Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

ENTROIDO 23-24

Acceso a todas as fotos no seguiente enlace

Converxencias Arte e Ciencia: Juan Gris

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

O alumnado de 2º e 4º de Expresión artística e de 1º de bacharelato de Debuxo artístico, visitamos e fixemos o taller da exposición Converxencias arte e ciencia: Juan Gris no Centro Sociocultural Ágora. Acompañaronos as profesoras Beatriz Sixto ( Departamento de Matemáticas)e Eva Vérez ( Departamento de Artes Plásticas). 

Despois da presentación, fixemos o obradoiros e visitamos a exposición analizando a fondo desde a perspectiva da ciencia a obra de Juan Gris.

Graciñas a Ines Ben,  Manuel Díaz Regueriro e  as monitoras por facernos esta visita multidimensional!

CONVERXENCIAS ARTE E CIENCIA: JUAN GRIS

O alumnado de 2º e 4º de Expresión artística e de 1º de bacharelato de Debuxo Artístico e o alumnado de Matemáticas de 2º ESO D, 2º Bach de Matemáticas CCSS e de MEN de 2º de bacharelato, visitamos e fixemos o taller da exposición Converxencias arte e ciencia: Juan Gris no Centro Sociocultural Ágora. Acompañaronos as profesoras Beatriz Sixto ( Departamento de Matemáticas)e Eva Vérez ( Departamento de Artes Plásticas).

O ESTANDARTE DE LUISA VILLALTA

Acceso ás fotos no seguinte enlace.

Acceso aos artigos publicados en prensa: La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, La Opinión

Onte, 5 de febreiro, foi un día ben ledo, xa que a familia Villalta Gómez acudiu ao IESP Eusebio da Guarda, co gallo de recibir o cartelón de lona da esgrevia escritora coruñesa Luísa Villalta, que dende o venres 2 de febreiro aparece pendurado na fachada principal do edificio histórico.

Con este acto, o instituto quere significar a enorme importancia e o orgullo que a dita autora, protagonista hogano do Día das Letras Galegas, supón como espello en que mirarse a mocidade, que apura a cunca do seu futuro con grolos de ilusión e esperanza no seu porvir.

Como se dun estandarte romano se tratase, a imaxe da insigne coruñesa pendura con toda a súa forza no centro académico onde estudou.

Botando unha ollada á historia, o estandarte das lexións romanas agochaba un enorme simbolismo: era importante como punto de encontro, símbolo de orgullo e, en termos prácticos, como medio de comunicación durante a batalla. O simbolismo deste elemento vén á perfección no que representa a figura irrepetible de Luísa Villalta, colocada na fachada deste edificio histórico, ubicado nunha das prazas máis cenitais da nosa cidade, a Praza de Pontevedra, testemuño do intenso trafegar dos seus habitantes e tamén a ágora perfecta para o encontro de toda a poboación herculina. Por isto, o instituto é sen dúbida, o punto de reunión de todas as xeracións pasadas, presentes e futuras que converxen, como fixo Luísa, neste lugar. Alén diso, cal o estandarte romano, é un orgullo que colgue da fachada deste rexio inmoble, non só para este centro educativo, senón para todas as coruñesas e coruñeses, e para toda Galicia, en xeral. E, poñendo fin a esta comparanza con este elemento, o símbolo desta bandeira era ser medio de comunicación durante a batalla. Pois nunca máis acaído na múltiple mestría villaltina, espallada por todos os xéneros, onde deixou pegada do seu compromiso, da súa vertente social, sempre ao carón das causas xustas, dos problemas da súa época, Luísa de todas as batallas, coma a nosa heroína María Pita, brandindo a súa pluma, en defensa dos máis desfavorecidos.

A data da colocación, o venres 2 de febreiro, foi escollida á mantenta: a Festa da Candeloria ou das Candeas, a Festa do Amor, no calendario tradicional galego. Con isto, o instituto quixo amosarlle o seu fondo amor a unha antiga alumna destacada, con arte e mestría de seu que, xa noutrora, do seu tempo de estudante neste centro, foran descubertas por unha antiga profesora, tristemente falecida o ano pasado, Ma Teresa Rodríguez Taboada, quen quedou engaiolada polo seu talento e tamén lle deu azos para que se dedicase ao mundo das Letras. Moi bo ollo o desta docente porque, a Dama da Cidade Alta non só consagrou a súa vida á palabra, senón que a levou ao máximo recoñecemento que se lle pode dar a unha escritora na nosa terra, o Día das Letras Galegas.

O labor atento do profesorado, aquel que traballa coa mesma paixón que puxo Luísa en todo o que facía, convértenos nunha sorte de exploradores de talento ou cazatesouros, á espreita de potenciar as calidades do noso alumnado.

Así pois, Luísa, volves ao teu instituto pola porta grande, como marchaches aquel ano da túa graduación, 1974, levando baixo o brazo un feixe de ilusións e deixando unha lembranza agarimosa e tenra. Cada vez que parte unha promoción de estudantes, sempre se lles di: “Aquí fica a vosa casa”. Pois. en efecto, benquerida Luísa Villalta, como expresou cunha sensibilidade infinda o cantautor Antonio Vega, aquí, no teu instituto, terás sempre “o sitio do teu recreo”.

Moitas grazas á familia Villalta Gómez por coidar e custodiar con esmero o seu legado, defender con agarimo e afouteza a súa memoria durante estes vinte anos e ata a eternidade, co desexo de que a súa palabra chegue a todos e a todas e sexa inmorredoira.

Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura e

coordinadora do EDLG do IESP Eusebio da Guarda)

INAUGURADO OFICIALMENTE UN CARTEL EN HONOR A LUISA VILLALTA

Inaugurado oficialmente un cartel de lona na fachada do IES Eusebio da Garda en honra a Luisa Villalta coincidindo co 50 aniversario da súa gradación neste centro e o 20 aniversario do seu falecemento. O acto estivo protagonizado por familiares e profesorado deste instituto

Publicación de Voces da Coruña en Instagram. Pinchar no ENLACE

A OBRA DE EUSEBIO DA GUARDA

Acceso ao artigo publicado en El Ideal Gallego. Pinchar no enlace

DESPEDIDA A TERESA FRAGA

O Eusebio despide á vicedirectora e profesora de Bioloxía Teresa Fraga

Enlace ao artigo publicado en La Voz de Galicia

EDUCAR EN XUSTIZA

O pasado luns 29 de xaneiro os alumnos de Humanidades e Ciencias Sociais asistiron a sete xuizos celebrados no Xulgado de Instrución número 7, ubicado na antiga Audiencia Provincial, baixo a presidencia da Maxistrada de Instrución dona Pura Caaveiro Ameneiro. 

A actividade forma parte do programa da Consellería "Educar en Xustiza" e amosa de xeito didáctico o funcionamento do sistema xudicial nos seus niveis máis próximos ós cidadáns. Os alumnos foron acompañados polos profesores Caridad Loureiro, Charo Vázquez, Mercedes Pascual e José Luis Gundín. 

A actividade foi organizada polo Departamento de Filosofía.

O alumnado de francés viaxa a París

    

Audio de Radio Voz da saída no aeroporto de Alvedro

GRUPO DE TRABALLO INNOVATECH

Máis fotos no enlace

O grupo de traballo constituido no Eusebio para participar no programa INNOVATECH, asistiu o luns 22 de Xaneiro á Xornada de formación presencial en Técnicas de Design Thinking organizado polo Centro Galego de Innovación de FP no CIFP Universidade Laboral

TERESA PASTOR NOVO, FILÓLOGA, FALA SOBRE LUÍSA VILLALTA

Acceso ao artigo publicado en La Voz de Galicia, no seguinte enlace

O día para premiar as boas notas

Todas as fotos no seguinte enlace

Acceso ao artigo en prensa na Opinión. Enlace

Sergio Sánchez Precedo e Sol Davó Fernández recibiron cadanseu diploma pola mellor nota de acceso aos seus Graos. Parabéns!!!

Visita do alumnado de 4º ESO E á biblioteca municipal infantil e xuvenil de Durán Loriga

Máis fotos no enlace

O xoves 11 de xaneiro o alumnado de 4º ESO E acompañado pola súa titora asistiu a unha visita guiada pola biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga a cargo das bibliotecarias Lorena e Betty.

Primeiro faláronnos das bibliotecas municipais como centros de recursos gratuíto á disposición da cidadanía, e esta en especial para o público infantil e xuvenil; informáronnos sobre a posibilidade de facerse socio de forma completamente gratuíta e de como facelo. Ademais presentaron as numerosas actividades que levan a cabo para dinamizar a biblioteca e fomentar a lectura, especialmente o club de lectura Elclú, dirixido a adolescentes, os martes de 18:30 a 19:30.

Seguidamente presentaron unha serie de xogos de mesa moi interesantes, de recente incorporación á biblioteca. Participamos nunha mini-partida de Ikonikus, un xogo ben divertido para identificar e expresar as nosas emocións a partir dun texto literario. Para rematar, percorremos libremente a biblioteca curioseando todo o material que alí hai, e como non, fixémonos socias e socios.

Agradecemos a Lorena e Betty a amabilidade e dedicación que sempre nos dedican. Convidáronnos a volver cando quixésemos, e xa estamos desexando repetir.

Dulce Fernández Graña

Coordinadora dos Clubs de Lectura

O EUSEBIO E OS MÓBILES EN TELE 5

OLIMPÍADA MATEMÁTICA

 

O pasado venres 19 de Xaneiro, celebrouse na Facultade de Matemáticas da USC en Santiago de Compostela, a proba da Olimpíada Matemática Galega, como fase local da LX Olimpíada  Matemática Española.

Nestas probas, organizadas pola Asociación Eduardo García-Rodeja Fernández, selecciónanse ata 3 estudantes para representaren a Galicia na Fase Nacional da Olimpíada Matemática Española convocada pola Real Sociedade Matemática Española, e consisten en dúas sesións dunha duración de tres horas e media, para resolver tres problemas en cada unha delas.

O obxectivo fundamental é estimular o estudio das matemáticas descubríndoas fóra dos ríxidos temarios curriculares e dos chamados exercicios tipo, en definitiva, desenvolver o gusto pola resolución de problemas. 

Nesta proba ven de participar o noso alumnado (acompañados do profesor preparador o Catedrático de Matemáticas Luis Javier Rodríguez González): Nicolás Alonso Álvarez (3º ESO D), Vega Armada Santos (2º Bach. C), Juan Brandariz Castro (2º Bach. B), Manuel Carrasco Vieito (2º Bach. B), Jorge Estévez de Carrillo (2º Bach. C), Xosé González Prego (4º E.S.O. A), Sofía Martínez Diz-Lois (2º Bach. B), Jacobo Montero Naranjo (2º Bach. C), Elena Pernas Sancosmed (2º Bach. B), Ana Saz Varela (2º Bach. C), e Eva María Vázquez Lozano (2º Bach. B).

Finalizada a proba e a corrección, aos alumnos Xosé González Prego e Jorge Estévez de Carrillo  acadaron dúas merecidas Mencións de Honra.

Parabéns aos premiados, e agradecemento a todas e todos os alumnos que con esforzo asistiron ás sesións de preparación e participaron neste certame, e parabéns tamen ao seu profesorado.

ESA: EXAMES FINAIS (1º cuadrimestre) e MATRÍCULA (2º cuadrimestre)

 
EXAMES FINAIS DO 1º CUADRIMESTRE DA ESA

Os exames finais do 1º cuadrimestre da ESA terán lugar o mércores 31 de XANEIRO e xoves 01 DE FEBREIRO  co seguinte horario

Mércores 31 de Xaneiro  
17:00   Ámbito social.
18:30   Ámbito comunicación LC/LG
Xoves 01 febreiro
17:15 Ámbito de comunicación Inglés/Francés.
18:45 Ámbito Científico – Tecnolóxico.

A publicación das cualificacións correspondentes aos exames finais será o día 3 de febreiro. Revisión de exames e reclamacións os días 3 e 6 de febreiro
 
MATRÍCULA 2º CUADRIMESTRE

ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA (todo xaneiro) para 3ºESA (III MÓDULO) E 4º ESA (IV MÓDULO) DO 2º CUADRIMESTRE 
As ensinanzas do segundo cuadrimestre darán comezo o día  7 de Febreiro e as actividades lectivas rematarán o 21 de xuño de 2023. 

