3.2 Metodoloxía e didáctica
É moi importante, antes de comezar o deseño, ter clara a metodoloxía didáctica do curso. O espazo virtual debe facilitar a asociación, interrelación e asimilación dos conceptos/procesos obxecto do curso, pero ademais debe permitir ás persoas participantes aprender e compartir experiencias e coñecementos co resto da comunidade virtual. Hai moitas formas de conseguir isto: coa tipoloxía das tarefas (colaborativas, foros de debate...) ou coas diferentes ferramentas de comunicación síncronas ou asíncronas (incluídas as redes sociais) que facilitarán a interrelación dos/as compañeiros/as.
Ademais, a formación deberá permitir adaptarse ás necesidades das persoas participantes (glosarios, apartados para ampliar información, incorporación de gradacións e indicadores a través das rúbricas, control e seguimento da propia aprendizaxe, foros colaborativos...).
Por outro lado, o proceso de avaliación debe cubrir aspectos cuantitativos e cualitativos, cunha avaliación sumativa e formativa, a través de distintos recursos que non só busquen informar á persoa participante sobre o progreso, senón que tamén beneficien a aprendizaxe.
Trátase, en definitiva, de lograr a implicación e participación das persoas involucradas no proceso de ensino e lograr unha aprendizaxe flexible, significativa, contextualizada e transferible ao traballo das e dos participantes como docentes.
Desde o punto de vista metodolóxico, a formación na Rede deberá tender cara a un modelo de aprendizaxe construtivista, colaborativa, conectada e multimedia:
Construtivista
Favorecerá, na medida do posible, que sexan as persoas participantes as que constrúan o coñecemento fuxindo, sempre que se poida, de sistemas tradicionais de transmisión de información. Este procedemento garante unha aprendizaxe máis efectiva e sostible no tempo por estar contextualizada e requirir a implicación directa do/a participante
Colaborativa
A interacción dos e das participantes entre si no proceso de construción e a negociación dos contidos elaborados por eles e elas facilita a aprendizaxe, ademais de dinamizar o proceso grazas á cohesión grupal.
Contextualizada
Significativa e transferible: é moi importante que a formación parta da realidade sociocultural e profesional do profesorado participante. A relación consciente da súa contorna inmediata coa aprendizaxe fai que esta sexa significativa e promove, por tanto, a súa transferibilidade a contextos e situacións similares na práctica profesional. Con este fin é recomendable fuxir de fórmulas e tarefas teóricas e abstractas, tendendo máis á formulación de tarefas prácticas, estudos de caso, simulacións etc. Neste sentido, as actividades deberán xerar impacto na práctica docente, polo que é moi recomendable a proposta de proxectos de intervención docente na aula / no centro, de cara á avaliación de progreso e á avaliación final.
Multimedia
E tamén variada. Os materiais utilizados deberán ser multimediais e variados na medida do posible, tirando todo o partido posible da hipertextualidade e dinamismo de Internet e evitando formatos estáticos, como os PDF.
O enfoque pedagóxico e didáctico adoptará as competencias como referencia permanente. A cabeceira do curso amosará as competencias do modelo competencial galego que serán obxectivo de aprendizaxe na formación e o deseño do curso será coherentecon elas formulando tarefas que avalíen os desempeños asociados ás devanditas competencias.
Ao deseñar cursos Platega convén ter presente o público ao que van destinados e ter presentes os principios da aprendizaxe de persoas adultas. Segundo M. Knowless, estas diferéncianse dos nenos en varios puntos:
- Aprendizaxe autónoma: as persoas adultas responsabilízanse de si mesmas, son alumado autodirixido.
- Tarefas de desenvolvemento: a súa aprendizaxe baséase no desempeño de tarefas asociadas aos papeis sociais e laborais. Teñen pouca paciencia para actividades superfluas, queren que garden relación cos papeis que desempeñan.
- Centrados nos problemas: a aprendizaxe céntrase na resolución de problemas ou na elaboración de tarefas prácticas.
- Aplicación inmediata: a aplicación do coñecemento debe ser inmediata para que sexa adecuada.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0