Skip to Content

    erasmus  stembach

av  plan d

proxectos

anpa1

Un alumno do centro gañador do XXVIII Concurso Canguro Matemático

O alumno de 2º ESO Nicolás Alonso Álvarez levou o primeiro premio no XXVIII Concurso Canguro Matemático. O concurso Canguro Matemático está organizado pola Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas (FESPM) dentro da convocatoria que a nivel internacional realiza a Asociación Kanmgorou Sans Frontières (AKSF). Nicolás competiu con máis de 3500 estudantes de 2º ESO de toda España e conseguiu o primeiro  posto.

Noraboa ao alumno, aos seus familiares e ao profesorado. A entrega de premios será o 27 de maio ás 10:30 horas na Facultade de Dereito da Universidade de Valladolid

https://canguromat.es/resultados-y-premios/

Olimpiada Matemática Galega para 2º ESO. Edición 2023

O Instituto Eusebio da Guarda tomou parte na Olimpíada Matemática que se celebrou na Facultade de Ciencias da Educación da UDC o 27 de abril de 2023. Participaron as seguintes alumnas e alumnos de 2º de ESO: Nicolás Alonso Álvarez, Flavia Cámara Neira, Antonio Escolante Segret, Mar Fraga Estrada, Rosalía Franco Tarrío, Miguel Quesada Paz, Marta Vilela Chacón, Mar Vázquez Suárez. Foron acompañados polas profesoras de Matemáticas Aurora Labora Castro e Beatriz Sixto Rodríguez.

Para acceder a toda a información e fotos pinchar no enlace

ABAU 2024 - CONVOCATORIA ORDINARIA

ABAU 2024 - CONVOCATORIA ORDINARIA

SOLICITAR O TÍTULO DE BACHARELATO

(Trámite imprescindible para presentarse a ABAU).

  • Impreso cuberto cos datos do alumno-a, terás que cubrilo e imprimir 1 copia.
  • Seguir as instrucións para pagar as tasas.

Presentar os dous impresos o 20 (9:00-14:00 h) e 21 de maio (9:00-11:00) na Secretaría xunto cos impresos da ABAU.

MATRÍCULA ORDINARIA ABAU (Selectividade)

O alumnado que desexe matricularse da ABAU, unha vez cuberta a documentación e pagadas as taxas da ABAU e do Título de Bacharelato, deberá entregar na secretaría do centro o 20 (9:00-14:00 h) e 21 de maio (9:00-11:00), a documentación que se relaciona a continuación:

  • Fotocopia do DNI ou Pasaporte (no caso de estranxeiros).
  • Impreso de matrícula da ABAU . Cubrilo e imprimir 1 copia desde este enlace.
  • Resgardo acreditativo de ter aboados os prezos públicos de matrícula: cubrir este impreso e imprimir 3 copias.

Unha vez feita a matrícula, o alumnado poderá acceder á aplicación Nerta cunha  conta de usuario que lle chegará polo seu correo electrónico. Premer para ver as instrucións correspondentes.

Importe do prezo de matrícula ABAU:

  • Ordinaria:  63,67 Euros
  • Familia numerosa - Categoría xeral: 31,84 Euros
  • Familia numerosa – Categoría especial: Gratuíta

O alumnado que alegue ser membro de Familia Numerosa, deberá aportar fotocopia compulsada do Título de Familia Numerosa.

  • Persoal das Universidades do SUGGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada mediante certificación dos respectivos Servicios de Persoal e, no caso de cónxuxe ou fillos, ademais por medio da fotocopia do libro de familia onde figure o matrimonio e o alumno/a.
  • Persoas con discapacidade (33%)Gratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa do órgano competente de Comunidade Autónoma pola que se recoñece a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de vítimas de terrorismoGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula coa correspondente resolución administrativa pola que se recoñecese a condición vixente, no prazo de matrícula.
  • Persoas coa condición de violencia de xéneroGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
  • Persoas beneficiarias da prestación do ingreso mínimo vitalGratuíta. A gratuidade deberá ser acreditada no momento de formalización da matrícula, mediante a resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social prevista no artigo 28.3 da Lei 19/2021, do 20 de decembro.

