A inauguración da mostra “Santiago 1936” foi un evento de grande interese. O alumnado presente (2BACH e 2ESO) puido escoitar palabras que iluminaron as fotos, as portadas dos periódicos, os carteis anunciadores ou reivindicativos que están no vestíbulo do instituto.
No vestíbulo, entre os paneis da mostra escoitaron moitas palabras. As palabras, sempre as palabras. As palabras que teñen que estar por riba do asubío das balas, por riba do ruído das patadas e puñadas, por riba do ruído da terra caendo sobre as fosas dos corpos das persoas asasinadas.
Dende o grupo HISTAGRA quíxose construír un novo relato do sucedido en Santiago despois do golpe de Estado de 1936, nese momento no que se empezou a deixar atrás unha República democrática para ir cara unha Ditadura pasando por unha Guerra Civil.