Actividades
Habilidades sociais para a prevención de drogodependencias
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 14:27Hai uns días, o alumnado de 1º e 2º curso do ciclo básico de Servizos Administrativos e o alumnado de 1º curso do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, desfrutaron do obradoiro “Habilidades Sociais para a convivencia e afrontamento da presión do grupo”. O obradoiro, impartido por Ramón Molina, da empresa Arelar Xestión Socioeducativa, trata de favorecer a prevención da drogodependencia, dotando ó alumnado de habilidades sociais e estratexias para combater a presión exercida polo grupo de iguais, factor tan influente e determinante na adolescencia.
A actividade busca espertar a conciencia no alumnado mediante un enfoque activo e construtivo da aprendizaxe, empregando para elo distintas dinámicas que levan á reflexión, intercambio de ideas e adquisición de coñecementos, á par que se fornece a autoestima do alumnado, se desterran mitos sobre o consumo de certas drogas e se desenvolve a competencia social para que os máis novos sexan quen de saber dicir non ó consumo de sustancias nocivas, promovendo as relacións positivas e a convivencia.
Patios dinámicos
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 14:16Durante este curso, e como iniciativa para promover a convivencia no centro e a integración, leváronse a cabo xogos durante os recreos, promovidos por un grupo de alumnas voluntarias de 1º curso do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia e un grupo de alumnado do curso de 3º da ESO.
Sen dúbida, o brilé foi o que tivo máis éxito!
Esperando voltar pronto ás clases para seguir xogando e convivindo!
Prevención do consumo de drogas e alcol - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 13:26A Garda Civil visitou o noso centro de novo, nesta ocasión para impartir a charla para prevención do consumo de drogas e alcol ó alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º da Formación Profesional Básica e 1º do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría.
Na sesión informouse ó alumnado dos distintos tipos de drogas e as consecuencias do seu consumo, desmitificando incluso algún tipo de drogas das que a miúdo temos unha imaxe como menos daniñas. O certo é que calquera abuso de sustancias ten consecuencias, ben sexa a curto ou a longo prazo, pero todas elas van ter efectos na nosa saúde, tanto física como mental, aspecto que poido ser coñecido polo alumnado a través dos exemplos indicados pola axente.
Asemade, tamén se abordaron cuestións legais relativas á tenencia e tráfico de sustancias.
En calquera caso, as drogas e alcol non deben ser unha elección para o tempo de ocio, instando ó alumnado a apostar por un ocio responsable, baseado en hábitos de vida saudables.
Obradoiro Educación Afectivo-Sexual
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 12:34No mes de febreiro Isabel e Icía, do centro Quérote Máis, impartiron un obradoiro de Educación Afectivo-Sexual ó alumnado de 3º da ESO. Na actividade abordáronse cuestións de tipo preventivo en materia de educación afectivo-sexual pero tamén aspectos vencellados coa afectividade e as relacións de parella (orientación e identidade sexual; promoción do diálogo, asertividade e empatía nas relacións de parella; abordaxe dos límites e responsabilidade persoal nas relacións). Trátase de proporcionar información fiable que permita ó alumnado vivir a sexualidade/afectividade de maneira satisfactoria e responsable, dotando de estratexias e coñecementos neste sentido.
Acoso escolar - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 12:12No mes de febreiro, a Garda Civil volveu ó noso centro, nesta ocasión para impartir unha charla sobre o acoso escolar ó alumnado de 1º e 2º da ESO e 1º e 2º da Formación Profesional Básica.
O alumnado poido coñecer os distintos tipos de acoso, que van máis aló da violencia física, e como outras formas de maltrato como a exclusión ou calquera outro tipo de violencia psicolóxica son tan daniñas coma a primeira. Asemade, o auxe das novas tecnoloxías provoca que en moitas ocasións o acoso se leve a cabo tamén a través destes medios. Así, o ciberbullying é unha ameza ininterrompida para o acosado, pois aumenta a súa humillación pública por unha banda, e pola outra, o acoso traspasa nestes casos as fronteiras do fogar, ó ser a conexión á rede unha constante, instalándose a inseguridade na vítima de xeito permanente.
Muro da Paz - 30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 11:33Como cada ano, o 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Declarado no 1964, a iniciativa xurdiu de forma independente por parte do profesor Llorenç Vidal, como un xeito para promover a educación na tolerancia, solidariedade, concordia, respecto ós dereitos humanos, a non violencia e a paz. O día elixido para a conmemoración coincide ademais co falecemento de Mahatma Gandhi o 30 de xaneiro de 1948.
Como exemplo de entendemento e unión, o alumnado dos distintos cursos elaboraron o Muro da Paz, decorando caixas a modo de ladrillos, nos que plasmaron palabras e frases vencelladas coa convivencia e non-violencia.
Entre todos e todas podemos construír muros de paz, só temos que poñer da nosa parte e ter en conta as cuestións que indica o noso alumnado na súa construción como elementos fundamentais para unha convivencia positiva e enriquecedora: amabilidade, amor, amizade, unión, sorriso, ledicia, empatía, igualdade, respecto, mesmos dereitos...
Estilos de comunicación - Habilidades sociais
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 08:15Durante o mes de xaneiro, na etapa da ESO tivemos unhas titorías moi especiais, impartidas polo alumnado de 2º curso do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.
