Skip to Content

contador gratis para blog

Escolares, Complementarias, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Ed. física, Idioma extranxeiro

Traballando os rasgos das emocións na clase de plástica

Hoxe en clase de plástica estivemos traballando caras de emocións. A actividade consistiu en facer moitas caras diferentes e sacarlles fotos. Coas fotos fixemos un collage. Tamén aprendimos como se utilizan as cámaras: o encadre, o primeiro plano, a luz, como se descargan as fotos no ordenador, o enfoque, etc.

Samuel Nogueira

O Entroido é Carnaval - O Vídeo

Concurso Literario - Unha experiencia de aprendizaxe na aula de mates

Voltamos do Entroido e continúan as nosas experiencias de aprendizaxe nas aulas. Como sabedes, un dos proxectos deste curso chámase Applícate o conto. Con el queremos crear unha aplicación de contos infantís para teléfonos móbiles android e iphone. Creamos os personaxes, inventamos historias, escribímolas, corrixímolas e sometémolas ao xuízo do público: os propios nenos e nenas. Así comprobamos cal das historias lles resulta máis interesante ou graciosa. Para isto desenvolvemos unha actividade na aula de matemáticas que consiste en escoitar e valorar os contos outorgándolle de 1 a 8 puntos. A mecánica é tan sinxela coma a dos concursos da tele, tan de moda nesta época. Ao rematar lemos en voz alta os puntos e imos anotándoos na libreta. Usando a calculadora realizamos a suma e comparamos os resultados entre sí para ordenalos de maior a menor. Así creamos un ranking cos contos máis interesantes. Polo camiño descubrimos que é importante facer os números cunha forma bonita para que se poidan entender. Tamén que temos que ser limpos e ordenados na libreta para que os datos non se trabuquen. Que non importa se dicimos os números desordenados cando sumamos, xa que a suma ten propiedade conmutativa. Que a calculadora é unha ferramenta útil cando temos que realizar moitas sumas seguidas.

E de paso aprendemos que os gustos son unha cuestión persoal. Que cando valoramos non debemos deixarnos influir pola opinión dos outros xa que todas son respectables.

De excursión científica a Ourense

O pasado 25 de febreiro o alumnado da ESO visitou a exposición da Fundación La Caixa: Neolítico, de nómadas a sedentarios. Aproveitando a visita á cidade foron visitar o IES Otero Pedrayo. Aquí vos deixamos unha galería de imaxes.

 

Os instrumentos de percusión de metal

Vimos de pasar un entroido moi musical onde o alumnado do noso centro tivo oportunidade de vivir dende dentro unha experiencia moi similar á do carnaval do Brasil. Construímos uns tambores con latas e unhas maracas con botellas de plástico. Descubrimos os sons agochados nos obxectos cotiáns. E na aula de música a experiencia continúa nas clases de infantil, explorando os instrumentos escolares de pequena percusión. Hoxe foi a quenda dos instrumentos de metal coas súas particularidades, como a do prato, o campión da duración; a pandeireta, que é de dúas familias; os cascabeis, co seu son que nos lembra ás panxoliñas de nadal ou o agogó, que nos lembrou ao ritmo de "quero pan con marmelada". Velaquí unha composición fotográfica.

A grande festa do Entroido

E por fin chegou o grande día. Todo o traballo das familias cosendo os disfraces e buscando latas sobre as que percutir. As nenas e nenos ensaiando, construíndo e decorando as baquetas. Todo o profesorado implicado na decoración, vestimentas, ensaios e organización. Todo elo para poder pasar unha tarde feliz ao son da música e gozando do espírito máis entroideiro. Velaquí unha boa mostra delo, unha galería de imaxes que testemuñan un día de celebración e cor.

 

O Entroido é o Carnaval

O Entroido é Carnaval é o lema da festa deste ano no noso centro. Como xa saberedes o Entroido é a entrada na primavera, o renacer da vexetación e tamén o principio da cuaresma cristiana. O Carnaval ven do latín carne levare é dicir, o comezo da época na que non se pode comer carne. Coa celebración deste ano queremos tender unha ponte entre o Entroido tradicional galego e o Carnaval máis famoso do mundo, o Brasileiro. Este vernes 28 ás 15:45h faremos unha batucada escolar que levamos traballando durante dúas semanas. O alumnado construiu maracas, tambores e baquetas con material de refugallo. Coa axuda dos PerQtores de Seixalbo faremos retumbar os cimentos do cole cos nosos ritmos. Queredes ensaiar na casa? Aquí tedes os ritmos. E tamén unha galería do xoves no recreo seguindo as ordes da Meca para vir disfrazados de profesións.

 

O ENTROIDO XA ESTÁ AQUÍ...A MECA MANDA VIR ASÍ...

O Entroido chegou ao cole de Cea, e todos nós educadamente faremos o que a MECA nos ordea

 

Hoxe luns, como "ANIMAIS" ruximos.

Mañá martes con "DEPORTES" saltaremos.

O mércores ... xa veremos!

Carreira en Maside

Continuando na liña do artigo recentemente publicado sobre unha visita ao teatro, o alumnado do centro ponse aos mandos da web e, tal que xornalistas, informan das súas actividades escolares e complementarias. Nesta ocasión son as nenas e nenos de 3º de Primaria os que nos achegan unha crónica da xornada de Deporte Escolar celebrada en Maside na que competiron nunha carreira campo a través con alumnado doutros centros da comarca.

Esta carreira foi moi dura, pero aínda así divertímonos. Os nenos eran moi competitivos, tal vez demasiado. O centro vencedor foi o colexio da Uceira. Tamén todos os centros recibiron un trofeo.
Temos moitas anécdotas que contar: Unha nena caeu ao chan porque a empurraron e sangroulle o nariz. Como había moito barro a unha nena saíuselle o zapato do pé e andaba tirando del para sacalo de alí. Había un cabalo que mexou e corría moito e aos nenos resultoulles moi gracioso. Un neno estaba correndo, caeulle un zapato e despois seguiu correndo con el na man. Despois da carreira déronnos barriñas enerxéticas. Un dos nosos compañeiros de 3º de Primaria, David Fernández Rodríguez, quedou en 5º lugar.

O Xogo da Carrasquiña

Dende 1964 cada 30 de xaneiro os centros educativos veñen celebrando o Día Escolar pola Paz e a Non Violencia, (DENIP) coincidindo co aniversario da morte de Mahatma Gandhi. Durante os días anteriores aproveitamos para falar ao noso alumnado da importancia dos valores que sustentan a nosa convivencia: o perdón, o pacifismo, o diálogo. E o propio día aproveitamos para celebrar con música e artes esta efeméride. Este 2014 a xornada rematou cun baile colectivo que simboliza a unión entre todos os membros da comunidade escolar. Escollemos unha danza cantada que fala de afectos, de cariños e de coidados, ao fío do noso proxecto O mapa das emocións. É un tema interpretado polo grupo Pesdelán titulado O Xogo da Carrasquiña, no seu disco Na Punta do Pé, publicado por Kalandraka. Aquí vos deixamos o vídeo para que xoguedes a atoparvos nel.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut