Skip to Content

Actividades

Alumnado de Latín de 4º ESO e 1º Bacharelato participa na V LVDI COMPOSTELLANI

Alumnado de Latín na V LUDI COMPOSTELLANI

Alumnado de Latín de 4º ESO e 1º Bacharelato participou, o mércores 22 de xaneiro, nos V LUDI COMPOSTELLANI, organizados pola SEEC-Galicia, en colaboración co grupo de investigación “Estudos Clásicos e Medievais” da USC, tendo lugar na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela. Entre o programa de actividades estaba unha recreación histórica do funcionamento das LEGIONES ROMANAE, ademais puideron participar nun obradoiro de danza grega antiga como se observa nas fotos que acompañan esta nova.  Foron acompañados polos profesores Raúl Gómez e Jesús López. A actividade foi organizada polo departamento de Cultura Clásica.

Alumnado de Latín nos V LUDI COMPOSTELLANI

 

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato en Croacia

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato en Croacia

O alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato que, desde o pasado 21 de marzo, realiza unha viaxe a terras croatas pasa as súas útlimas horas pola costa adriática. Deixamos aquí unha reflexión do organizador da viaxe, o profesor do departamento de Cultura Clásica, Raúl Gómez Pato:

  "A excursión do IES de Valga a Croacia está chegando á súa fin. Estamos descubrindo este marabilloso país e as súas xentes a través de dúas espléndidas mostras, Dubrovnik e Split. Polo medio fixemos unha parada en Mostar para ver de preto a súa cidade antiga e os aterradores e devastadores efectos da guerra, que aínda se poden percibir nos edificios e, lamentabelmente, nas persoas. Tamén tivemos oportunidade de visitar dúas illas croatas, sorprendentes pola súa paisaxe (nunha delas fixemos unha ruta de sendeirismo de 8 km), pola súa orografía montañosa rodeada dun mar dunha cor turquesa impactante, e, como non, polos seus preciosos pobos; nelas ademais puidemos bañarnos no Mare Nostrum e comprobar no noso corpo que aínda non ten a pracenteira temperatura do verán, aínda que mereceu ben a pena. Quédanos só un día por aquí que aproveitaremos para visitar a cidade romana de Salona, facer as últimas compras e despedir este fantástico país cun cariñoso ata pronto."

 
   

Viaxe a Croacia do alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato iniciou unha viaxe a Croacia. Desde a madrugada do xoves 21 de marzo e durante unha semana terán ocasión de disfrutar dos sitios máis emblemáticos de Dubrovnik e dalgúns dos lugares máis representativos da costa adriática do país croata. Nesta primeira xornada viaxaron vía Barcelona cara a Dubrovnik onde se aloxan no hotel Lero. Esta viaxe foi organizada polo departamento de Cultura Clásica  e están acompañados polos profesores Raúl Gómez e Mario Sosa.

Alumando de 4º ESO e 1º Bacharelato asiste ao Festival de Teatro Grecolatino en Lugo

                             Alumnado 4º ESO recolle 2º premio concurso Odisea Galiza

Alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato, das materias do departamento de Latín e Grego, asistiu o 11 de marzo en Lugo ás xornadas da XVII edición do Festival de Teatro Grecolatino, organizadas pola SEEC de Galicia. Ademais, o alumnado de 4º ESO B, Pedro Ramos, Anabel Villamarín e Lucía Fariña,  recolleo o segundo premio logrado no concurso Odisea galego. Parabéns!!!. A actividade foi organizada polo departamento de Cultura Clásica.  

Alumnado de Cultura Clásica no Festival de Teatro Grecolatino en Lugo Alumnado de Cultura Clásica no Festival de Teatro Grecolatino en Lugo 

 
   

Alumnado do noso Centro á final galega do concurso de cultura clásica "Odisea"

  O concurso Odisea sobre coñecementos de Cultura Clásica, na súa edición do ano 2019, que versou sobre "A Ciencia e a tecnoloxía en Grecia e Roma", rematou na súa primeira fase o xoves pasado. Rematado o prazo de reclamacións, o IES de Valga conseguiu alcanzar a fase final de Galiza xunto con outros 12 grupos máis, pertencentes ás catro provincias galegas. Esta celebrarase o próximo mércores 13 de febreiro a partir das 17 horas. Para competir, xs tres alumnxs do IES de Valga desprazaranse ao IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

Hai que destacar que o grupo que alcanzou a final fíxoo co quinto mellor tempo dos grupos finalistas, o que supón serias posibilidades de quedar entre os tres primeiros na seguinte fase (isto reportaría un premio en metálico) ou mesmo a oportunidade de  gañar, ofrecéndolles a posibilidade de participar no concurso estatal español. 

Foi un magnífico resultado para todo o alumnado que participou, pois os demais grupos conseguiron chegar á última xornada do concurso con serias posibilidades de alcanzar a final.

Por último, non debemos esquecer darlle moitísima forza e ánimos aos tres alumnxs pertencentes ao grupo Τό μηχανόεν (To meghanoen): Lucía Fariña Potel, Pedro Ramos Pereira e Ana Isabel Villamarín Otero, que cursan Latín no grupo de 4º B da ESO.

 
   
Distribuir contido


by Dr. Radut