Visita do alumnado de 6º de Primaria
Hoxe foi un día moi especial, pois recibimos a visita do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Nosa Sra. da Piedade e CEIP de Piloño, que para o próximo curso realizarán 1º da ESO no noso instituto.
Na acollida participou o alumnado voluntario da biblioteca, que recibiron aos seus futurxs compañeirxs, percorreron con elxs as instalacións e realizaron un xogo de descuberta fotográfica en equipos co que puideron coñecer todos os recunchos do instituto. O alumnado voluntario tamén intercambiou experiencias co alumnado visitante e contáronlle unha morea de cousas sobre o instituto (como se organiza a biblioteca, actividades que se levan a cabo no centro, os recreos culturais, que se fai nas titorías, importancia de cumprir as normas...). Logo, tras coñecer algunhas cuestións sobre a nova etapa, desfrutamos todxs xuntxs dunha merenda na cafetería e tamén houbo tempo para o esparcemento. Sen dúbida, foi unha estupenda xornada de convivencia coa que esperamos facilitar o tránsito á secundaria do futuro alumnado.
Por suposto, temos que agradecer ao alumnado voluntario da biblicoteca (Shaila, África, Emily, Dayna, Aldara, Candela e Maxi), que fixeron un gran traballo colaborando coa biblioteca e o departamento de orientación no desenvolvemento da actividade. Foron uns grans anfitrións e lograron que o futuro alumnado se sentira moi cómodo e integrado!