Publicación listaxe matriculados

21 de maio na aplicación Nerta pódense revisar os datos e pódese interpor reclamación desde as 11:00 ata as 13:00 horas na secretaría do centro se hai algún erro.

EXAMES ABAU

Lugar:

Sede alumnado do IES Eusebio da Guarda: ETS Enxeñería de Camiños, Canais e Portos. Campus de Elviña. A Coruña 

Sede alumnado neae: Facultade de Economía e Empresas. Campus de Elviña. A Coruña 

Datas convocatoria ordinaria: 4, 5 e 6 de xuño

Data de entrega de cualificacións provisionais: 13 de xuño (a partir das 20:00 h)

Data de entrega de cualificacións definitivas: 20 de xuño (a partir das 20:00 h)

Vídeo informativo

Horario das probas 

Protocolo ABAU

Aplicación Nerta: https://www.edu.xunta.es/nerta/ 

Máis información: CiUG 

Picasso na Coruña , coa colaboración da directora Isabel Ruso

Enlaces aos podcast: na Cadena Ser e en Spotify

Premios fotografía Xurxo Lobato 2023

Ángel González Casado, Enma Arango Branco e Leila García López alumnado do noso centro foron agasallados no 18º premio Xurxo Lobato de fotografía, correspondente ao corrente ano 2023. O xurado, nomeado para o efecto pola Xunta Directiva da Asociación de Amigos do Instituto Monelos, estivo integrado por Xosé Antón Fraga (Presidente), Xurxo Lobato, Marcos Sanchez, Lucía Patiño, Xosé Díaz e Xoán Antón Pérez-Lema (Secretario).

  • Ángel González Casado do IES Eusebio da Guarda da Coruña: "UNHA SO"
  •  Enma Arango do IES Eusebio da Guarda  da Coruña :  “PORTA ABERTA A LUZ”
  • Leila García López. Título da foto: " DALLE A VOLTA”

Xurxo Lobato cos agasallados, o seu profesorado Eva Vérez e Oscar Rodríguez de Dios e a directora Isabel Ruso

ACCIÓN

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Onte o noso alumnado de 4ºESO de filosofía e Ed Plástica Visual e Audiovisual e o alumnado de Debuxo e Antropoloxía de 1º de bacharelato visitaron a exposición de Meissel organizada pola Fundación Marta Ortega, na nave do peirao de Batería do porto da Coruña.

Esta visita forma parte dun proxecto en colaboración co Grupo de Investigación Arte-Facto da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña que ten por obxectivo que o alumnado se familiarice coa linguaxe cinematográfica e aprenda a ler e interpretar a imaxe visual.

Levouse a cavo coa colaboración do profesorado do centro Lucía Sesto ,Oscar Rodriguez De Dios, Eva Vérez Cotelo e a artista audiovisual, Belén Montero.

Alumnas do instituto leron un poema na Casa Museo Picasso

Co gallo do Día mundial da poesía e como participación á Celebración Picasso 1973.2023, as alumnas Iria Quilón, Marta Rodríguez González e Irene Pérez Lis, de 1º Bacharelato F, leron  na Casa Museo un poema de Paul Eluard, en francés e en galego, adicado a Pablo Picasso, e traducido por François Davo. Santiago Vilas encargouse de presentar e filmar. Publicamos un vídeo, froito da colaboración entre dúas entidades ligadas á historia da presenza do pintor na nosa cidade.

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO NO EUSEBIO DA GUARDA

23 de abril de 1926

23 de abril de 2023    

Celebración da Primeira Festa do Libro no paraninfo do Instituto Eusebio da Guarda.

O 6 de febreiro de 1926 Afonso XIII asinaba o Real Decreto do Día do Libro. En 1930 decídese que a celebración sexa cada ano o 23 de abril coincidindo co aniversario da morte de Miguel de Cervantes.

Case cen anos despois celebramos o Día de Libro de 2023 no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda cunha mostra de libros sobre Picasso como homenaxe ao pintor, estudante no noso centro na súa estadía na Coruña, no seu 50 cabodano.

Feliz Día do libro!

