Sae do prelo o terceiro volume de Marco Numérico
Marco Numérico é a publicación de investigación matemática do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), onde se recollen traballos realizados por alumnado de ESO e BAC.
O terceiro volume de Marco Numérico acaba de saír do prelo nas difíciles circunstancias provocadas pola pandemia do virus COVID-19. A publicación (de periodicidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón) quere recoller traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros especificamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica.
Desde o punto de vista educativo, a publicación pretende introducir ao alumnado de secundaria e bacharelato na investigación formal. Deste xeito, o alumnado muda o rol pasivo que habitualmente ten asignado nas escolas por un papel máis activo na adquisición e formalización do coñecemento. Ademais de adquirir competencias específicas da área das matemáticas, esta experiencia pode ser motivadora en termos xerais, ben noutros eidos do coñecemento científico, ben tamén na investigación humanística.
Os traballos incluídos neste número son os seguintes:
- O salto atlántico. Migracións interiores en Galicia (2000-2018).
- Igualdade de xénero na política.
- Eficacia probabilística do test de primalidade de Miller-Rabin.
- Intervalos preditivos na detección de muóns.
- O teorema dos números primos. Unha estimación da distribución.
- Sobre a distribución de números primos. Un patrón de repulsión.
- Sobre a distancia entre números primos. A conxectura de Andrica.
- Lei de Benford en xeradores de congruencia lineal (LCG).
- O fractal de Bransley. Un fento caótico?
O presente número conta ademais cun limiar de Cibrán Arxibai, profesor de matemáticas e responsábel do espazo web Carta Xeométrica.
Ver texto íntegro do volume III
NÚMEROS ANTERIORES