Contacontos

Luuume, a contada. Encontro con Andrea Freire.

O venres 6 de maio achegouse ao noso centro Andrea Freire, a autora de Luuume!, ilustrado por Laura Miranda Moreno e publicado por Antela Editorial, para facer a contada da historia de Misto, que está sempre enfadado, e que previamente traballaramos no Club de lectura de cuarto de Ed. Primaria ao longo do mes de abril.

Misto, cando sente rabia e malia que o intenta, non consegue controlarse. De feito, cada vez que o embarga a ira, acéndese e prende a chispa.

Tanto a súa familia (mamá Pinza e papá Tapón) como as súas amizades (Mestra Nobelo, Resorte, Botón e Parafuso) tentan axudalo, pero mentres Misto non sexa quen de xestionar a súa ira, non poderá autocontrolarse e gozar.

Despois da contada, Andrea realizou un obradoiro de relaxación mediante exercicios de respiración, ofrecéndolles aos rapaces ferramentas para o autocontrol.

Para finalizar, e en consonancia co PDI deste ano, fixeron ao protagonista do conto con materiais de aproveitamento.

Contacontos "Luuume" pola mestra María

A profe María, do equipo de biblioteca, realizou un contacontos na biblioteca sobre o libro "Luuume!" de Andrea Freire e que está publicado pola Editorial Antela.

Misto sempre anda alporizado e, namentres, a vida vai sucedendo. A súa familia e amizades tentarán axudalo pero, serán quen de conseguilo?.

Nesta fermosa historia, o protagonista é un pequeno misto que sempre está enfadado, e aprenderá a xestionar a frustración.

No mes de maio teremos un encontro coa autora deste libro na nosa biblioteca.

Contacontos con Benjamín

O xoves, 3 de febreiro, realizamos a actividade encadrada dentro da CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, promovida polo CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, que leva por título Contacontos no colexio coa colaboración do grupo CGA.

A actividade foi levada a cabo por Benxamín que foi capaz de marabillar coas súas historias aos nosos nenos e nenas con dúas sesións.

A primeira das sesións foi para o alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria. Benxamín conseguiu que a partir de tres historias, nas que os protagonistas fosen tres nenos/as: o medroso, o máis rechulo e presumido e o máis valente, facendo participar, nestas divertidas historias ao resto dos nenos e nenas. Como conclusión, destes pequenos contos, pediulles aos nenos e nenas do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro “pedirlles aos seus pais e nais” para que lles seguisen contando bonitas historias e contos.

A segunda das sesións foi para o alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria. As historias centráronse en dúas historias. A primeira delas relacionada coa maxia e todos aqueles desexos que puidesen ter. A segunda das historias relacionouse co “Porquiño de San Antón” e como o alumnado desfrutouse facendo carreiras de cabalos para poder salvar ao porquiño do seu San Martiño.

Foi un día marabilloso que gustou a grandes e pequenos. Xa estamos agardando polo seguinte contacontos.

Celebración do Día da Paz 2022

Para conmemorar o Día da Paz o profesorado representou a obra "Por catro esquiniñas de nada" de Jérôme Ruillier. Caracterizados coma os personaxes do conto puxeron en valor o respecto ás diferencias e a integración desde dito respecto, sen pretender que todas as persoas sexamos iguais e entendendo que o traballo en equipo sempre é a mellor canle para solucionar os problemas.

Como este ano O SUEIRIÑO A DIVERSIDADE RESPECTA, TRABALLEMOS XUNTOS A PROL DO PLANETA! dende a biblioteca fixemos unha  pequena homenaxe ao premio Nobel da Paz,  Wangari Maathai, polo labor que fixo en defensa da natureza e a loita polos dereitos e melloras da situación das mulleres do seu país. Contamos un conto (no que queremos agradecer a participación do alumnado de 6º) sobre a verdadeira historia de Wangari e aprendemos unha bonita canción sobre a súa vida.

Para rematar, realizamos un mural (todo con material reciclado) no que quixemos reflictir  o "Movemento Cinturón verde" que fundou Wangari  en 1977 e que na actualidade en Kenia conta con 4000 grupos comunitarios  que plantan árbores e protexen o medio ambiente. Cada neno/a fixo unha folla co seu mensaxe de paz que posteriormete foi colocada no mural.

Asemade, nestes tempos escuros que estamos a vivir, no noso cole prendemos candeas pola PAZ. Candeas que alumeen o camiño cara ao respecto, igualdade e comprensión.