Acceso a todas as fotos no seguinte enlace

Entrega premios Minerva 2023

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado mércores 12 de abril celebrouse no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela a cerimonia de entrega dos premios Minerva ao alumnado gañador. Do IES Eusebio da Guarda resultaron premiados co 3º premio de narración “A gran tormenta”, traballo de Marta Rodríguez González de 1º bach F; na mesma modalidade de narración foi galardoado co 1º accésit “Vivir morto”, o traballo de Samuel López García de 1º bach E.

Na compaña de familiares, membros do profesorado e a directora Isabel Ruso de Lago, Marta e Samuel recolleron cadanseu galardón ao remate dun acto onde todos os participantes, especialmente o escritor mentor Antonio García Teijeiro, premio nacional de poesía en 2017 polo seu libro Poemar o mar, animaron aos novos escritores e escritoras a perseverar no camiño da escrita. 

Desde a comunidade educativa do IES Eusebio da Guarda dámoslles os parabéns polo seu entusiasmo e implicación no camiño da creación literaria e o seu compromiso coa nosa lingua.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

Enlace a vídeos:

Visita a Lugo

Para acceder a todas as fotos da actividades pinchar no enlace

O día 19 de abril o alumnado de 1º Bacharelato da materia de Latín realizou unha saída didáctica á cidade de Lugo para tratar “in situ” o tema da romanización da Gallaecia acompañados polas profesoras Lisi Prado e Belén González.

A primeira parada foi a visita guiada sobre Romanización no Museo Provincial de Lugo onde puidemos contemplar pezas fundamentais da cultura castrexa e romana como o mosaico de Dédalo e Pasifae, o torques de Burela, a estela de Crecente, o bronce xurídico do Courel e apreciar o Museo en sí mesmo, antigo mosteiro franciscano.

Dirixímonos logo cara a Domus de Mitreo, excavación arqueolóxica dunha domus romana cun templo de Mitreo no seu interior onde tivemos a ocasión de ver os impresionantes cimentos da muralla de Lugo e a explicación por parte do guía do conxunto arqueolóxico. 

Finalizamos a visita a Lugo coa volta a pé da Muralla de Lugo (2.200 m) desde onde contemplamos todo o recinto da antiga Lucus Augusti e despeiunos da cidade o magnífico mural de  Iulius Caesar do xoven artista Diego As.

A  xornada resultou moi interesante e formativa  para o alumnado de Humanidades que, ademáis, desfrutou dun fermoso día de convivencia.

Departamento de Latín

O CLUB DE LECTURA CO ALUMNADO DO CEIP EUSEBIO DA GARDA

Para celebrar o 20 de marzo, Día Mundial da Narración Oral, o club de lectura de 1º da ESO preparou un contacontos para o alumnado do veciño CEIP Eusebio da Guarda. Organizaron seis sesión e convertéronse en contadoras de historias para os tres cursos de Infantil así como para 1º, 2º e 3º de Primaria. 

As obras elixidaS para Infantil foron Madrechillona, O peizoque Roque e A Cebra Camila. As nosas alumnas acompañaron as narracións con paneis moi vistosos, cancións e bailes. Os pequenos estaban tan entusiasmados que tiveron que improvisar e contarlles moitos contos máis dos que levaban preparados.

Para os primeiros cursos de Primaria, as obras elixidas foron O monstro de cores, conto para o que as narradoras prepararon materiais moi vistosos, unha canción e un baile, e varios relatos da obra Cuentos en verso para niños perversos, para os que as nosas contadoras se caracterizaron e representáronos de modo teatral. 

Esta actividade resultou moi bonita e satisfactoria tanto para as narradoras como para os atentos oíntes. Unha experiencia para lembrar!

Enlace ao blog

ROTEIRO CORUÑES DO REXURDIMENTO 1º BACH

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

Nesta primavera o alumnado de 1º de Bacharelato participa nos roteiros didácticos organizados polo Departamento de Lingua e Literatura Galegas, destinados a coñecer mellor a nosa cidade e a súa importancia na época do Rexurdimento galego. Acompañado polo profesorado que guía a explicación dos diferentes lugares emblemáticos, o alumnado participa co recitado de poemas dos escritores e escritoras conmemorados no percurso do roteiro.

