Actividades
Educando en igualdade: masculinidades diversas e prevención da violencia de xénero
Enviado por anabelenfernand... o Sáb, 25/11/2023 - 07:01No día de hoxe, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No noso centro sabedores da importancia de educar na igualdade, levamos toda a semana realizando tarefas en materia de educación e prevención na materia. Así, deron comezo os obradoiros sobre masculinidades diversas co alumnado da ESO, que da man de Marc e traballando en grupo, reflexionaron sobre os estereotipos de xénero e as distintas formas da expresión de xénero, concluíndo na importancia do respecto á diversidade.
E proseguindo coa importancia do respecto entre persoas, no día de onte o alumnado de 2º e 3º da ESO participou nun scape room de prevención da violencia de xénero, descubrindo as palabras clave mediante o traballo colaborativo, para avanzar nas probas e quedar no mellor posto posible. A sesión foi moi produtiva, facendo consciente ao alumnado da importancia das relacións afectivas igualitarias, independentemente do xénero das persoas que conforman a parella.
A xornada de onte rematou coa entrega de pulseiras a todo o alumnado do centro, remitidas dende a Fundación Anar no marco da súa campaña "La violencia de género no tiene edad", nas que se indica o teléfono contra a violencia de xénero para menores de idade (900 20 20 10).
Sen dúbida foi unha semana intensa! Para a próxima continuaremos traballando na materia!
Que non te líen, ti elixes!
Enviado por anabelenfernand... o Xov, 09/11/2023 - 18:57No día de hoxe, o alumnado de 3º e 4º da ESO participou no programa "Que non te líen, ti elixes!", convocado pola Consellería de Educación para favorecer a orientación vocacional libre de estereotipos de xénero na elección de itinerarios e profesións.
Os obradoiros foron levados a cabo por persoal da Fundación Laboral da Construción. Unha orientadora laboral e unha traballadora do sector da construción encargáronse de dinamizar a actividade, que de seguro foi de grande utilidade para axudar ao alumnado de cara a toma de decisións vocacionais.
Visita a Galicia Skills 2023
Enviado por anabelenfernand... o Lun, 30/10/2023 - 14:19Hai uns días, o alumnado dos ciclos medios de "Soldadura e caldeiraría" e "Atención a persoas en situación de dependencia", visitaban, xunto con parte do profesorado do centro, o 7º Campionato Galicia Skills, no que ademais participou o alumno Sergio López, que se alzou coa medalla de ouro na categoría de Soldadura. Parabéns ao alumno e profesorado. Na web do centro tedes máis información sobre este merecido primeiro posto!.
Punto de información xuvenil
Enviado por anabelenfernand... o Dom, 22/10/2023 - 14:26Esta semana contamos no centro con un Punto de información xuvenil, onde o alumnado se puido informar de distintos programas e actividades que se levan a cabo para os xóvenes dende a Consellería de Política Social e Xuventude, ademais de realizar o carné xove, co que beneficiarse de descontos en distintas actividades e establecementos.
Ciberasesor@s. Asesorando!
Enviado por anabelenfernand... o Ven, 09/06/2023 - 11:42Rematamos co programa Ciberasesor@s! Nesta última fase, o alumnado de 2º da ESO amosou os traballos realizados sobre os distintos riscos de internet e redes sociais aos seus compañeiros de 1º da ESO, para favorecer o asesoramento nun uso responsable e seguro de internet e as redes sociais.
Como en anos anteriores, o alumnado do segundo curso estivo a traballar en titorías sobre o ciberacoso, sexting, grooming, ciberadicción, vamping, phishing e suplantación de identidade. Este ano ademais, un dos grupos elaborou un traballo sobre os Troyanos e a súa perigosidade. Todo isto coa finalidade de tomar conciencia sobre a importancia de usar as novas tecnoloxías adecuadamente, á par que o alumnado máis experimentado debe concienciar aos seus compañeiros/as máis novos/as sobre estas cuestións.
Deste xeito, favorecemos a adquisición de conceptos traballando de forma divertida e desenvolvendo distintos valores e habilidades como o traballo en equipo, habilidades para a busca e selección de información, responsabilidade, empatía, sentido crítico....á vez que se promove a interacción entre os distintos cursos.
Este curso, ademais do formato dixital, pódense disfrutar dos traballos en soporte cartolina, pois estes están expostos no corredor da cafetería do centro.
Navega con rumbo
Enviado por anabelenfernand... o Ven, 09/06/2023 - 11:33O alumnado de 1º da ESO e 1º FP Básica participaron hai uns días no obradoiro Navega con rumbo, un programa ofrecido pola Consellería de Educación que ten como obxectivo favorecer un uso responsable e seguro de internet e as redes sociais.
Na sesión, impartida de forma dinámica e interactiva, o alumnado intercambiou impresións co persoal do Colexio Profesional en Enxeñaría Informática de Galicia sobre a internet e as distintas aplicacións que se empregan frecuentemente (buscadores, redes sociais, correo electrónico....). Non cabe dúbida que teñen vantaxes, tal como se tratou, pero tamén cómpre ser precavidos cos riscos que levan asociados e ter moi en conta as pautas para un uso seguro aportadas pola técnica.
