3.3. Calendario e secuenciación
A finalidade da secuenciación é establecer unha organización e ordenación das tarefas e dos contidos que asegure a conexión entre os obxectivos da formación e as actividades de aprendizaxe das persoas participantes. Ter unha secuenciación de tarefas, interaccións, contidos etc. ben pensada pode garantir un índice de superación do curso moi alto, que é un dos indicadores do éxito dunha formación.
Algúns consellos que podes ter en conta:
- Presenta os módulos nivelados en canto a tempo de adicación e nivel de dificultade.
- Cada un dos elementos do curso (texto, audio, vídeo, tarefa, foro...) implica uns tempos de lectura, escoita, instalación, elaboración, redacción que debes estimar.
- Debe existir unha progresión dos contidos dun módulo a outro de modo que se vaian acadando os obxectivos de cada un deles.
- Evidentemente, ter un calendario establecido non impide aplicalo posteriormente coa flexibilidade que se precise en base ás necesidades concretas que xurdan con cada grupo de participantes.
- A duración do curso estímase pola cantidade de horas necesarias para completalo a razón dunhas 5 horas á semana. Así, a duración dun curso
- 30 horas → 6 semanas
- 40 horas → 8 semanas
- 50 horas → 10 semanas
- 60 horas → 12 semanas
Nivelar os tempos implica que se deben distribuír as tarefas, os contidos, lecturas, vídeos, multimedia, actividades, tarefas etc. de xeito que con ese número de horas semanais sexa posible desenvolver o curso sen problemas.
O habitual é abrir os contidos de forma progresiva, por módulos ou temas, segundo a periodicidade establecida na guía do curso. Por isto, á hora de distribuílos farémolo de xeito que teñan coherencia didáctica, e dicir, que cada módulo ou tema sexa unha “unidade” coherente.
Ademais, debemos ter moi presente que a primeira semana do curso dedícase á presentación de participantes e outras actividades iniciais destinadas a familiarizarse coa aula virtual e co propio curso (o modelo de curso que se proporciona conta xa con actividades deste tipo). Amosaremos as tarefas e os contidos do primeiro módulo ou tema desde o día de apertura do curso aos participantes. Ademais, a última semana adícase a facer a avaliación do proxecto ou das tarefas finais e do curso e ás despedidas, de ser o caso. Polo tanto, da duración total debemos considerar esas dúas semanas e distribuír os contidos e actividades axeitadamente.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0