Iniciar sesión: Acceso

SUPERADA A PRIMEIRA SEMANA!

Ola familias!Sorriso

Aquí ensinámosvos algunhas das propostas desta semana...

Empezamos cunha das nosas rutinas favoritas: a asemblea. O encargado debe colocar o día da semana, número, mes, pasar lista e contar cantos somos no cole, comprobar o tempo, contar como se sente..., e despois sempre temos un intre para compartir cos nosos compañeiros e compañeiras as cousas interesantes que nos pasaron o día anterior. Aos poucos irémola ampliando con propostas novas que traballen conceptos lóxico-matemáticos e de expresión oral.

Traballamos a representación de nós mesmos e do esquema corporal a partir do debuxo. Cada mes iremos facendo un para ver como imos evolucionando!

Dentro da lectoescritura, empezamos traballando co máis próximo a nós: recoñecer e asociar o noso nome e o dos nosos compañeiros e compañeiras (por que letra empeza e cal é o seu son), e construír o noso nome seguindo o modelo, que nos serve como axuda visual. Aos poucos iremos aumentando a complexidade...

En canto á lóxica matemática traballamos o conteo do 0 ao 5 de maneira máis visual e manipulativa, colocando obxectos segundo o indicado.

E tamén a grafía do 1 ao 3 pegando gomets para formar os números no sentido dás liñas.

Por último, empregamos as alfombras dos números para traballar a recta numérica do 1 ao 10. Primeiro tiñamos que ir saltando dunha nunha dicindo á vez o número correspondente: cálculo, coordinación motora, axilidade mental...

Despois, debiamos buscar os números que nos dicía a profe pero de maneira salteada, traballando así a asociación do número coa súa grafía.

E finalmente, para traballar o concepto de cantidade, colocar cantas pezas como fosen necesarias á beira do seu número.

Tamén traballamos a estimulación cognitiva e da linguaxe dunha maneira interactiva coa pantalla dixital, grazas ás parellas lóxicas, que nos axudan a desenvolver a atención, o léxico e o razoamento lóxico, a través do establecemento de relacións entre palabras: tiñamos que identificar, nomear, asociar, determinar a súa utilidade e tomar conciencia da relación funcional dos dous elementos que formaban a parella.

Outra actividade que fixemos de estimulación da linguaxe foi o lince do verán: tiñamos que atopar o obxecto da tarxeta que nos tocaba... unha proposta para traballar prerrequisitos básicos como a memoria e a atención, á vez que potenciamos o noso vocabulario e a discriminación auditiva dos fonemas. Encántanos traballar e xogar en equipo!

E falando de xogar... tamén tivemos tempo de xogar aprendendo!! Co memory para facer parellas, os quebracabezas, e as series lóxicas de menor a maior traballamos aspectos como a atención, a memoria visual, a concentración, a coordinación ollo-man, as habilidades cognitivas e as relacións espazo-temporais.

E xa para rematar, celebramos o aniversario do noso amigo Liam: decorou a súa coroa, repartiu os regaliños e cantamos e bailamos o cumpreanos feliz. Que ben o pasamos! Moitas felicidades Liam! Risa