.

Beni Vidal

Xefa do Departamento de Lingua e Literatura Galegas

VISITA Á EXPOSICIÓN HELMUT NEWTON

Hoxe venres 15 de decembro o alumnado de 2ºB e C de Bacharelato da materia de libre configuración visitou coa súa profesora Beni Vidal a exposición promovida pola Fundación MOP, creada por Ortega, do fotógrafo HELMUT NEWTON.

O alumnado contemplou a selección de fotografías de moda e lifestyle que conforma a exposición, que é unha boa mostra da linguaxe visual audaz, empoderadora e sen complexos característica de Newton. Entre as fotografías exhibidas puidemos contemplar os icónicos espidos e os inesquecibles retratos de personaxes como Andy Warhol, David Bowie, Margaret Tatcher, Charlotte Rampling, Naomi Campbell, karl Lagerfeld…”O seu gran acto revolucionario foi cambiar por completo a forma en que as mulleres eran retratadas nas páxinas das cabeceiras de moda…”, comentou Ortega sobre o fotógrafo, considerado un dos máis importantes do século XX.

Acceso a todas as fotos da visita no seguinte enlace

MOITO QUE CELEBRAR !!!

Acceso a todas as imaxes, pinchar no enlace

Nunha histórica xunta celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño (Ames), acordouse a creación do Seminario de Estudos Galegos, unha institución cultural creada por intelectuais galeguistas para estudar e espallar o patrimonio cultural galego, e tamén co obxectivo de formar investigadores. Na dita xuntanza participaron nove estudantes, recollendo a tradición da Junta de Ampliación de Estudos, promovida polo Instituto de Libre Enseñanza. Ao pouco tempo, intégrase nel boa parte da intelectualidade galeguista que se movía arredor da revista Nós.

Dado que aa utilización da lingua galega para realizar o traballo científico foi unha das súas maiores angueiras, O Departamento de Lingua Galega e Literatura e mais o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queren renderlle a súa particular homenaxe a esta efeméride, facendo un percorrido pola xénese desta institución e amosar como a lingua propia de Galicia serviu, está a a servir e, oxalá o faga por moitos anos, servirá de canle para transmitir todos os saberes científicos. 

O SEG estaba estruturado en doce seccións: Filoloxía, Arte e Letras, Etnografía, Historia, Prehistoria, Xeografía, Historia da Arte, Historia da Literatura, Pedagoxía, Ciencias Aplicadas e Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

Así, seguindo o ronsel desta prestixiosa institución, a presente exposición recolle material bibliográfico diverso, escrito en lingua galega, en diversas ciencias: Filoloxía, Literatura, Filosofía, Física e Química, Tecnoloxía, Historia da Arte, Relixión, Xeografía e Historia, Etnografía, Dereito, ….Malia que queda aínda moito camiño por andar, abofé as mulleres e homes que traballaron nesta inesquecible institución, dende o alén onde estean, poden descansar coa satisfacción do deber cumprido. 

Para rematar, o noso agradecemento para todo o profesorado que se implicou nesta exposición, ao achegar material propio e mais dos distintos departamentos.

No IESP Eusebio da Guarda da Coruña, no día 12 do mes de outono do ano 2023.

 

Beni Vidal Tomé (Xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura) e Teresa Pastor Novo (Coordinadora do EDLG)   

DESPEDIDA 4ºE

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Hoxe 21 de xuño de 2023 o alumnado do grupo específico de 4º E recompilou todas as actividades feitas neste curso, lembranzas dos seus profesores, fotos de saídas didácticas, música que lles gusta, comentarios diversos e frases que os caracterizan, debuxos feitos por eles, algúns exames e traballos que fixeron ao longo do ano… para gardar no sobre da cápsula do tempo. 

A continuación fomos á aula dos nosos devanceiros e a profesora do Ámbito Lingüístico- Social Beni Vidal deulles unha pequena clase. A delegada e o subdelegado depositaron o sobre coas súas achegas do curso e marchamos despois de deixar constancia da visita nas fotos que acompañamos.

Para rematar este curso no que a maioría do alumnado do grupo nos abandona para cursar un ciclo noutros centros, Beni agasallounos cun libro a cada un é unha visita ao observatorio do instituto, algo que lles encantou como despedida.

Moita sorte a todos eles e feliz verán!

Beni Vidal, profesora do Ámbito Lingüístico- Social

Regueifa das Letras Galegas e interpretación do Himno coa letra restaurada polo alumando de 1º bach A, B, F e 4º ESO e xunto co profesorado

Con motivo da celebración das Letras Galegas 2023 o Departamento de Lingua e Literatura Galegas promoveu, entre outras actividades, un traballo ecdótico e coral sobre a composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga que hoxe coñecemos como o himno galego.

