Saltar navegación.
Inicio

17M Día internacional contra a homofobia, transfobia e bifobia

Non cabe dúbida que o 17 de maio é un día importante para Galicia, pois conmemórase o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Francisco Fernández del Riego, escritor e impulsor do idioma e a cultura galega durante o século XX. 

Alén do anterior, esta data tamén está marcada no calendario pola celebración do Día contra a homofobia, transfobia e bifobia. Foi o 17 de maio de 1990 cando a Asamblea Xeral da Organización Mundial da Saúde eliminou a homosexualidade da lista de enfermidades mentais, sen dúbida, un gran avance social e de apoio aos dereitos da comunidade lgtbi+.

O noso centro caracterízase, entre moitas outras cousas, por ser un centro impulsor da promoción do respecto e valores en todos os  ámbitos, entre eles o da diversidade afectivo-sexual, educando a prol da normalización e inclusión. En distintas materias e nas titorías promóvese a transversalidade e trabállase nestas cuestións, destacando o traballo realizado no relativo á afectividade e sexualidade na materia optativa de Educación afectivo-sexual (2º ESO) ou no proxecto competencial centrado na igualdade de xénero (3º ESO), que da man da súa profesora Verónica, axudan a sementar a tolerancia e non discriminación a través da información e o coñecemento. 

Sabedores da importancia da visibilización e respecto á diversidade, no centro facémonos eco desta data! Recordade sempre que a diversidade enriquece e o respecto une!