Iniciar sesión: Acceso

Peques de A Laxe

CHEGOU O OUTONO!

Ola familias!

Outra semana de cole superada!! Esta semana comezamos a traballar o outono, axudándonos do conto "Ou ladrón de follas", que foi super divertido e encantounos a todos. Estivemos a falar todos xuntos no momento de asemblea sobre que é o outono, que cousas pasan cando se termina o verán e chega esta nova estación... e todos achegamos moitas cousas! Agora xa sabemos que no outono empeza a facer un pouquiño de frío, que algunhas árbores perden as súas follas e que estas caen ao chan enchéndoo todo de cores: laranxa, amarelo, vermello...

Unha das actividades que fixemos para traballar a motricidade fina e a creatividade, foi a dos grafismos con pezas soltas, algunhas delas relacionadas co outono.

Tamén seguimos traballando a lectoescritura partindo do noso nome, primeiro formándoo con letras de cores e cando xa o tiñamos todo controlado fixemos unha actividade parecida na que puidemos pegar as letras do noso nome con pegamento!!! Isto encantounos a todos xa que levabamos moito tempo pedíndolle á profe usar os pegamentos.. jejeje

Outra actividade para traballar as matemáticas foi a de seguir o trazo do número 1 con pintura de dedos, manchámonos un pouco pero pasámolo moi ben! Tamén coñecimos un novo número: o número 2, que formamos con pezas do outono. Así tamén seguimos traballando a motricidade fina.

Por último, como nos encanta a pizarra dixital repasamos nela os números 1 e 2, elixindo cada un a cor que máis nos gustaba para realizar o trazo e repasando así tamén todas as cores.

Ademais, esta semana estivemos a decorar as nosas bolsas para o préstamo de libros da biblioteca mentres outros compis traballaban con outras propostas: quebracabezas, xogos de motricidade fina, propostas de lectoescritura, de atención...

Cando xa estaban as nosas bolsas listas puidemos por fin subir á biblioteca do cole para coñecela, e encantounos! Ten moitísimos contos que poderemos elixir semanalmente para levarnos a casa e lelos en familia.

Por último, o venres tivemos a visita da asociación ASCM, unha asociación que traballa pola inclusión plena das persoas con discapacidade, e que nos preparou un circuíto coas cadeiras de rodas para sensibilizar e concienciar. Gustounos moito a experiencia e démoslles as grazas por vir ao noso cole.

Ata a semana que ven familias!

BENVIDO OUTONO!!!

Ola familias!!

Esta semana démoslle a benvida ao outono e agunhas das propostas estiveron relacionadas con esta temática, pero tamén levamos a cabo outras moi interesantes.

Como sabedes sempre comezamos cunha asemblea na que realizamos diversas tarefas, e unha delas é realizar unha suma. Para iso podemos axudarnos de material manipulativo quen o precise e na que traballamos o conteo, identificación de grafía e realización das mesmas. Ademais moitas veces sorprendemos á profe facendo series de forma espontánea.

O luns tivemos unha proposta sensorial con lentellas que formaban unha castaña e coa que traballamos os trasvases e a coordinación óculo- manual. Algún ata botaba con ámbalas mans.

Tamén traballamos vocabulario desta estación do ano e aspectos de lectoescritura. Tiñamos que formar con letras manipulativas o nome dun obxecto que aparecía nunh tarxeta e logo escribilo.

E sabedes o importante que é traballar a atención, por iso xogamos ao lince buscando obxectos nunha folla con moitisimas imaxes.

E como fomentamos a forza das nosas mans? Pois a plastilina xoga un papel moi importante e nos permite ser creativos.

Tamén fixemos quebracabezas numéricos, nos que tiñamos que ordear os números para formar unha imaxe, traballando a identificación de números e a secuencia dos mesmos.

E como fomentar a atención e a interiorización de contidos lóxico- matemáticos? Pois co xogo do dominó, pero empregado doutra forma. Primeiro tiñamos que colocar nunha plantilla as pezas do dominó que aparecía tendo en conta os puntiños, pero logo a profe retounos e tiñamos que colocar outras pezas, pero xa non tiñamos os puntos senón os números que representaban esa cantidade, polo que a atención tiña que ser moito maior, asociando grafía- cantidade. Que orgullosa está a profe de nós!!!

Tamén collimos con pinzas pauiños de cores nunha bandexa sensorial de lentellas e os clasificamos por cores, afianzando a clasificación e a motricidade fina.

E asociamos cores a imaxes do outono coa paleta de cores de Montessori.

Outra das propostas de lectoescritura estivo relacionada coa conciencia fonolóxica rodeando nunha tarxeta as imaxes que comezaban pola letra indicada.

A semana que ven teremos unha sorpresa e, aínda sen saber que será, colaboramos para tinguir garavanzos coas cores do outono: vermello, laranxa, amarelo e marrón. 

A semana que ven comezaremos co préstamo de libros da biblioteca e por iso decoramos as nosas bolsas (este curso cambiámolas polas carpetas). Para iso empregamos rotuladores especiais para tela e desenvolvemos a nos a creatividade pois cada un fixo o debuxo que quixo.