Artur e Clementina

Para conmemorar o Día internacional contra a Violencia de Xénero, as mestras María, Marta e Macu representaron un conto da sonada colección "A favor das nenas" de Adela Turín, titulado "Artur e Clementina" que consiste nunha historia fabulada que reivindica o rol feminino na sociedade, combate os estereotipos sexistas e denuncia a discriminación. Porque aínda se necesitan obras sobre coeducación e igualdade.

Unha posibilidade moi interesante que suscita a historia de Artur e Clementina é a formación da identidade, coñecéndonos e respectando como somos, para evitar adaptarnos a outra persoa ou a outra situación, anulando a nosa propia identidade e personalidade. Traballar co noso alumnado este conto e mostrarlles a infelicidade de Clementina por non facer o que quería, por verse obrigada a calar por medo a non dicir o que convén, a levar unha vida que a faga infeliz, vai permitirlle reflexionar sobre a necesidade humana de coñecerse e respectarse a un mesmo para logo poder buscar a outro que nos complemente e que nunca nos anule.

A partir do conto de Artur e Clementina fixemos un mural entre todo o alumnado do cole para afondar os cotidos do álbum ilustrado e fomentar e distinguir actitudes de respecto.

Ese día, ao entrar no cole, repartuise unha máscara de cor morado a cada membro da comunidade educativa reivindicando o 25 N como Día International contra a Violencia de Xénero.

Por último, resaltar que ao longo do mes de novembro realizamos unha exposición dos libros e contos que recomendamos ler nas casas coas nosas familias sobre a violencia de xénero.

Pasea pola túa cidade

O día 19 de maio o alumnado de Ed. Infantil participou na actividade "Pasea pola túa cidade" que organizou a Concellería de Ed. de Ourense.

Realizamos unha visita guiada polo monicreque Martiño ao casco vello da cidade que partíu dos xardíns das Burgas e continuou con visitas á Praza Maior e Concello para posteriormente visitar as tres entradas da Catedral, comezando pola praza do Trigo e rematando na praza de San Martiño.

Antes de regresar para o cole, fixemos unha parada na zona de xogos do parque da Alameda, no que repuxemos forzas para voltar para casa.

Aquiles o puntiño

Contacontos realizado por Breixo sobre o libro de Guia Risari: "Aquiles o puntiño", coa colaboración da profe María emulando a Marc Taeger. 

O público de Ed. Infantil e 3º de EP pasouno xenial e ao remate da actuación pedíronlle que lles contase máis contos.

A castaña que rebentou de risa

O alumnado de 6º de primaria representou na sala de psicomotricidade o coñecido conto "A castaña que rebentou de risa" que figura recollida na nosa web e cunha adaptación teatral realizada polas mestras e alumnado da aula de apoio.

Debido ás medidas implantadas polo protocolo COVID tiveron que realizar tres pases da función: un para educación infantil, outra para primeiro e segundo e unha terceira para o resto do alumnado.

 

Teatrillo de monicreques: U-la Lúa?

O 28 de xaneiro realizamos na nova aula de psicomotricidade do centro dúas sesións de teatriño de monicreques no que participou todo o alumnado do colexio.

U-la Lúa? é dunha proposta escénica, onde valores como a tenrura, o respecto ou a solidariedade cobran importancia para levarnos a un mundo onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade.

Lúa é unha gatiña pequena, algo tímida e asustadiza. Vive coa súa avoa nunha humilde casa. No exterior contan cun fermoso xardín no que Lúa pasa as horas xogando soa. Non ten irmáns e a avoa lle deixa saír fóra, mais Lúa soña con viaxar, coñecer novos lugares e ter amigas e amigos para xogar.

Visita da Apalpadora

O 20 de decembro, grazas á colaboración e financiación da ANPA Limiar do noso cole, tivemos a sorte de contar coa presenza de A Apalpadora na biblioteca do noso centro.

Contoulle ao alumnado o precioso que é o lugar onde habita na serra de Courel, en que consiste o seu traballo de carboeira e como noutros tempos se pasaba fame en moitos lugares de Galicia, de aí que unha das súas costumes sexa a de apalparlle a barriguiña aos nenos e nenas galegas despois do solsticio de inverno para deixarlles unha presa de castañas mentres están a durmir teñan fame ou non teñan.

Como fomos moi bos ao longo deste ano, ao remate da súa visita, deixounos uns agasallos para cada un dos nenos e nenas do cole.

 

 

Distribuir contido