Se crees que podes estar en risco de suicidio…
Se sentes que estás en risco ou se xa realizaches un intento de suicidio, aquí tes algunhas recomendacións sobre como poderías actuar:
1. Acorda unha cita cun ou cunha profesional da saúde mental: psicoloxía ou psiquiatría
Se non sabes a onde ir, podes pedir axuda a familiares ou amizades para que che axuden a xestionar unha cita ou che aconsellen a quen acudir.
2. Pide información
É importante coñecer que che está pasando, os riscos, as consecuencias e como facerlles fronte.
3. Busca recursos e asociacións
As asociacións da túa contorna poden orientarche e darche apoio para coñecer os recursos aos que podes acceder. En Saúde Mental FEAFES Galicia contamos co programa “Conecta coa vida” de atención e prevención do suicidio.
4. Fala cunha persoa da túa confianza, amizade ou familiar
Non sintas vergoña e comunícalle o que che sucede; poderás compartir a túa angustia e sentirás o seu apoio. Se falas con alguén e sentes que non te entende, recorre a outras persoas.
5. Se che resulta de utilidade, crea un plan de seguridade coa axuda dun ou dunha profesional
Isto serve para reducir o risco doutro intento e podes compartilo con familiares ou amizades de confianza.