Estes compañeiros/as, estiveron a traballar os estilos de comunicación (asertivo, agresivo e pasivo) no módulo de Destrezas Sociais, e despois de traballalo na súa aula, transmitiron os seus coñecementos e formaron á rapazada da ESO nas sesións de titoría. Para elo, deseñaron uns robots con cartón, cada un dos cales representaba un estilo de comunicación, e organizáronse en grupos de traballo. Presentaron ós seus compañeiros/as máis novos os robots e os distintos estilos de comunicación, e posteriormente cada alumno/a debía escribir unha situación e introducila no robot correspondente, segundo fora unha situación de estilo pasivo, agresivo ou asertivo. O alumnado do ciclo foi lendo cada unha das situacións e comentando cos rapaces/as da ESO o tipo de estilo empregado e o xeito adecuado de actuar en cada unha delas, transformando as situacións nas que se actuou de xeito pasivo ou agresivo, en modo asertivo.
Motivouse a aprendizaxe de habilidades sociais mediante o intercambio de ideas e a reflexión, facendo consciente ós compañeiros/as máis novos/as da importancia do diálogo e o respecto nas relacións sociais, sendo o estilo asertivo o modelo óptimo de comunicación.
Novas Tecnoloxías - Plan Director
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 26/03/2020 - 07:36Comezamos o ano coa visita do cabo Ramón Fdez., da Garda Civil, que falou ós rapaces e rapazas da Formación Profesional Básica e de 2º e 3º da ESO, da importancia de facer un uso responsable das novas tecnoloxías e redes sociais.
Sen dúbida, os xeitos e formas de relación van mudando, e as novas tecnoloxías xogan un papel central en todo este cambio, pero tamén é certo que entrañan riscos dos cales moitas veces os máis novos non son conscientes. Ciberbullying, grooming, sexting, sextorsión....son algúns dos perigos nos que a rapazada se poden ver envoltos se non son prudentes na utilización destes medios. Nalgúns casos, o comportamento que teñamos na rede, mesmo pode ser constitutivo dun delito sen sabelo. Así, faise primordial facilitar información a modo de prevención e co fin de garantir un uso responsable e crítico das novas tecnoloxías.
Obradoiro: Encantado de coñecerme
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 25/03/2020 - 19:29No mes de decembro, o centro ACODE impartiu un obradoiro práctico de varias sesións de duración ó alumnado de 1º e 2º do ciclo básico de Servizos Administrativos.
O obradoiro, que leva por nome “Encantado de coñecerme”, trata de favorecer a motivación do alumnado, traballando cuestións como o autocoñecemento, autoestima, cohesión grupal, resolución de conflitos, habilidades sociais e estilos de comunicación.
O programa, especialmente pensado para alumnado de ciclos básicos da formación profesional, potencia a conciencia das capacidades propias no alumnado, partindo do enfoque de intelixencias múltiples e mediante o emprego de dinámicas grupais que favorecen unha aprendizaxe activa e construtiva.
Sen dúbida, unha boa iniciativa de empoderamento, válida para que o alumnado aprenda a valorarse e detectar as súas fortalezas, máis aló do meramente académico, dotándoo á vez de estratexias para enfrontarse ás adversidades, ó tempo que se favorecen as relacións interpersoais positivas baseadas no respecto e comunicación.
Concienciación sobre as lesións medulares
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 25/03/2020 - 18:45No mes de novembro recibimos a visita de persoal da Asociación Amarai. Situada na Arzúa, a asociación foi fundada no 1997 por un grupo de persoas con discapacidade e os seus familiares, e ten como misión loitar pola plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.
Dentro do amplo abanico que abrangue a discapacidade, inclúese a discapacidade física, en moitos casos provocada polas lesións medulares, aspecto no que se centraron Jaime, fisioterapeuta, e Mario, membro da Xunta Directiva de Amarai.
Leváronse a cabo tres charlas, dirixidas a alumando de 4º da ESO por un lado, alumnado de Formación Profesional Básica e ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría por outro, e alumnado do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia por outra banda. Na actividade, Jaime presentou inicialmente ó alumnado o centro de Amarai e os seus servizos, para abranguer posteriormente cuestións relativas ás lesións medulares e ás súas consecuencias, entre elas, a discapacidade física. Os asistentes puidemos coñecer cuestións como os diferentes tipos de afectación (paraplexía, hemiplexía, tetraplexía) en función da zona ou altura na que se sitúa a lesión medular, medios técnicos de axuda á mobilidade ou a importancia das terapias de rehabilitación.
Tendo en conta que as lesións medulares son consecuencia en moitos casos dunha imprudencia, como por exemplo accidentes por exceso de velocidade ou condución baixo efecto de sustancias, accidentes de moto sen empregar o casco ou elementos protectores pertinentes, inmersións perigosas...é preciso concienciar á xuventude para promover comportamentos responsables e previr este tipo de lesións. No caso do alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia, e pola transcendencia que ten no seu futuro desempeño laboral, a actividade xirou ademais entorno á atención profesional ás persoas afectadas con lesións medulares.
A actividade rematou nos distintos casos coa presentación por parte de Mario da súa propia experiencia persoal, como persoa que sofre unha lesión medular, sen dúbida, un exemplo de superación!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- seguinte ›
- última »