Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Círculos de convivencia

Este curso creamos círculos de convivencia na ESO para favorecer o clima de aula e centro, mellorar as relacións interpersoais e favorecer a integración. O alumnado creou as súas propias normas de aula e con periodicidade mensual, o círculo reúnese e establece propostas de mellora en función da análise e estado da convivencia nese momento, trasladando os resultados ao grupo. Trátase dunha forma de implicar ao alumnado e facelo consciente da súa responsabilidade na mellora da covivencia.  

Mediación. A importancia da comunicación

Seguimos a traballar en mediación. Neste caso abordamos o conflito e a comunicación co alumnado de 2º da ESO, mediante dinámicas grupais.

Representamos unha situación conflitiva coa técnica da laranxa, onde o alumnado puido comprobar como ás veces os conflitos se xeran de forma absurda. Así, non debemos obcecarnos na nosa posición, cómpre ser flexibles, escoitar de forma activa e ter en conta tanto os intereses propios como os da outra parte, pois moitas veces a solución é máis sinxela do que parece

Coa técnica do rumor, o alumnado aprendeu de forma práctica, vivencial e divertida sobre as distorsións na comunicación, que tantas veces xeran malos entendidos e provocan conflitos.

 

Prevención de adiccións con substancia

Comenzamos os obradoiros de prevención de adiccións con  substancia co alumnado de 4º da ESO. Conversamos sobre os tipos de drogas, as súas consecuencias, os factores de risco que poden favorecer o seu consumo e aqueles que actúan como protectores.

Favoreceuse o pensamento crítico no alumnado, facéndoo consciente da importancia de desenvolver hábitos saudables e tomar decisións responsables sen deixarse influír polo ambiente nin a presión do grupo de iguais, algo sumamente importante na adolescencia.

Mediación. Concienciación e prevención do acoso escolar

Falamos co alumnado de 2º da ESO sobre o acoso escolar. Achegámonos a casos coñecidos e de transcendencia mediática, que serviron como marco para reflexionar sobre o tema. O alumnado amosou sensibilidade e respecto cara unha cuestión de gran importancia social, tomando conciencia da importancia de denunciar e non ser cómplices.

Asemade, vinculamos o tema central da sesión coa mediación, pois esta, ademais de ser unha estratexia de resolución pacífica de conflitos, ten grandes posibilidades como estrutura preventiva, evitando a aparición dos mesmos e tamén do acoso escolar, ao favorecer a convivencia positiva no centro.

 

 

Obradoiro de motivación

Un ano máis, o alumnado de 1º e 2º de FP Básica de Servizos Administrativos participou no obradoiro de motivación “Encantado de coñecerme”, cunha duración de doce sesións e impartido por Acode Educa.

Trátase dunha actividade na que se traballou sobre o autocoñecemento, autoestima, motivación e cohesión mediante dinámicas grupais, de forma amena e divertida. 

O alumnado quedou moi contento coa actividade. Esperamos repetir o próximo curso!

 

 

 

Mediación. Emocións e sentimentos

Continuamos coa difusión e formación en mediación. Neste caso, falamos sobre emocións e sentimentos co alumnado de 1º da ESO. A intelixencia emocional é clave para manter relacións intrapersoais e interpersoais saudables. Así, coñecer as emocións, aprender a controlalas e expresar os sentimentos adecuadamente son aspectos que favorecen o propio benestar e o afrontamento adecuado dos conflitos, ao expresarse dende os sentimentos e necesidades de cadaquén, sen xulgar nin atacar á outra parte.

Traballamos na sesión coa roda dos sentimentos e vídeos sobre as distintas emocións. Conversamos co alumnado sobre as emocións, como estas se asocian a distintas situacións e como as expresamos.

Aprendemos que as emocións non son positivas nin negativas. Todas son válidas e necesarias, só debemos aprender a recoñecelas e xestionalas.

 

Mediación. Creando grupo e tecendo redes

Iniciada a formación do alumnado de 1º e 2º da ESO en mediación. Dedicamos unha primeira sesión á presentación do servizo, para que o alumnado coñeza en que consiste a mediación e a súa eficacia como estratexia pacífica de resolución de conflitos na que ambas partes saen gañando, coa axuda dun mediador/a.

Falamos sobre o conflito como natural nas relacións humanas e a importancia de afrontalo de forma adecuada, con asertividade e empatía.

Para que a mediación sexa eficaz, é importante que o equipo de mediación funcione como un verdadeiro grupo e se tezan redes de colaboración e soporte entre os seus membros, á vez que o equipo funciona como referente de apoio e soporte daquelas persoas en conflito que acoden na busca de axuda. Para concienciar da importancia do grupo, pasamos uns momentos divertidos coa dinámica da tea de araña. 

Árbore dos desexos - Día da Paz

Ao longo do mes de xaneiro, o alumnado do instituto participou en distintas iniciativas que se organizaron no centro con motivo da conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebrou o 30 de xaneiro. Entre elas, creamos a Árbore dos desexos, unha actividade na que o alumnado plasmou por escrito os seus anhelos de paz para construir un mundo mellor, logo de reflexionar a partir da canción Imagine de John Lennon.

Como di o autor "soña con un mundo de amor e paz e farémolo realidade", así que non esquezades pechar os ollos e imaxinar un mundo en paz!

 

 

 

 

 

Presentación do Centro Superior de Hostelería de Galicia

O pasado venres 21 de xaneiro, o alumnado de 4º da ESO tivo unha presentación do Centro Superior de Hostelería de Galicia na que puideron coñecer de primeira man a oferta formativa do centro e o seu método de ensino, baseado na combinación de teoría e práctica e nunha aprendizaxe vivencial na que o alumnado aprende facendo e adquire destrezas de todos os postos posibles da organización.

O achegamento a experiencias reais de antigos alumnos/as, as saídas laborais das especialidades impartidas no centro e as posibilidades de empregabilidade foron outras das cuestións abordadas nas sesións.

As persoas interesadas poden coñecer máis sobre a escola na súa web (http://www.cshg.gal/index.php/es/), ou mesmo concertar unha visita.  

 

 

 

 

Feliz Día da Capacidade! Día das Persoas con Diversidade Funcional

Feliz Día da Capacidade

O 3 de decembro o IES Marco do Camballón conmemorou o Día das Persoas con Discapacidade con unha serie de xogos inclusivos nos que o alumnado e profesorado se puideron poñer na pel das persoas con diversidade funcional, comprobando os atrancos cos que se atopan a diario, así como as súas fortalezas, pois a pesar das limitacións propias e as sociais impostas son persoas capaces!

Por isto, no centro celebramos este día baixo o lema Feliz Día da Capacidade!

 

Distribuir contido