Visita do alumnado de 6º de Primaria
Enviado por anabelenfernand... o Mar, 30/05/2023 - 17:13Hoxe foi un día moi especial, pois recibimos a visita do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Nosa Sra. da Piedade e CEIP de Piloño, que para o próximo curso realizarán 1º da ESO no noso instituto.
Na acollida participou o alumnado voluntario da biblioteca, que recibiron aos seus futurxs compañeirxs, percorreron con elxs as instalacións e realizaron un xogo de descuberta fotográfica en equipos co que puideron coñecer todos os recunchos do instituto. O alumnado voluntario tamén intercambiou experiencias co alumnado visitante e contáronlle unha morea de cousas sobre o instituto (como se organiza a biblioteca, actividades que se levan a cabo no centro, os recreos culturais, que se fai nas titorías, importancia de cumprir as normas...). Logo, tras coñecer algunhas cuestións sobre a nova etapa, desfrutamos todxs xuntxs dunha merenda na cafetería e tamén houbo tempo para o esparcemento. Sen dúbida, foi unha estupenda xornada de convivencia coa que esperamos facilitar o tránsito á secundaria do futuro alumnado.
Por suposto, temos que agradecer ao alumnado voluntario da biblicoteca (Shaila, África, Emily, Dayna, Aldara, Candela e Maxi), que fixeron un gran traballo colaborando coa biblioteca e o departamento de orientación no desenvolvemento da actividade. Foron uns grans anfitrións e lograron que o futuro alumnado se sentira moi cómodo e integrado!
Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais
Enviado por anabelenfernand... o Mar, 30/05/2023 - 16:52Desta volta participamos do programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, convocado pola Consellería de Educación. Estivo dirixido ao alumnado de 3º ESO, coa finalizade de formalo no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e Comunicación.
A sesión foi impartida por unha técnica de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), que incidiu en cuestións como a importancia da pegada dixital, seguridade e privacidade nas redes sociais. Así, o alumnado aprendeu sobre a relevancia de facer unha configuración adecuada dos nosos perfís en redes e coñecer as políticas de privacidade das mesmas, a fin de ser conscientes das implicacións que pode ter ser usuario dalgunhas comunidades dixitais.
Coma sempre, cómpre ter toda a información posible e usar as redes con sentido!
Habilidades sociais e resolución de conflitos
Enviado por anabelenfernand... o Mar, 30/05/2023 - 16:36Seguimos a traballar na resolución de conflitos cos grupos de 1º da ESO, nesta ocasión con un obradoiro impartido por Arelar Xestión Socioeducativa.
O alumnado puido aprender sobre o conflito e distintas formas de afrontalo, vencellando estas coas emocións que están subxacentes e que nos producen as distintas maneiras de afrontamento.
Na resolución de conflitos é fundamental dispoñer de habilidades sociais e ferramentas que nos permitan encaralos con asertividade, respectando aos demais e a nós mesmxs. E que mellor que aprender de forma práctica! Así, representamos distintas situacións con exemplos e pequenas teatralizacións coas que puidemos analizar os distintos estilos de comunicación e reflexionar sobre as formas que empregamos para facerlle fronte aos conflitos.
De seguro que adquirimos aprendizaxes útiles para mellorar o noso benestar emocional e a convivencia!
17M Día internacional contra a homofobia, transfobia e bifobia
Enviado por anabelenfernand... o Mér, 17/05/2023 - 06:00Non cabe dúbida que o 17 de maio é un día importante para Galicia, pois conmemórase o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Francisco Fernández del Riego, escritor e impulsor do idioma e a cultura galega durante o século XX.
Alén do anterior, esta data tamén está marcada no calendario pola celebración do Día contra a homofobia, transfobia e bifobia. Foi o 17 de maio de 1990 cando a Asamblea Xeral da Organización Mundial da Saúde eliminou a homosexualidade da lista de enfermidades mentais, sen dúbida, un gran avance social e de apoio aos dereitos da comunidade lgtbi+.
O noso centro caracterízase, entre moitas outras cousas, por ser un centro impulsor da promoción do respecto e valores en todos os ámbitos, entre eles o da diversidade afectivo-sexual, educando a prol da normalización e inclusión. En distintas materias e nas titorías promóvese a transversalidade e trabállase nestas cuestións, destacando o traballo realizado no relativo á afectividade e sexualidade na materia optativa de Educación afectivo-sexual (2º ESO) ou no proxecto competencial centrado na igualdade de xénero (3º ESO), que da man da súa profesora Verónica, axudan a sementar a tolerancia e non discriminación a través da información e o coñecemento.
Sabedores da importancia da visibilización e respecto á diversidade, no centro facémonos eco desta data! Recordade sempre que a diversidade enriquece e o respecto une!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »