O pasado luns 8 de maio ás 16:15 h tivo lugar no Salón de Actos do IES P. Eusebio da Guarda un acto de homenaxe á escritora e violinista coruñesa Luísa Villalta Gómez. Baixo o título “O ollar calmo das palabras” a organizadora deste acto, a profesora de Lingua Galega e Literatura e coordinadora do EDLG, Teresa Pastor Novo, quixo renderlle un merecidísimo e persoal tributo a unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas.
Malia que foi no campo da poesía onde desenvolveu a súa faceta máis prolífica, cultivou de xeito maxistral outros xéneros, o que lle valeu o recoñecemento en diversos certames. Atendendo á súa terra natal, A Coruña, a homenaxe foi deseñada como a singradura dun barco, recalando en diferentes portos, entre os que destacaron: o coruñesismo: a simbiose de Luísa coa súa terra, coa súa Matria; o papel da música, o seu nó indisoluble coa súa gorentosa creación literaria; a docencia e a poesía: o ollar calmo das palabras; o seu compromiso coa lingua, como principal sinal identitario; o seu legado, o respecto pola súa memoria; e, finalmente, unhas sentidas verbas finais, onde se resalta¡ou a misión nosa: a de transmitir xeración tras xeración as verbas inmorredoiras da esgrevia autora coruñesa.
O emotivo acto, que contou coa asistencia da irmá e mais da nai da homenaxeada, así como diversas autoridades e expertos na súa obra, supuxo unha combinación da súa dimensión como escritora e mais como virtuosa do violín. Por este motivo, a música cobrou un papel moi destacado, coa actuación do alumnado do centro quen, baixo a coordinación da súa profesora de Música Rosa Mª Rodríguez Rivas, interpretou distintas pezas moi significativas para a autora, orgullosa do seu berce na cidade herculina. Pola súa infinda capacidade creativa e fondura de pensamento, manifesto claramente que esta dama da Cidade Alta é máis que merecente de ter, máis cedo que tarde, un oco de seu no Día das Letras Galegas.
Para rematar, sempre gardarei nas miñas fermosas lembranzas da docencia unha fermosa tarde do mes das flores, dun maio, maíño do ano 2023, onde todas as persoas presentes nesta homenaxe contribuímos para facerlle a Luísa Villalta Gómez un humilde recoñecemento, pero cunha manchea de corazóns.
Teresa Pastor Novo
(Profesora de Lengua e Literatura Galega, Coordinadora do EDLG)
Acceso ao artigo publicado na Opinión. Pinchar no enlace
Acceso ao tríptico da actividade. Pinchar no enlace
Acceso ás fotos da actividade. Pinchar no enlace