O alumnado que solicite matricularse na educación secundaria de persoas adultas deberá presentar a seguinte documentación: 

  • Orixinal e fotocopia do impreso de matrícula, unha vez cuberto.
  • Fotocopia do DNI (alumnado estranxeiro: Tarxeta de Residencia ou NIE)
  • Historial académico de ensinanzas cursadas ou libro de escolaridade.
  • Declaración responsable de non estar escolarizado nas mesmas ensinanzas noutro centro.
  • Resgardo do pago do Seguro Escolar (1,12€) en calquera sucursal de ABANCA (Nº conta: ES39 2080 006 49 3040009357)


NOTA: para matricularse dun ámbito é necesario ter aprobado o ámbito correspondente do módulo anterior. Os documentos están no instituto e, nos seguientes enlaces:

Impreso matrícula ESA

Modelo de declaración responsable

RESEÑA DO LIBRO ARS COQUENDI

Acceso ás fotos no enlace

O libro Ars Coquendi é o resultado final do traballo realizado polo alumnado de 1º ESO A e D, coordinado pola súa profesora de Lingua Galega e Literatura Ma Teresa Pastor Novo, quen compilou esta variada e noxenta carta de pratos. Daquela, puidéronse ver as receitas expostas no interior dunha desacougante caixa negra, nunha terrorífica mesa, instalada baixo o taboleiro do EDLG, no 1º andar, que agora aparecen reunidas neste libro. A dita profesora ideou un pretexto para contextualizar este receitario, creando unha ficción literaria, materializada nun microrrelato titulado O manuscrito Ars Coquendi. Nel, a docente inventou o personaxe dun antigo conserxe, alma en pena deste edificio, que foi gardando as receitas de antigos alumnos e alumnas. Porén, o que non contaba foi que, no seu descanso eterno, fose molestado por unha nova xeración.

Como broche de ouro, a profesora antes nomeada ideou unha curtametraxe, onde a realidade deste centro se mestura con esta ficción, narrada polo propio conserxe.

O libro Ars Coquendi, xunto con outros exemplares moi antigos e mais o microrrelato O manuscrito Ars Coquendi, pódese ver na vitrina da planta baixa do edificio histórico, ao lado da Biblioteca.

Seica alumnado e profesorado adoitan ás veces escoitar pasos e bater ovos, como se o espírito daquel vello conserxe estivese entre nós .......

Ma Teresa Pastor Novo

(Profesora de Lingua Galega e Literatura)

MANUSCRITO ARS COQUENDI

Sabedes o que significan as siglas DEP, mocosas e mocosos?! Ou o mesmo, RIP, na nobre lingua latina?  “Descansa en paz!”. Si, iso mesmo, EN PAZ! Pois así estaba eu durmindo apraciblemente ata que sentín o balbordo destes seres tolos, a buligar polo soto da miña derradeira morada. Ah, ah, desculpade que non me teña presentado aínda: chámome Fidel do Camposanto Pequeno. A que veñen eses risos? Ben, xa estou afeito. Levaba toda a vida aturando con esa herdanza patronímica pero, agora no Alén onde estou, lévoos con fachenda. Son o espírito dun vello conserxe deste instituto, un chisco rosmón, seica, pero non tanto, xa que a rapazada daquel entón púxome o alcume de Pequeniño, nun aceno agarimoso.

Pois resulta que antigamente algunhas das aulas do andar superior do edificio histórico cumprían o servizo de vivendas para os conserxes. De feito, algunha delas conserva o resto da “mirilla” ou ollo de pez da porta. Cheguei dunha aldea moi cativa, chamada Pedralba, na provincia de Ourense, e comecei a traballar neste instituto sendo eu un mozo; ao principio facía de mandadeiro. Como non tiña vivenda de meu, deixáronme albergarme nun cuarto da parte superior, e alí vivín feliz trinta e cinco anos, ata que, por desgraza, caín a rolos pola escaleira de mármore de Carrara e abrín a cabeza. E alí quedei. Pero non quixen marchar así, de súpeto. E decidín quedar “doutro xeito”. Agora son unha alma en pena que segue a coidar e a custodiar os obxectos que atesoura este vello inmoble.

