Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Obradoiro de sexualidade

Un curso máis, o alumnado de 3º ESO e 1º FPB participaron no obradoiro de sexualidade impartido por persoal especializado do centro Quérote Máis. Deste xeito, completamos o traballo que se está a levar a cabo ao longo do curso no Plan Proxecta Q+. 

Prevención de delitos sexuais

No marco do Plan director, unha axente da Garda Civil informa ao alumnado de 2º ESO e FPB sobre a prevención de delitos sexuais, aparellados en multitude de ocasións ao uso inadecuado de internet e redes sociais.

Sexting, grooming, sextorsión....son cuestións que se abordaron na sesión, concluíndo a importancia de facer un uso responsable e reflexivo das redes, que garantan a seguridade e integridade persoal. 

 

 

 

 

Adiccións sen substancia

Unha axente da Garda Civil explicou ao alumnado de 4º ESO a problemática das adiccións sen substancia. E é que ademais das coñecidas adiccións ao alcohol ou as drogas, existen outras nas que non interveñen substancias químicas, como a adicción ao traballo, ao teléfono móbil, a internet, ao xogo, ludopatías....

O uso extensivo de teléfonos móbiles e o fácil acceso a internet incrementa o risco de padecer algún tipo de adicción sen substancia. Así, tal como o alumnado puido comprobar nos estadísticos amosados pola axente, no caso dos adolescentes estanse a incrementar as adiccións ao xogo online e videoxogos. Asemade, o uso inadecuado de internet pode levar asociados outros riscos como a comisión inconsciente de delitos ou a posibilidade de ser vítima de grooming, incrementándose o risco especialmente no caso de padecer algunha adicción. 

Polo tanto, cómpre facer un uso adecuado e razonable, administrando ben os tempos de uso, así como pedir axuda sempre que sexa necesario, tal como incidiu a ponente. 

Iniciación segura á pegada dixital 2023/24

Este curso participamos de novo no programa "Iniciación segura á pegada dixital". Estivo dirixido a alumnado de 2º e 3º da ESO, que tomou conciencia da importancia de manter unha identidade dixital adecuada, pois todo o que facemos en internet deixa pegada e non está exento de riscos. 

Xornada de orientación e convivencia en Lalín

No día de hoxe, o alumnado de 1º Bacharelato desfrutou dunha xornada de orientación e convivencia na localidade de Lalín.

Acompañados da súa titora e a orientadora do centro, asistiron á Primeira Feira de Orientación Universitaria e Formación Profesional organizada neste municipio.

Ademais, aproveitaron a visita á capital dezá para coñecer o museo Castro Deza, dedicado á divulgación da cultura castrexa, as lendas e a gastronomía; e tamén se achegaron ao Espazo Xove de Lalín (Casa da Xuventude), onde puideron desfrutar da exposición fotográfica "Ceos galegos" explicada da man do divulgador científico Dosi Veiga. 

 

Navega con rumbo 2023/24

Porque é importante non perder o norte cando navegamos na rede, rematamos o 2º trimestre participando no programa Navega con rumbo

O alumnado de 1º ESO e 1º FPB tivo a oportunidade de asistir á actividade, conducida por un enxeñeiro informático experto na materia, co que dialogaron de forma amena sobre internet e as oportunidades e perigos que pode levar asociados. 

Dende logo, serán moi útiles os seus consellos e ter presente sempre o decálogo do bo uso de internet para unha navegación segura!

 

 

Plan Proxecta Quérote Máis. Continuamos!

Desta volta deixamos un resumo do traballo efectuado no 2º trimestre co alumnado de 3º ESO e FPB no marco do programa de educación afectivo-sexual "Quérote Máis"

Tras rematar algunha tarefa pendente...adentrámonos na diversidade afectivo-sexual! Na presentación que se xunta no enlace, podedes consultar as obras que realizou o alumnado, a fin de promover o respecto cara as distintas identidades e orientacións sexuais. 

Pero non só iso...Tamén tivemos tempo para investigar sobre o amor romántico e detectar os mitos sobre o mesmo na música, literatura, publicidade...

Finalmente, abordamos a importancia da prevención. O alumnado descubríu a través de variadas metodoloxías e actividades os distintos métodos anticonceptivos e o seu papel na prevención de embarazos non desexados e ETS. Foron varias sesións interesantes nas que dialogamos sobre as preocupacións e dúbidas adolescentes, achegándonos tamén á regulación legal da IVE no noso país. 

Premendo nesta presentación podedes ver un resumo do traballado en imaxes. 

 

 

 

 

 

Falamos do acoso escolar

No segundo trimestre, continuamos a centrar esforzos na mellora da convivencia. Tras un traballo de reflexión sobre o clima de aula, dedicamos dúas sesións de titoría a falar sobre o acoso escolar co alumnado de 1º ESO, para concienciar sobre as súas implicacións e consecuencias. Para iso, servímonos da análise e comentario de casos reais como o caso Jokin Cebeiro e tamén o coñecido youtuber e instagrammer Miquel Montoro. 

Destacando sempre a importancia das persoas espectadoras na detención dos casos de acoso escolar, que a miúdo se producen lonxe da mirada adulta, aproveitamos as sesións para dar a coñecer o Punto Laranxa, tanto físico como virtual, como un recurso de denuncia anónimo ao abeiro do novo Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar, que pretende romper co a lei do silencio.

Mulleres inspiradoras

Nunha semana tan significativa como esta, na que se celebra o Día Internacional da Muller, desenvolvemos no centro unha serie de actos e actividades conmemorativas.

Por cortesía do Concello de Vila de Cruces, empezamos a semana con unha mesa redonda baixo o título “Mulleres inspiradoras”. O concelleiro de igualdade deu apertura ao acto, do que puideron desfrutar o alumnado de 3º e 4º da ESO, coñecendo de primeira man a experiencia de catro mulleres traballadoras e pioneiras en moitos casos nos seus ámbitos laborais, mulleres loitadoras que tiveron que abrirse camiño facendo fronte a distintas adversidades, incluídas aquelas que tiveron que afrontar polo seu xénero. Así, compartiron con nós as súas experiencias a recoñecida artesá Elena, máis coñecida como a zoqueira de Merza; Mónica, licenciada en dereito e axente de emprego e desenvolvemento local do Concello; Rocío, empresaria hostaleira e Cinthia, emprendedora e luthier de clarinete.

Catro mulleres referentes que coa súa experiencia favorecen a inspiración nas alumnas e a visibilidade da muller en sectores masculinizados. A mesa estivo moderada por Fátima, tamén empresaria e emprendedora no sector dos recursos humanos.

Charla sobre violencia de xénero para familias

No mes de febreiro, no marco do Plan Director, recibimos a visita dunha axente da Garda Civil que falou ás familias sobre a violencia de xénero. Da man da axente descubrimos como traballan as forzas de seguridade nestes casos, as dificultades ás que se enfrontan e a importancia da súa labor na axuda as vítimas. Asemade, amosaron ás nais asistentes os contidos que se traballan sobre este tema nas charlas que imparten nos centros educativos ao alumnado.

Foi unha xornada de reflexión e intercambio de impresións, nas que se fixo patente que a violencia de xénero é unha cuestión que afecta a parellas de calquera idade e clase social, así como a importancia de pedir axuda e denunciar.

 

 

Distribuir contido