Xunguímonos así á iniciativa para restaurar a letra do poema “Os pinos” tal e como o seu autor desexaba que se cantase, contribuíndo desta maneira a difundir a proposta textual do profesor Manuel Ferreiro Fernández, catedrático da UDC e máximo especialista na obra de Eduardo Pondal.

Deste xeito, coñecimos máis profundamente os problemas suscitados pola edición textual dos nosos clásicos, á vez que colaboramos nunha actividade de interpretación coral exercitando a comprensión lectora, a memoria e a expresión oral en forma de canto colectivo. Como un coro profesional!

Ademais agradecemos a inestimable colaboración da regreifeira e profesora Alba María, quen improvisou unha regueifa sobre a figura homenaxeada este ano, Francisco Fernández del Riego, para que puidésemos coñecer algo máis sobre as súas actividades a prol da lingua e literatura galegas dun xeito lúdico, animado e divertido.

Enlace ao vídeo da Regueifa

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

OBRA DE TEATRO "AI, MEU AMIGO!" Por 1º bach F

No mes de decembro o alumnado de 1º bach F escenificou unha peza teatral da súa autoría a partir das cantigas medievais de Martín de Padrozelos. Facíase nela unha comparación entre as situacións provocadas polos avatares dunha relación amorosa nos tempos antigos e nos modernos, comprobando que se ben os tempos mudaron, os problemas seguen sendo os mesmos. Agora ofrecemos a peza en vídeo, para que o poidades comprobar vós tamén. 

Damos os parabéns ao alumnado de 1bach F que co seu entusiasmo e entrega foi quen de materializar, con ben poucos ensaios, unha reflexión literaria crítica e madura que trascende os obxectivos do currículo de 1ºbach. 

Que suba o pano!

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Para acceder a todas as fotos do acto pinchar no enlace

OBRADOIROS coa regueifeira ALBA MARÍA

Co gallo do DIa das Letras Galegas dedicado a Francisco Fernández del Riego o Departamento de Lingua Galega organizou diversos obradoiros coa regueifeira e profesora Alba María no salón do actos do instituto. O alumnado participou nos obradoiros aprendendo e poñendo en práctica a técnica da regueifa. 

O Eusebio da Guarda agradece a Alba a súa disposición para levar a cabo esta actividade.

Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Día das Letras Galegas 2023

 

Un 17 de Maio especial

 

Para acceder ás imaxes relacionadas pinchar no enlace

En 1960, Francisco Fernández del Riego ingresou como membro numerario na Academia Galega e tres anos despois, a proposta súa, a Academia acordou celebrar cada 17 de maio  o Día das Letras Galegas. Del Riego pensaba que se hai un día dedicado á literatura española, con Cervantes como referencia,nós deberiamos ter un día dedicado á literatura galega relacionado con Rosalía de Castro e co libro Cantares Gallegos, o primeiro que escribiu na fala popular. Del Riego non coñecía a data da edición, pero na dedicatoria que a autora fixo á escritora Fernán Caballero figura a do 17 de maio de 1863 e elixiuna ante a proximidade do centenario. A celebración de 2023 é especial por ser o homenaxeado impulsor da iniciativa.

Siro (La Voz de Galicia)

Francisco Fernández del Riego (1913-2010)foi o principal dinamizador do galeguismo cultural tras o abrupto corte que supuxeron a Guerra Civil e a posguerra. Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura, durante unha gran parte da súa longa vida foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura franquista.

A data do 25 de xullo de 1950 pasou á historia como a da fundación da editorial Galaxia, o máis emblemático fito do “segundo rexurdimento” da cultura galega tras a Guerra Civil. Os tres grandes artífices do proxecto foron: Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego. Galaxia veu a luz para converterse no buque insignia da cultura do país, e pese ás dificultades foi o gran referente cultural da Galicia da época.

Non esquecemos outras aportacións do homenaxeado como as publicacións da revista Grial (1951) que “servía de canle para dar a coñecer a produción cultural galega e tamén para erixirse como un espazo de comunicación entre a cultura galega e as culturas do mundo”. E tamén a Revista de Economía de Galicia (1958) para analizar a realidade económica e social do noso territorio. 

Del Riego foi un dos xenerosos, sempre entusiasta e vital; son varias as xeracións vinculadas á intelectualidade que tiveron no maxisterio do homenaxeado nas Letras Galegas 2023 unha porta sempre aberta para satisfacer a curiosidade e ampliar o coñecemento.

Grazas Don Paco!

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS a toda a comunidade educativa do Eusebio da Guarda!

Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura

 

Lectura continuada solidaria no Eusebio da Guarda

Toda a infmación sobre a actividade Lectura Continuada solidaria no seguinte enlace

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO NO EUSEBIO DA GUARDA

23 de abril de 1926

23 de abril de 2023    

Celebración da Primeira Festa do Libro no paraninfo do Instituto Eusebio da Guarda.