Pois nestas estaba, cando por mor da “brillante” idea dunha profesora de Lingua e Literatura Galega, Teresa Pastor Novo, o alumnado de 1º ESO A e D deste curso 2023- 2024, foron de excursión polo instituto, guiados polas curiosidades que ten agochadas o noso emblemático centro. Así, non puido ter peor proposta esta docente sabichona que pescudar o soto, coa finalidade de descubrir algo. E alí, oculta entre teas de araña e diversos trebellos, os rapaces e rapazas ficaron abraiados diante dunha misteriosa caixa negra onde se podía ler, con letras sanguiñentas: ARS COQUENDI. Ao abrila, o feitizo que sentiron non puido ser maior, xa que contiña un manuscrito realizado por alumnado de hai máis dun século, con moitas receitas elaboradas cos ingredientes máis noxentos posibles, “saborentos” manxares do mundo do Alén. 

O meu gusto compilatorio e miña paixón pola tradición dos vellos códices medievais fixo que gardase con paciencia cada unha destas receitas e darlle forma de libro que, para min, é o meu tesouro. Ao parecer, unha antiga profesora mandáralles facer un traballo, consistente en inventar pratos imposibles de comer no mundo dos vivos. A verdade é que para min son unha excelente axuda agora, que estou no inframundo, porque nunca se me deu ben a cociña e agora fago estas sabedeiras receitas. Mais do que sempre gocei foi da lectura; fun e son un auténtico rato de biblioteca. Eu lera hai tempo un curioso libro, De re coquinaria, do escritor latino Marco Gavio Apicio, considerado o primeiro tratado sobre gastronomía, que serviu e aínda serve de guía para moitos dos escritores e cociñeiros posteriores. 

E así, aproveitando os meus coñecementos bibliográficos, decidín titular este receitario conservado Ars coquendi, que traducido do latín significa “A arte culinaria ou a arte de cociñar”. E, por último, gardeino nunha caixa negra, para que non acabase sendo manxar dos ratos, que o olen todo. Mais non foron ratos ........ Peor!!!!!!A sabichona da profesora e mais o seu alumnado colleron o meu tesouro e levárono para expoñer nunha vitrina, para dar a coñecer a todo o alumnado o marabilloso achádego atopado. Ah, pero antes de marchar do soto, agarrei un mociño polo brazo e díxenlle: “Agardo que me devolvades a miña alfaia; de non ser así, virá o meu espírito para facervos trasnadas”. O cativo fuxiu a fume de carozo, mentres a miña gargallada se mesturaba co timbre da fin da clase.

 

© Ma Teresa Pastor Novo (microrrelato)

© Ma Teresa Pastor Novo (curtametraxe)

GAÑADORES DOS CONCURSOS DE NADAL

Gañadores do concurso de decoración de aulal, 1º ESO D

Gañadores do concurso de árbores de Nadal, 2º ESO C

Máis fotos no enlace

Probas de Certificación en Lingua Inglesa Trinity 2023-24

 

 

 

 

 

TRINITY EXAMS 

PROBA ORAL (Speaking and Listening)

LUGAR: IES Plurilingüe Eusebio da Guarda
DATA: 6, 7, 8 de febreiro  de 2024 en horario a determinar para cada alumno/a

PROBA ESCRITA (Reading and Writing)

LUGAR: IES Plurilíngüe Eusebio da Guarda
DATA: 28 de febreiro de 2024
HORA DE ACCESO AO CENTRO: 15:00 horas
HORA DO EXAME: de 16:00 a 18:00 horas

O alumnado matriculado nas probas ten a súa disposición a AULA VIRTUAL do IESP Eusebio da Guarda "TRINITY COLLEGE EXAMS" con información sobre as diferentes probas.

O horario de atención para posibles dúbidas será os mércores no primeiro recreo no Departamento de Inglés. Tamén se pode acudir ao respectivo profesorado de Inglés

Mª José Pereira Vázquez

Coordinadora

Distribuir contido


by Dr. Radut