Primeiramente visitamos o edificio onde viviu Eduardo Pondal na rúa Xoana de Vega, a casa da escritora Francisca Herrera Garrido, veciña de Rosalía de Castro, que morou xunto a Manuel Murguía e familia nesa mesma rúa do Príncipe, o teatro que leva o nome da poeta na rúa Rego da Auga, e a Real Academia Galega que presidiu Manuel Murguía, situada no mesmo edificio que a Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Tamén recorremos o fermoso Xardín de San Carlos para vermos o sepulcro de Sir John Moore e ler un anaco do poema que Rosalía creou na súa honra, e que tamén se pode ler esculpido no muro da terraza desde a cal podemos contemplar a espectacular vista sobre a dársena coruñesa.

Finalizamos o paseo nos Xardíns de Méndez Núñez, deténdonos primeiro fronte á monumental escultura de Asorey dedicada a Curros Enríquez, explicando o seu simbolismo e a finalidade funeraria coa cal foi construído este monumento.

Por último, despedimos o roteiro diante da estatua de Pondal, o autor da letra do himno galego, coas pernas cansas, a mente chea de novos coñecementos e unha nova perspectiva da nosa cidade.

Departamento de Lingua e Literatura Galegas

1º BACHARELATO TRAS AS PEGADAS DE ROSALÍA

Para acceder a todas as fotos da actividade pinchar no enlace

O Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística organizaron o xoves 14 de abril o ROTEIRO DE ROSALÍA DE CASTRO para o alumnado de 1º de Bacharelato como unha actividade didáctica contemplada na Programación para o curso 2022-23.

Uns 140 alumnos e 8 profesores partimos cara Padrón para visitar na Matanza a Casa-Museo de Rosalía onde as guías deron boa conta da vida de Rosalía e a súa familia desde 1883 ata  1885, data do seu pasamento, nesa vivenda.

A continuación fomos andando ata Colexiata de Iria Flavia onde puidemos escoitar da profesora Beni Vidal a historia de Santa María . Alí na Adina estaban enterrados os avós e pai de Rosalía, e alí tamén o foi ela o 15 de xullo de 1885, e case seis anos despois trasladáronse os seus restos a Santiago, ao Panteón de Galegos Ilustres.

Reserváramos tamén unha visita na Fundación Camilo José Cela, situada enfronte de Iria, e alí os guías fixéronnos un percorrido pola vida e obra do Nobel de Literatura, para rematar coa Exposición adicada a Cela e a Picasso no 50 Cabodano do pintor. 

A continuación visitamos a Exposición adicada á chegada do ferrocarril a Galicia.

E chegado o mediodía puxemos rumbo a Compostela cara a Alameda a facer a nosa homenaxe a grande Rosalía. Alí o alumnado leu algúns dos poemas máis fermosos de Cantares Gallegos e Follas Novas.

Pola tarde reunímonos na praza do Obradoiro para contemplar a fermosura da catedral, o pazo dos RRCC, o pazo de Raxoi e o de San Clemente. Seguimos andando por San Martín Pinario ata chegar a San Domingos de Bonaval, a nosa última visita, esta vez para visitar o Panteón de Galegos Ilustres e renderlles homenaxe a Castelao, Brañas, Cabanillas, Fontán, Asorey e a Rosalía, obxectivo principal do noso camiño polas pegadas de Rosalía.

Esta saída co alumnado de 1º de Bacharelato esperamos que fose un complemento á formación de Lingua e Literatura á vez que unha xornada de convivencia entre profesorado e alumnado.

Damos as grazas aos profesores Mª Teresa Pastor, Dulce Fernández, Beatriz Gonzalez-Moro, Elena Miranda, Lisi Prado, Daniel Varela e Antonio Fondo que tan ben nos acompañaron e tanto nos axudaron.                                 

