Habilidades sociais para a prevención de drogodependencias
Hai uns días, o alumnado de 1º e 2º curso do ciclo básico de Servizos Administrativos e o alumnado de 1º curso do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, desfrutaron do obradoiro “Habilidades Sociais para a convivencia e afrontamento da presión do grupo”. O obradoiro, impartido por Ramón Molina, da empresa Arelar Xestión Socioeducativa, trata de favorecer a prevención da drogodependencia, dotando ó alumnado de habilidades sociais e estratexias para combater a presión exercida polo grupo de iguais, factor tan influente e determinante na adolescencia.
A actividade busca espertar a conciencia no alumnado mediante un enfoque activo e construtivo da aprendizaxe, empregando para elo distintas dinámicas que levan á reflexión, intercambio de ideas e adquisición de coñecementos, á par que se fornece a autoestima do alumnado, se desterran mitos sobre o consumo de certas drogas e se desenvolve a competencia social para que os máis novos sexan quen de saber dicir non ó consumo de sustancias nocivas, promovendo as relacións positivas e a convivencia.