Saltar navegación.
Inicio

Querote+

Plan Proxecta. Quérote Máis. Hoxe damos a clase nós!

Chegamos ao final do proxecto e convertémonos en mestres dos nosos compañeiros/as. Hoxe damos a clase nós!

O alumnado escolleu como tema a traballar as relacións afectivas e o uso das novas tecnoloxías, informando sobre a necesidade de ser precavidos de cara a prácticas como o sexting, por exemplo. Asemade, instaron a tomar conciencia sobre a importancia de manter relacións saudables, fuxindo de calquera forma de control ou violencia, que tamén pode ser exercida mediante o uso de dispositivos electrónicos, redes sociais.....

Quérete moito e permite só que te queiran ben!

 

 

Plan proxecta. Quérote Máis: "Sexualidade e pornografía"

O noso centro leva tempo comprometido coa educación afectivo-sexual, coñecedores da importancia da mesma non só no que ten que ver coa prevención de ETS e embarazos non desexados, senón tamén no que á cuestión emocional e relacional entre as persoas se refire, como aspecto básico en canto á promoción das relacións baseadas na igualdade, respecto e tolerancia. 

Sen embargo, no momento actual hai unha gran preocupación social polo auxe de condutas violentas nas relacións afectivas, incluso a idades moi temperás, que moito teñen que ver co (mal) uso de internet e o fácil acceso á pornografía, o que promove unha visión distorsionada da realidade e das relacións afectivas nos menores de idade. 

Con un panorama ao respecto preocupante e a alarma social activada, o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato, da man da súa profesora Zeltia Laya, decidiron intervir. Levaron a cabo unha investigación sobre a cuestión, indagando sobre a pornografía e a súa influencia no desenvolvemento afectivo-sexual dos menores e adolescentes. Presentaron as súas conclusións en todos os cursos do instituto, concienciando a alumnado e profesorado dunha problemática sobre a que é preciso reflexionar e dende logo tomar medidas. Promover un uso adecuado de internet, redes sociais e videoxogos, supervisar e regular o acceso a determinados contidos son premisas urxentes para restablecer o compoñente emocional adecuado nas relacións afectivas, nas que non debe caber espazo para a violencia nin abusos de ningún tipo. 

A actividade enmárcase dentro do programa Quérote Máis, podendo ver máis fotos das sesións nesta ligazón. 

Obradoiro de sexualidade

Un curso máis, o alumnado de 3º ESO e 1º FPB participaron no obradoiro de sexualidade impartido por persoal especializado do centro Quérote Máis. Deste xeito, completamos o traballo que se está a levar a cabo ao longo do curso no Plan Proxecta Q+. 

Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!

Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis"

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mitos sobre o mesmo na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes. 

 

 

 

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Comezamos!

Pola importancia que ten a educación afectivo-sexual e a súa relevancia principalmente na etapa adolescente, este curso decidimos participar no programa Quérote +, que se desenvolverá con alumnado de 3º da ESO e FP Básica.

Deixamos por aquí un documento gráfico das primeiras sesións, nas que o alumnado tivo a oportunidade de coñecer os Centros Quérote (non deixedes de visitar a súa web:  https://xuventude.xunta.es/querote-mais) e fixemos un primeiro achegamento ao por que do programa e ao que implica a EDUCACIÓN SEXUAL e......SORPRESA! Non se refire só ao plano físico da persoa ou as relacións coitais, senón que implica moito máis, abarcando tamén o plano emocional e relacional.

Podedes descubrir o que estivemos a traballar a un clic!

 

Distribuir contido