Na tarde do mércores 1 de febreiro celebrouse en diferentes sedes galegas a fase de desempate da edición 2023 do Concurso "ODISEA". Neste concurso o alumnado da nosa comunidade compite, en grupos de ata tres membros, por demostrar quen son os que teñen os mellores coñecementos sobre a antigüidade grecolatina.
Trátase dun concurso on-line onde non só se prima achar as respostas acertadas ás cuestións que se formulan, senón que tamén importa, e moito, o tempo que cada grupo invirte en contestalas. Na fase final galega participaron doce grupos e o noso grupo finalista, equipo "ΝΈΦΟΣ", composto por Alba Blanco, Iria Collazo e Herea Eitor, alumnas de 1º Bacharelato de Humanidades, volveu a ser as que tiveron maior puntuación nas respostas, xunto aos equipos do IES Val Miñor e IES Río Miño, pero conseguiu facelo ademais en moito menos tempo que os demais grupos participantes, polo que finalmente acadaron o primeiro posto de Galiza, e acudirán como representantes do noso país a competir coas outras comunidades españolas que participan na fase estatal. Esta fase estatal terá lugar o vindeiro mércores, 8 de febreiro.
Moita sorte de novo ás nosas campioas Alba, Herea e Iria.