Saltar navegación.
Inicio

Obradoiro: Encantado de coñecerme

No mes de decembro, o centro ACODE impartiu un obradoiro práctico de varias sesións de duración ó alumnado de 1º e 2º do ciclo básico de Servizos Administrativos.

O obradoiro, que leva por nome “Encantado de coñecerme”, trata de favorecer a motivación do alumnado, traballando cuestións como o autocoñecemento, autoestima, cohesión grupal, resolución de conflitos, habilidades sociais e estilos de comunicación.

O programa, especialmente pensado para alumnado de ciclos básicos da formación profesional, potencia a conciencia das capacidades propias no alumnado, partindo do enfoque de intelixencias múltiples e mediante o emprego de dinámicas grupais que favorecen unha aprendizaxe activa e construtiva.

Sen dúbida, unha boa iniciativa de empoderamento, válida para que o alumnado aprenda a valorarse e detectar as súas fortalezas, máis aló do meramente académico, dotándoo á vez de estratexias para enfrontarse ás adversidades, ó tempo que se favorecen as relacións interpersoais positivas baseadas no respecto e comunicación.