O 6 de febreiro de 1926 Afonso XIII asinaba o Real Decreto do Día do Libro. En 1930 decídese que a celebración sexa cada ano o 23 de abril coincidindo co aniversario da morte de Miguel de Cervantes.

Case cen anos despois celebramos o Día de Libro de 2023 no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda cunha mostra de libros sobre Picasso como homenaxe ao pintor, estudante no noso centro na súa estadía na Coruña, no seu 50 cabodano.

Feliz Día do libro!

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

Entrega premios Minerva 2023

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado mércores 12 de abril celebrouse no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega dos premios Minerva ao alumnado gañador. Do IES Eusebio da Guarda resultaron premiados co 3º premio de narración “A gran tormenta”, traballo de Marta Rodríguez González de 1º bach F; na mesma modalidade de narración foi galardoado co 1º accésit “Vivir morto”, o traballo de Samuel López García de 1º bach E.

Na compaña de familiares, membros do profesorado e a directora Isabel Ruso de Lago, Marta e Samuel recolleron cadanseu galardón ao remate dun acto onde todos os participantes, especialmente o escritor mentor Antonio García Teijeiro, premio nacional de poesía en 2017 polo seu libro Poemar o mar, animaron aos novos escritores e escritoras a perseverar no camiño da escrita. 

Desde a comunidade educativa do IES Eusebio da Guarda dámoslles os parabéns polo seu entusiasmo e implicación no camiño da creación literaria e o seu compromiso coa nosa lingua.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Enlace a vídeos:

ROTEIRO CORUÑES DO REXURDIMENTO 1º BACH

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

Nesta primavera o alumnado de 1º de Bacharelato participa nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañado polo profesorado que guía a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participa co recitado de poemas dos escritores e escritoras conmemorados no percurso do roteiro.

Primeiramente visitamos o edificio onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a casa da escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia nesa mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta na rúa Rego da Auga, e a Real Academia Galega que presidiu Manuel Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Tamén recorremos o fermoso Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e ler un anaco do poema que Rosalía creou na súa honra, e que tamén se pode ler esculpido no muro da terraza desde a cal podemos contemplar a espectacular vista sobre a dársena coruñesa.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey dedicada a Curros Enríquez, explicando o seu simbolismo e a finalidade funeraria coa cal foi construído este monumento.

Por último, despedimos o roteiro diante da estatua de Pondal, o autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

1º BACHARELATO TRAS AS PEGADAS DE ROSALÍA

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística organizaron o xoves 14 de abril o ROTEIRO DE ROSALÍA DE CASTRO para o alumnado de 1º de Bacharelato como unha actividade didáctica contemplada na Programación para o curso 2022-23.

Uns 140 alumnos e 8 profesores partimos cara Padrón para visitar na Matanza a Casa-Museo de Rosalía onde as guías deron boa conta da vida de Rosalía e a súa familia desde 1883 ata  1885, data do seu pasamento, nesa vivenda.

A continuación fomos andando ata Colexiata de Iria Flavia onde puidemos escoitar da profesora Beni Vidal a historia de Santa María . Alí na Adina estaban enterrados os avós e pai de Rosalía, e alí tamén o foi ela o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres.

Reserváramos tamén unha visita na Fundación Camilo José Cela, situada enfronte de Iria, e alí os guías fixéronnos un percorrido pola vida e obra do Nobel de Literatura, para rematar coa Exposición adicada a Cela e a Picasso no 50 Cabodano do pintor. 

A continuación visitamos a Exposición adicada á chegada do ferrocarril a Galicia.

E chegado o mediodía puxemos rumbo a Compostela cara a Alameda a facer a nosa homenaxe a grande Rosalía. Alí o alumnado leu algúns dos poemas máis fermosos de Cantares Gallegos e Follas Novas.

Pola tarde reunímonos na praza do Obradoiro para contemplar a fermosura da catedral, o pazo dos RRCC, o pazo de Raxoi e o de San Clemente. Seguimos andando por San Martín Pinario ata chegar a San Domingos de Bonaval, a nosa última visita, esta vez para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e renderlles homenaxe a Castelao, Brañas, Cabanillas, Fontán, Asorey e a Rosalía, obxectivo principal do noso camiño polas pegadas de Rosalía.

Esta saída co alumnado de 1º de Bacharelato esperamos que fose un complemento á formación de Lingua e Literatura á vez que unha xornada de convivencia entre profesorado e alumnado.

Damos as grazas aos profesores Mª Teresa Pastor, Dulce Fernández, Beatriz Gonzalez-Moro, Elena Miranda, Lisi Prado, Daniel Varela e Antonio Fondo que tan ben nos acompañaron e tanto nos axudaron.                                 

Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Distribuir contido


by Dr. Radut