Actividades
Somos iguais? Prevención da violencia de xénero
Enviado por anabelenfernand... o Lun, 18/11/2024 - 12:37Achégase o 25N, unha data sinalada no calendario por conmemorarse o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. Por este motivo e sendo conscientes da importancia da educación nesta materia, levouse a cabo a actividade "Somos iguais? Prevención da violencia de xénero", impartida por unha psicóloga infanto-xuvenil ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.
Na sesión, abordouse a cuestión do xénero como constructo social e a súa implicación no feito de ser home ou muller. Pero..., somos iguais homes e mulleres? O alumnado aportou a súa visión e achegouse ao concepto de violencia de xénero, entendida como aquela que se exerce sobre as mulleres polo feito de selo, ou ao consideralas en inferioridade. A este respecto, a violencia non debe tolerarse nas relacións de ningún tipo, tampouco nas relacións de parella, e desto deben ser conscientes homes e mulleres.
Ter relacións saudables esixe un exercicio de conciencia polas partes implicadas, que pasa, entre outras cousas, por marcar límites claros e non tolerar que estes sexan traspasados. Respectar aos demais e respectarse a un mesmo/a é a base para establecer relacións saudables e en igualdade.
Obradoiro sobre saúde mental
Enviado por anabelenfernand... o Lun, 18/11/2024 - 12:27Ao longo deste curso colaboraremos coa Asociación Fonte da Virxe, que levará a cabo unha serie de obradoiros sobre saúde mental, principalmente con alumnado de 4º ESO.
Nunha primeira xornada introdutoria, a rapazada puido coñecer a labor da asociación e aproximouse ao concepto de saúde e trastorno mental, rompendo estigmas, pois son cuestións que poden afectar a calquera persoa.
Tratouse dunha primeira toma de contacto que terá continuación nos trimestres seguintes, a fin de traballar e fortalecer a autoestima, habilidades de comunicación e afrontamento da presión grupal, entre outras.
"Si controlas vuelves"
Enviado por anabelenfernand... o Lun, 11/11/2024 - 18:21O alumnado de 1º e 2º de FP Básica e 3º e 4º da ESO asistiu hoxe a unha charla impartida por AESLEME, na que se falou de seguridade vial e a incompatibilidade do alcohol e outras drogas coa mobilidade segura, fomentando nos menores a responsabilidade e unha toma de decisións adecuada, que garantan a súa seguridade e a dos demais.
A rapazada puido coñecer de primeira man as consecuencias dos accidentes de tráfico, a miúdo causados polo consumo de substancias e outros distractores (móbil, manexo da radio...), espertando tamén a súa conciencia sobre a importancia de empregar os elementos de seguridade de forma adecuada.
Sen dúbida, é fundamental protexernos, coidar de nós mesmos e dos demais. Porque pasalo ben non está reñido con unha volta segura á casa!
Ciberasesor@s. Fase de intervención
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 23/06/2024 - 17:48Rematamos o curso asesorando ao alumnado de 1º ESO sobre o uso seguro das novas tecnoloxías e os riscos que pode levar consigo un uso inadecuado ou imprudente das mesmas.
O alumnado de 2º ESO, logo de informarse e traballar en equipo sobre distintos riscos das novas tecnoloxías, transmite a información sobre ciberbullying, sexting, grooming e ciberadicción aos seus compañeiros/as menores.
Aquí podedes ver as fotos da sesión.
Doazón Marcapáxinas Solidario
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 23/06/2024 - 17:28No mes de xuño realizamos ingreso a favor de Save The Children, logo de recadar doazóns polo deseño de marcapáxinas solidarios.
Ingresamos un total de 103,20 €, un pequeno gran de area que permitirá á entidade seguir a traballar polos dereitos da infancia, a súa supervivencia, protección e o acceso a unha educación de calidade.
