Saltar navegación.
Inicio

Somos iguais? Prevención da violencia de xénero

Achégase o 25N, unha data sinalada no calendario por conmemorarse o Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero. Por este motivo e sendo conscientes da importancia da educación nesta materia, levouse a cabo a actividade "Somos iguais? Prevención da violencia de xénero", impartida por unha psicóloga infanto-xuvenil ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato.  

Na sesión, abordouse a cuestión do xénero como constructo social e a súa implicación no feito de ser home ou muller. Pero..., somos iguais homes e mulleres? O alumnado aportou a súa visión e achegouse ao concepto de violencia de xénero, entendida como aquela que se exerce sobre as mulleres polo feito de selo, ou ao consideralas en inferioridade. A este respecto, a violencia non debe tolerarse nas relacións de ningún tipo, tampouco nas relacións de parella, e desto deben ser conscientes homes e mulleres. 

Ter relacións saudables esixe un exercicio de conciencia polas partes implicadas, que pasa, entre outras cousas, por marcar límites claros e non tolerar que estes sexan traspasados. Respectar aos demais e respectarse a un mesmo/a é a base para establecer relacións saudables e en igualdade.