Beni Vidal, xefa do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Charla/obradoiro do youtubeiro Éric Dopazo

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

O pasado venres 31 de marzo levouse a cabo unha actividade integrada no contrato-programa Inclúe, liña Iguála-T, organizado pola profesora coordinadora do grupo Iguais na Diversidade, Noemí Díaz, dentro do apartado “Obradoiros”, en en colaboración co Equipo de Dinamización de Lingua Galega. Tratouse dunha charla/obradoiro que tivo lugar no Salón de actos, dirixida ao alumnado de 3o ESO, do músico e youtuber Éric Dopazo, que escribe música e fai videos en lingua galega en Youtube, ademais de ser premiado como mellor youtubeiro en 2022 (no concurso Youtubeir@s). Rapaz trans (aínda que este non foi o tema principal do obradoiro, pero é importante para naturalizar e poñer en valor a diversidade das persoas) ofreceu un relatorio lúdico e distendido sobre aspectos autobiográficos e tamén sobre diferentes personaxes históricos, dende unha perspectiva provocadora, acaída para a idade do auditorio. Dende o EDLG, a coordinadora do mesmo, Teresa Pastor Novo, quixo agradecer de igual xeito o seu compromiso co uso da lingua galega, achegándoa aos tempos modernos e apta para ser empregada en todos os foros. Por tal motivo, recibiu un agasallo deste equipo, de mans da profesora e membro do EDLG, Noemí Díaz.

O Instituto Eusebio da Guarda elemento fundamental na formación de Picasso

 Para acceder a toda a información en Twitter pinchar no enlace

Intercambio con Fontenilles, Francia

Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Un ano máis un grupo de 33 alumnos e alumnas de 3º de ESO pasou a súa semana de intercambio organizada polo departamento de francés  co colexio Irène Joliot-Curie, en Fontenilles, unha localidade próxima a Toulouse. Ao longo da semana viviron unha intensa inmersión lingüística nas súas familias de acollida, pero tamén visitaron as cidades de Toulouse, Auch e Carcassonne, foron recibidos polo alcalde de Fontenilles, que lles explicou os símbolos da República , acudiron a unha antiga fragua para descubrir un oficio tradicional, observaron os distintos postos do mercado “Victor Hugo” de Toulouse, mercaron produtos típicos, recibiron un curso de cociña dun chef francés e realizaron moitas outras actividades, deportivas e culturais, organizadas polo centro. O programa culminou coa festa de despedida que nos ofreceron as familias, na  que tivemos a ocasión de agradecer todas as mostras de hospitalidade. Os dous grupos interpretaron as cancións que tiñan preparadas en francés e español. Todos os asistentes coincidimos en valorar moi positivamente este encontro que cada ano intensifica os vínculos entre ambos os centros, pensando xa na  continuidade desta enriquecedora experiencia.

Enlaces a videos de diferentes actividades:

Vídeo 1
Vídeo 2
Vídeo 3

Joyeux Poisson d´avril !

 

 Para acceder a todas as fotos pinchar no enlace

Os alumnos de 1º de ESO de francés celebran esta simpática tradición cunha exposición chea de colorido.

En Francia, o primeiro de abril, os rapaces poñen peixes de papel nas costas da xente dicindo "Poisson d´avril". Ademáis hai bromas nos xornais, na televisión... e mesmo nos colexios. Coidado coas inocentadas! 

Visita de Fuco Paz Souto no centro

Toda a información da actividade pinchando nos seguintes enlaces:

 

Intercambio coa Escola Torunska de Varsovia, Polonia

Estes días está no noso instituto o alumnado da Escola Torunska de Varsovia, Polonia, cos seus profesores. Pasarán unha semana de intercambio cultural co programa Erasmus +

Proxecto Neo

Este curso desde o EDLG do IES Eusebio da Guarda, integrámonos no Proxecto Neo, unha iniciativa que naceu hai xa moitos anos en Burela da man do profesor Bernardo Penabade, e que busca potenciar e visibilizar os e as neofalantes de toda Galiza a través da radio escolar. 

Así, pescudando na nosa comunidade educativa demos con varios/as neofalantes de diversos tipos; profesores/as ou estudantes, todos/as teñen en común un uso consciente da lingua, a constancia no emprego do idioma, e mais un proceso de fonda reflexión sociocultural e histórica que impulsa ao compromiso lingüístico. Hai quen descubriu o galego coas escolas infantís da Galiña Azul, ou quen se namorou das variedades dialectais dos seus avós e avoas, quen abrazou o galego por amor e quen o fala por pura lóxica. 

Hai neofalantes para todos os gustos. Convidámosvos a coñecelos/as e, por que non? A deixarvos enfeitizar.

Para acceder a toda a información do proxecto Neo pinchar no enlace

 

                                         EDLG do IES Eusebio da Guarda

Distribuir contido


by Dr. Radut