Skip to Content

Acreditación da competencia dixital do alumnado para persoas adultas de ESA IV e 2º BAC Adultos (ComDix)

A Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades ven de publicar as instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de réxime especial, e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.

Os centros inscribirán o alumnado que solicitase participar na proba de nivel intermedio ou na proba parcial da área de dominio 4 do nivel intermedio, coa data límite do 22 de maio.

Os niveis de competencias dixitais que se acreditarán no curso 2023-2024 son os seguintes:

  • ComDix Iniciación (Equivalente a nivel A2)
  • ComDix Intermedio (Equivalente a nivel B2)

O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria obtido polo réxime de persoas adultas recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación. O alumnado matriculado en ESA IV poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.

A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais. No caso de que unha alumna ou un alumno obteña o título de bacharel e ademais supere a proba específica da área de dominio 4 do nivel intermedio, recibirá a certificación ComDix que acredita o nivel intermedio.

As acreditacións do alumnado terán unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.

O alumnado que desexe participar nas probas específicas deberá cumprir os seguintes requisitos:

  • Estar matriculado en ESA IV para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
  • Estar matriculado en 2º de bacharelato para persoas adultas para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

O alumnado de ESA IV e o alumnado de 2º de bacharelato para persoas adultas que desexe realizar a proba específica solicitará a súa inscrición entregando o impreso adxunto na secretaría do centro ata o día 22 de maio de 2024, incluído. Os impresos serán entregados a todo o alumnado en formato físico, polo que non é necesario que o alumnado o imprima (podedes recollelo en conserxería ou en xefatura de estudos e entregalo na mesma xefatura de estudos ou en secretaría pola mañá).

As convocatorias de probas específicas, no curso 2023-2024, realizaranse consonte ao seguinte calendario:

  • A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de xuño. Terá unha duración de 20 minutos (con 12 preguntas) e realizarase en horario lectivo.
  • A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase no centro durante o mes de xuño. Terá unha duración de 90 minutos (con 60 preguntas) e realizarase en horario lectivo.

Informarase do día e da hora das probas coa antelación suficiente para a organización das mesmas según as asignadas ao centro pola Dirección xeral de Formación Profesional.

Aínda que a inscrición nas probas é voluntaria recoméndase a todo o alumnado de 2º de Bacharelato presentarse ás mesmas.

As probas son gratuítas para todo o alumnado.

Resolución do 29 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de formación profesional, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño de réxime especial, e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023-2024.

Neste enlace tedes a posibilidade de realizar una proba de exemplo do nivel intermedio: https://certificacion-competenciasdixitais.xunta.gal/gl

O contido do Marco Galego de Competencias Dixitais (MGCD) pódese consultar na ligazón: https://ficheiros-web.xunta.gal/comdix/20231213_EstruturaMGCD_v.1.0.pdf

 



story | by Dr. Radut