Encantadora sesión do Club de Lectura de 1º de EP.
Ao longo do primeiro trimestre, o alumnado de 1º de EP mergullámonos nas páxinas de "Luuume!!!", un bonito álbum ilustrado que conta a conmovedora historia do pequeno Mixto, un personaxe que está constantemente enfadado.
Esta historia, máis que unha simple narración, revelouse como unha valiosa ferramenta para promover a autoaceptación, a xestión da ira e o desenvolvemento do autocontrol nos nenos e nenas.
A actividade, realizada no club de lectura e na hora de ler, contou coa participación entusiasta dos pequenos lectores, acompañados das súas mestres e amigos e amigas do cole. Xuntos, realizaron unha emotiva viaxe ao mundo de Mixto, explorando as leccións de vida que ofrece este personaxe.
A historia non só capturou a imaxinación dos nenos, senón que serviu de plataforma para importantes conversas sobre emocións. Mama Pinza, Papa mestra Novelo e os seus amigos apagan o lume de Mixto e fanlle entender que enfadarse non é malo, o que non está ben é que a ira se apodere de ti. Como unha das mensaxes centrais destacouse a importancia de comprender as emocións e aprender a xestionalas.
A actividade non se limitou á lectura do conto. Os participantes mergulláronse en diversas técnicas de respiración, aprendendo a manter a calma mediante prácticas de mindfulness.
A actividade culminou coa creación de fermosas caixas de Luuume feitas a man, adornadas cos entrañables personaxes da historia, que engadiron un toque creativo e manual á experiencia.
Como colofón desta actividade do club de lectura, o alumnado participante realizou unha emocionante dramatización do conto na biblioteca, onde os nenos e nenas de primeiro curso compartiron a súa aprendizaxe co resto dos seus compañeiros e compañeiras do cole en dúas sesións: unha para o público de educación infantil e outra para o alumnado de 2º, 3º e 4º de EP. A ilusión e a alegría reflectíronse en cada xesto e palabra, demostrando que a actividade non só foi educativa, senón tamén unha experiencia inesquecible e divertida para todos e todas.
O club de lectura de primeiro ciclo segue demostrando que a combinación de literatura, emocións e creatividade pode xerar impactos positivos no desenvolvemento integral do alumnado.