Save The Children remitíu ao centro un escrito agradecendo a colaboración a toda a comunidade educativa pola súa participación e implicación, en nome dos nenos e nenas do programa, xunto con un recibí e o diploma de centro solidario. E é que con moi pouco pódese conseguir moito!
Desexámoslle moita sorte nos seus proxectos, contribuíndo a facer deste un mundo mellor!
Diversidade cultural
Enviado por anabelenfernand... o Lun, 10/06/2024 - 07:35O alumnado de 1º ESO leva uns días falando nas titorías sobre o racismo. A temática do racismo no fútbol, tan tristemente frecuente no noso país ultimamente, serviunos para introducir o tema, abríndose o debate na aula a partir das novas publicadas en prensa e televisión.
Tras introducir o tema, identificamos certas condutas racistas que poden darse no día a día, xunto con posibles solucións ou formas de abordalas, para finalmente, achegarnos a outras culturas.Que mellor forma de combatir os prexuízos que con educación e coñecemento! Aproveitando que na aula hai alumnado de distintas culturas e procedencias, así como outros que teñen interese en culturas distintas á súa, o alumnado contou aos seus compañeiros/as sobre as súas orixes e/ou intereses. Coñecimos sobre gastronomía, tradicións, lugares....servíndonos da rede para amosar imaxes.
Sen dúbida, unha cuestión interesante e sobre a que seguiremos a incidir!
Prevención de adiccións - Proxecto Home
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 30/05/2024 - 17:28Dende Proxecto Home informan ao alumnado de 2º, 3º e 4º ESO e 1º FPB sobre as adiccións, co obxectivo de informar e previr as mesmas.
Que son as drogas, tipos, efectos e consecuencias son algunhas das cuestións que se abordaron nas sesións, concienciando ao alumando da importancia de tomar decisións adecuadas e saber dicir que NON. No caso de 2º ESO e FPB, as sesións centráronse tamén na prevención de adiccións sen substancia (adicción ao móbil, videoxogos, apostas....), pois son tan dañinas como aquelas nas que se inxiren substancias e tamén requiren de tratamento.
O alumnado participou de forma activa nas distintas sesións, nas que se pretende, entre outras cuestións, favorecer o pensamento crítico e o ocio saudable.
Saúde mental
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 30/05/2024 - 17:11Seguimos a traballar sobre a educación emocional, neste caso centrándonos na saúde mental.
Na asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos do Enfermos Mentais, son coñecedores da importancia de formar e informar sobre a saúde mental. Conscientes da relevancia do tema, da transcendencia a calquera idade, incluída a adolescencia, e da importancia de traballar dende a prevención, no mes de maio visitounos persoal da asociación para levar a cabo un obradoiro co alumnado de 4º ESO.
Abordouse a saúde mental, regulación emocional, xestión do estrés, autodeterminación e empoderamento mediante dinámicas activas e participativas nas que o alumnado foi o protagonista.
Ciberasesor@s
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 30/05/2024 - 17:02O alumnado de 2º ESO leva un tempo traballando no programa Ciberasesor@s. Despois de adentrarse no coñecemento de internet e redes sociais, creamos equipos de traballo que están a investigar sobre os principais riscos das novas tecnoloxías.
Nestas fotos, servímonos do estudo de casos para aprender de forma activa e entretenida, conectando o contido coa realidade. Así, a rapazada está a analizar noticias de distintos xornais sobre o tema de traballo, para saber un pouco máis e formar e informar aos seus compañeir@s.
Seguiremos traballando para amosar os traballos cara o final do curso!
FP das familias de administración e agraria
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 15/05/2024 - 15:59Esta semana visitáronos tres docentes do IES de Arzúa para presentar ao alumnado de 3º da ESO os ciclos formativos que se poden estudar no seu instituto, onde se imparten ciclos básicos, medios e superiores das familias de administración e tamén de agraria.
O alumnado puido coñecer que se estuda e que se aprende a facer nos ciclos que imparten, tendo máis información para o seu proceso de toma de decisións.