Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Se tivera un lápiz máxico....

Na semana en que conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, traballamos sobre a figura de Malala e o seu conto "El lápiz mágico de Malala".

A historia desta activista Premio Nobel da Paz 2014 servíunos para reflexionar e repensar a situación no mundo actual, á par que nos atrevemos a imaxinar posuidores dun lápiz máxico co que plasmar o noso desexo para construir a un mundo mellor.

Cos nosos desexos elaboramos un ceo cheo de estrelas!

A ponte entre o ensino medio e a USC

Dende a Universidade de Santiago de Compostela, visitounos Celso Rguez., que falou ao alumnado de Bacharelato sobre as cuestións máis relevantes sobre a USC: os seus campus, os estudos que se poden cursar, organización dos graos, programas de mobilidade, posibilidades de ocio, culturais, deportivas....que ofrece a universidade, residencias e bolsas de estudos. 

Sen dúbida, unha sesión ben completa!

 

 

 

 

 

 

Charla sobre doazóns e transplantes

No mes de xaneiro recibimos a visita dunha enfermeira da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), que transmitiu ao alumnado de 4º ESO e do CM de Atención a persoas en situación de dependencia, a importancia e valor das doazóns. Trátase dunha actividade de sensibilización que favorece o achegamento a unha realidade sobre a que non solemos reparar habitualmente e a través da cal puidemos coñecer de primeira man a experiencia dunha persoa transplantada. 

Sen dúbida, un orgullo que o noso país sexa pioneiro en doazón de órganos e dispoñer dun sistema público de saúde que permita a atención ás persoas que precisan un transplante.

Despois de coñecer esta realidade de primeira man, quizais toque reflexionar.....Faríaste donante de órganos?

 

 

 

 

 

 

 

Obradoiro de motivación e autoestima

Ao longo de varias sesións, o alumnado de Formación Profesional Básica desfrutou dun obradoiro de motivación e autoestima, adquirindo aprendizaxes intrapersoais e interpersoais mediante dinámicas e xogos educativos.

Foron unhas sesións moi produtivas e amenas, nas que a reflexión final é que podemos conseguir grandes logros, sempre que nolo propoñamos e nos esforcemos por alcanzalos! 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fóra etiquetas!

No grupo de 1º ESO, comezamos a traballar sobre a convivencia, relacións interpersoais e resolución de conflitos a través da mediación. Comezamos traballando sobre os prexuízos con distintas dinámicas, tomando conciencia da importancia de aceptar e non xulgar aos demais. Por unha banda tomamos conciencia de como inflúen as etiquetas sociais nas relacións interpersoais cos demais mediante a dinámica Discoetiqueta, para na seguinte sesión continuar a aprender sobre os prexuízos coa actividade Fóra etiquetas!, onde comprobamos como ás veces xulgamos de forma incorrecta e sen coñecer aos demais. 

 

Nadal solidario

Dende o centro organizamos o Nadal solidario, unha iniciativa consistente na doazón de alimentos non perecedoiros e/ou xoguetes usados en bo estado para axudar ás familias que o necesitan do Concello. Hoxe, o persoal de Servizos Sociais achegouse ao centro para recoller as doazóns, coas que facer un Nadal máis agradable a algunhas persoas. 

Grazas a aquelas persoas que aportaron un grao de area! De seguro a súa humanidade xerará sorrisos!

 

 

 

 

 

 

 

A mediación está de volta!

Atención, atención! A mediación está de volta! Un curso máis seguimos a traballar na mediación. Nesta ocasión retomamos o traballo do profesorado do equipo de mediación, e a que non sabedes....xa fixemos algunha cousiña moi produtiva! Acondicionouse un espacio como aula de mediación e xa se realizou algunha intervención con alumnado en conflito, a fin de contribuir ás boas relacións e clima nas aulas. Polo momento vaise recollendo algún froito!

Asemade, estamos a facer máis sinxelo o proceso e adaptando os documentos do protocolo para que o proceso sexa máis rápido e operativo. Tamén comezamos a intervir en 1º da ESO nas titorías, para traballar en convivencia e resolución de conflitos e que coñezan a mediación.

Seguiremos a traballar nos próximos trimestres, co obxectivo de que tamén o alumnado participe activamente como mediador e contribuir á expansión da cultura da mediación. 

Podedes coñecer máis sobre este proxecto nesta ligazón do apartado de Convivencia da web do centro. 

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Comezamos!

Pola importancia que ten a educación afectivo-sexual e a súa relevancia principalmente na etapa adolescente, este curso decidimos participar no programa Quérote +, que se desenvolverá con alumnado de 3º da ESO e FP Básica.

Deixamos por aquí un documento gráfico das primeiras sesións, nas que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os Centros Quérote (non deixedes de visitar a súa web:  https://xuventude.xunta.es/querote-mais) e fixemos un primeiro achegamento ao por que do programa e ao que implica a EDUCACIÓN SEXUAL e......SORPRESA! Non se refire só ao plano físico da persoa ou as relacións coitais, senón que implica moito máis, abarcando tamén o plano emocional e relacional.

Podedes descubrir o que estivemos a traballar a un clic!

 

Baixo o mesmo paraugas. Vila de Cruces pola diversidade

Da man do alumnado e profesorado do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia conmemoramos o Día da diversidade funcional, que se celebra o 3 de decembro, baixo o lema "Baixo o mesmo paraugas. Vila de Cruces pola diversidade". 

O alumnado do centro tivo a oportunidade de disfrutar dun obradoiro práctico pensado para coñecer os distintos tipos de diversidade e poñerse na pel das persoas con algún tipo de capacidade diversa, para o que pasaron por varios postos desenvolvendo actividades nas que se achegaron aos distintos sistemas de comunicación e coñeceron material de apoio e adaptado. 

Foi unha xornada de concienciación coa finalidade de promover a empatía, respecto e normalización, favorecida pola aprendizaxe entre iguais, agradecendo a implicación do ciclo de APSD, con mención especial ás alumnas do 2º curso, que tiveron un papel clave na realización da actividade, transmitindo valores aos compañeiros/as das distintas etapas do centro. Premendo nesta ligazón podedes ver o post no blog da biblioteca e o vídeo sobre a actividade. 

Seguimos a falar de masculinidades diversas!

Nesta semana seguimos a falar de masculinidades diversas con alumnado da ESO. Leváronse a cabo as últimas sesións do obradoiro, cun marcado carácter reflexivo sobre o traballado nas distintas sesións anteriores.

Sen dúbida, quedamos con grandes aprendizaxes, como a importancia do respecto e o bo trato entre os xéneros, sempre en igualdade e tolerando a diversidade!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido