Iniciar sesión: Acceso

BENVIDO OUTONO!

Ola familias!!

Esta semana seguimos collendo ritmo mediante propostas que traballan lectoescritura, lóxica-matemática, arte...

Demos a benvida ó outono co álbum ilustrado ''O ladrón de follas'', que trataba sobre un esquío á que lle desapareceran as follas da árbore da súa casa... Quen sería?.

E despois da lectura, fixemos uns debuxos sobre o conto.

Tamén aproveitamos para introducir vocabulario básico do outono e traballar o conteo co mesmo: tiñamos que tirar o dado, colocar tantos obxectos como nos tocaba e despois representar a cantidade coa grafía. 

E non só contamos con obxectos de outono, senón que tamén utilizamos os policubos, que nos encantan...

Seguindo coa grafía dos números, utilizamos a pantalla dixital para escribir algúns: neste caso repasamos e despois tentámolos escribir nós soliñ@s.

E tamén xogamos cos atributos dos bloques lóxicos, traballando así as cores, formas, tamaños e grosor á vez que estimulamos o noso razoamento lóxico e a aprendizaxe visual.

Outras das nosas actividades estiveron dedicadas ao grafismo e á lectoescritura: traballamos coa nosa inicial, fixemos trazos con pezas soltas sobre papel e area (verticais, horizontais, bucles, formas...) e tamén compuxemos o noso nome, desenvolvendo tamén a direccionalidade. Gustounos tanto, que ademais de con pezas soltas, fixémolo con gomets e con plastilina, que nos permite potenciar a nosa motricidade fina e concentración.

Xa para rematar a semana, decoramos no recuncho de arte as nosas bolsas de tea que usaremos para levarnos a casa os contos da biblioteca. Quedáronnos chulísimas!.

E por suposto, fomos á biblioteca do cole para elixilos, con todos os que había... difícil elección!

Por último, viñeron visitarnos ó cole a asociación ASCM, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo prioritario a plena inclusión das persoas con discapacidade, e fixemos un circuito coas cadeiras de rodas, para sensibilizarnos sobre a riqueza das distintas capacidades existentes na sociedade.

Vémonos a semana que vén familias!