Para fomentar o cálculo mental a subitización é moi importante, pois temos que identificar cantos elementos hai nun grupo sen contalos dun en un e iso foi a que fixemos nesta tarefa na pantalla.

E seguimos coa estimación, intentando adiviñar cantos pompóns había nun bol sen contalos. Para iso observámolos e logo apuntamos o número que criamos que había nun anaco de papel. Un dos compañeiros acertou!! Sorriso

Estas semanas a profe deuse conta de que ás veces dudamos un pouco como facer os números, por iso nos propuxo unha actividade na que tiñamos que realizalos cun coche seguindo as liñas e despois os fixemos na pizarra. Previamente tiñamos que ordealos na recta numérica, pois a profe nolos daba todos mesturados. Que pilla, jeje.

E seguimos ca subitización no dado e coa coordinación óculo- manual collendo cunha palliña tantas goma nun bandexa con auga como nos indicaba o dado ao tiralo.

Tamén houbo propostas libres con materiais novos, como estes tubos cos que fixemos de todo: bastóns, coches... e as pezas soltas.

En valores nos xuntamos con algúns compis de 3 e 4 anos. Nesta ocasión limos un conto sobre a amizade, valorando a súa importancia.

E seguimos con arte, motricidade fina e creatividade formando estes grafismos con pompóns de cores, seguindo sempre a súa direccionalidade.

E nos adentramos no mundo da minúsculas partindo do noso nome (o cal xa o vemos neste novo tipo de letra nos percheiros, na asemblea...). Primeiro tiñamos que atopar o noso nome entre os de todos os compañeiros/as e logo formalo con esta letras manipulativas.

Tamén puidemos xogar de forma libre neste minimundo de outono con animais e cabazas.

Este curso tamén seguimos traballando a estimulación da linguaxe oral. Esta semana fomentamos a conciencia fonolóxica xirando a ruleta, dicindo o son da letra que saía e dicindo unha palabra que comezase por ese son. Se alguén necesitaba axuda aí estamos todos para axudar.

E chegou o venres, día no que fiexmos quebracabezas do outono, traballando a atención, a concentración, a paciencia...

Buscamos números ocultos na táboa do 100 tapados por elementos do outono. Nesta ocasión tamén nos axudamos uns ao outros. 

E formamos as casiña dos números do 0, 10 e 20 en equipo.

Para rematar o día tivemos a visita da Asociación ASCM que nos permitiu facer un circuito e xogar ao baloncesto sentados en cadeira de rodas, comprendendo de primeira man como se moven e se sinten as persoas que necesitan empregalas. Gracias por todo!!

Como xa sabedes a semana que ven comezamos proxecto novo: O corpo humano. Por iso falamos e anotamos o que sabemos e o que queremos saber sobre o tema. Hai moito coñecemento sobre el, pero tamén moitos enigmas que resolveremos.

Boa fin de semana!! Guiño

BENVIDO OUTONO!

Ola familias!!

Esta semana seguimos collendo ritmo mediante propostas que traballan lectoescritura, lóxica-matemática, arte...

Demos a benvida ó outono co álbum ilustrado ''O ladrón de follas'', que trataba sobre un esquío á que lle desapareceran as follas da árbore da súa casa... Quen sería?.

E despois da lectura, fixemos uns debuxos sobre o conto.

Tamén aproveitamos para introducir vocabulario básico do outono e traballar o conteo co mesmo: tiñamos que tirar o dado, colocar tantos obxectos como nos tocaba e despois representar a cantidade coa grafía. 

E non só contamos con obxectos de outono, senón que tamén utilizamos os policubos, que nos encantan...

Seguindo coa grafía dos números, utilizamos a pantalla dixital para escribir algúns: neste caso repasamos e despois tentámolos escribir nós soliñ@s.

E tamén xogamos cos atributos dos bloques lóxicos, traballando así as cores, formas, tamaños e grosor á vez que estimulamos o noso razoamento lóxico e a aprendizaxe visual.

Outras das nosas actividades estiveron dedicadas ao grafismo e á lectoescritura: traballamos coa nosa inicial, fixemos trazos con pezas soltas sobre papel e area (verticais, horizontais, bucles, formas...) e tamén compuxemos o noso nome, desenvolvendo tamén a direccionalidade. Gustounos tanto, que ademais de con pezas soltas, fixémolo con gomets e con plastilina, que nos permite potenciar a nosa motricidade fina e concentración.

Xa para rematar a semana, decoramos no recuncho de arte as nosas bolsas de tea que usaremos para levarnos a casa os contos da biblioteca. Quedáronnos chulísimas!.

E por suposto, fomos á biblioteca do cole para elixilos, con todos os que había... difícil elección!

Por último, viñeron visitarnos ó cole a asociación ASCM, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo prioritario a plena inclusión das persoas con discapacidade, e fixemos un circuito coas cadeiras de rodas, para sensibilizarnos sobre a riqueza das distintas capacidades existentes na sociedade.

Vémonos a semana que vén familias!

COMEZAMOS!

