Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace
IIº CONCURSO DE FOTOHISTORIAS DO MAGOSTO 2023: “Entre a vendima e a castañeira”
O luns 13 de novembro o xurado resolveu o alumnado gañador do IIº Concurso de Fotohistorias do Magosto 2023 “Entre a vendima e castañeira”, organizado polo EDLG. O xurado estivo composto por membros do dito equipo. Así, tal e como aparecía recollido nas bases, concedéronse dous premios para aqueles mellores microrrelatos, os cales achegaron historias orixinais e inéditas, que tiñan como pano de fondo a festividade do Magosto, acompañadas de cadansúas fotografías, tamén de autoría propia. Deste xeito, resultaron gañadores os seguintes traballos: co
1º premio, consistente nunha tarxeta agasallo de 20 € para gastar na FNAC, para o alumno Nicolás Rodríguez Vázquez (1º Bach F), autor d ́Un magosto moi especial; e 2º premio, dotado cun lote de libros en lingua galega, para a alumna Laura Casais Antelo (1º Bach F), autora d ́A maxia do Magosto.
A entrega de premios tivo lugar este xoves 16 de novembro ás 12:10 h no 1º andar do edificio histórico, diante do taboleiro con todos os traballos presentados. As persoas encargadas de entregar os galardóns foron as alumnas Vera Blanco Pérez (2º ESO A) e Ariana Crego Romero (2º ESO D), integrantes do EDLG, quen aproveitaron o momento para darlles aos premiados uns colares de zonchos, moi acaídos neste mes de Santos ou de San Martiño.
Sen ningunha dúbida, somos un feixe de lembranzas, que percibimos polos cinco sentidos: vista, gusto, olfacto, tacto e oído. Así, o EDLG quixo destacar este costume tan de noso, para que non se perda e poidan gozar del as xeracións que piden paso no camiño ás alancadas.
En efecto, cando eu era pequena, a miña nai facía os colares de castañas cocidas con pelica (zonchos) para as súas catro fillas, o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos. Previamente, cocíaas con nébeda ou calaminta, unha planta moi presente en toda Galicia, que medra de xeito silvestre. Un recordo olfactivo era ese recendo, mestura de menta, anís e ourego, que se esparexía por toda a casa e que ficará para sempre na miña pituitaria. Unha vez cocidas e escorridas,
comezaba a ensarillalas cunha agulla grosa e cordel (ou tanza de pescar, unha das grandes afeccións do meu pai). Coma se dunha ourive se tratase, engadía unha a unha, ata crear aquela alfaia tan devecida por nós. Esa imaxe tampouco se borrará do meu maxín. Despois comprobaba a lonxitude axeitada do colar, e a morneza chegaba ao noso pescozo (e, a verdade, tamén o peso). Ata que despois se escoitaba a máxica oración: “Nenas, xa están os colares”. Despois saïamos á rúa coas nosas “xoias” e luciámolas con fachenda.
Di a tradición cristiá que cada castaña comida representa unha alma liberada do purgatorio. E que a rapazada ofrecíalle os zonchos á veciñanza que pasaba, co fin de ceibar o maior número de ánimas posibles. Segundo outras fontes, os colares de zonchos teñen a súa orixe nas celebracións celtas do Samain, e facíanse para llelos poñer ás nenas e nenos ao xeito de amuleto, coma protección contra os males espíritos. Sexa como for, na súa interpretación cristiá ou pagá, ás miñas irmás e a min o único que nos deleitaba era ese saborento manxar que iamos arrincando a dentadas ata deixar a pelica puída e o cordel baleiro.
É por iso que cómpre non esquecer este agarimoso costume dos colares ou rosarios de zonchos, coma un sinal da nosa identidade e coma respecto polos nosos devanceiros. Unha tradición de moita raizame outrora, que debemos conservar.
Outra proba máis disto témola na nosa grande Rosalía de Castro, a nosa Rosa das Rosas. A esgrevia poeta dicíalle á meniña gaiteira no comezo de Cantares Gallegos (1863) "Has de cantar, / que che hei de dar zonchos; / has de cantar, / que che hei de dar moitos...”.
Por último, o EDLG quere amosarlle o seu agradecemento a todo o alumnado participante polas súas fotohistorias e tamén polo entusiasmo amosado, que fago extensivo ao seu profesorado de Lingua Galega e Literatura, especialmente á profesora Beni Vidal Tomé, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura, e profesora do alumnado premiado neste certame, por alentalo na participación no mesmo.
Moitas grazas e parabéns a todas e a todos!
Teresa Pastor Novo
(Coordinadora do EDLG)