Ola familias! Xa estamos por aqui os nenos e nenas de 3 anos!! Fai dúas semanas comezou a nosa aventura no “cole de maiores”!!! Foron días moi intensos, cheos de novidades e moitísimas emocions… temos novos compañeiros e compañeiras, novos espazos que descubrir e novos materiais divertidos cos que imos aprender moitísimas cousas. 

Nestes días estivemos dedicando tempo a familiarizarnos coa nosa nova aula, que é moi chula! Estivemos xogando con diferentes quebracabezas, fixemos un picnic no recuncho de xogo simbólico, traballamos a motricidade fina e a clasificación por cores na mesa sensorial, e divertímonos moito pintando o mural do espazo no rincón de arte. 

Tamén pasámolo moi ben no rincón da biblioteca, onde temos unha morea de contos moi divertidos. 

Ademais, a medida que ían pasando os días, tivemos que ir aprendendo novas rutinas: poñer o mandilón e as zapatillas ao chegar á clase, lavar as mans antes da merenda, facer o noso tren para saín a xogar ao patio… cantas cousas novas!!! Por certo, podedes ver nunha das fotos a creación dos manteis para o momento da merenda, primeiro fixemos un debuxo e depois decoramos con gomets, quedaron xenial!

Comezamos a traballar a lectoescritura partindo do noso nome, neste caso fixémolo pegando gomets seguindo as letras que o forman. Tamén comezamos o traballo dos números con esta alfombra, traballando así a serie numérica e as grafías dos mesmos. O número 1 foi o protagonista, compuxémolo con diferentes pezas soltas e pasámolo moi ben combinando as que máis nos gustaban.

Por último, esta semana celebramos o aniversario de dúas compis, Julia e Aloia! Decoraron as súas coroas, repartiron os agasallos para os compis e todos xuntos cantamos e bailamos polos seus aniversarios. Nós tamén quixemos ter un detalle con elas, creando este lenzo tan bonito coas súas mans como protagonistas e as pegadas do resto de compañeiros e compañeiras ao redor. 

Ata a semana familias!!!

SUPERADA A PRIMEIRA SEMANA!

Ola familias!Sorriso

Aquí ensinámosvos algunhas das propostas desta semana...

Empezamos cunha das nosas rutinas favoritas: a asemblea. O encargado debe colocar o día da semana, número, mes, pasar lista e contar cantos somos no cole, comprobar o tempo, contar como se sente..., e despois sempre temos un intre para compartir cos nosos compañeiros e compañeiras as cousas interesantes que nos pasaron o día anterior. Aos poucos irémola ampliando con propostas novas que traballen conceptos lóxico-matemáticos e de expresión oral.

Traballamos a representación de nós mesmos e do esquema corporal a partir do debuxo. Cada mes iremos facendo un para ver como imos evolucionando!

Dentro da lectoescritura, empezamos traballando co máis próximo a nós: recoñecer e asociar o noso nome e o dos nosos compañeiros e compañeiras (por que letra empeza e cal é o seu son), e construír o noso nome seguindo o modelo, que nos serve como axuda visual. Aos poucos iremos aumentando a complexidade...

En canto á lóxica matemática traballamos o conteo do 0 ao 5 de maneira máis visual e manipulativa, colocando obxectos segundo o indicado.

E tamén a grafía do 1 ao 3 pegando gomets para formar os números no sentido dás liñas.

Por último, empregamos as alfombras dos números para traballar a recta numérica do 1 ao 10. Primeiro tiñamos que ir saltando dunha nunha dicindo á vez o número correspondente: cálculo, coordinación motora, axilidade mental...

Despois, debiamos buscar os números que nos dicía a profe pero de maneira salteada, traballando así a asociación do número coa súa grafía.

E finalmente, para traballar o concepto de cantidade, colocar cantas pezas como fosen necesarias á beira do seu número.

Tamén traballamos a estimulación cognitiva e da linguaxe dunha maneira interactiva coa pantalla dixital, grazas ás parellas lóxicas, que nos axudan a desenvolver a atención, o léxico e o razoamento lóxico, a través do establecemento de relacións entre palabras: tiñamos que identificar, nomear, asociar, determinar a súa utilidade e tomar conciencia da relación funcional dos dous elementos que formaban a parella.

Outra actividade que fixemos de estimulación da linguaxe foi o lince do verán: tiñamos que atopar o obxecto da tarxeta que nos tocaba... unha proposta para traballar prerrequisitos básicos como a memoria e a atención, á vez que potenciamos o noso vocabulario e a discriminación auditiva dos fonemas. Encántanos traballar e xogar en equipo!

E falando de xogar... tamén tivemos tempo de xogar aprendendo!! Co memory para facer parellas, os quebracabezas, e as series lóxicas de menor a maior traballamos aspectos como a atención, a memoria visual, a concentración, a coordinación ollo-man, as habilidades cognitivas e as relacións espazo-temporais.

E xa para rematar, celebramos o aniversario do noso amigo Liam: decorou a súa coroa, repartiu os regaliños e cantamos e bailamos o cumpreanos feliz. Que ben o pasamos! Moitas felicidades Liam! Risa

Distribuir contido