Saltar navegación

3.2.1 Estrutura dos módulos.

Hai moitas formas de construír o coñecemento que se pretende abordar nun curso. Non todos os contidos teñen que estar presentes desde o inicio nin partir da persoa titora; máis información non significa máis aprendizaxe nin máis comprensión dos contidos. Tamén estes se poden xerar en comunidade a través de foros, wikis, estudos de casos e procesos de busca libre ou dirixida de información na Rede para a construción individual ou colaborativa de coñecemento.

  • Os coñecementos ordenaranse en módulos ou temas con títulos representativos e cuns obxectivos e contidos claramente definidos que permitan a súa avaliación.
  • progresión na secuencia de contidos  debe ser equilibrada e lóxica e os módulos deben ter unha distribución e duración compensada. É conveniente organizar os módulos nivelados en canto a tempo requirido e nivel de dificultade, así como distribuír os contidos e actividades con coherencia didáctica, de xeito que cada bloque ou tema sexa unha "unidade" coherente.
  • Pensa sempre en que o curso poida adaptarse a diferentes niveis (atención á diversidade), para o cal axuda incluír conceptos previos, glosarios ou información de ampliación (do tipo “Para ampliar / Para saber máis”). Coméntase máis abaixo.
  • No caso de traballar con contidos expositivos, presentaranse empaquetados mediante os recursos propios de Moodle (Páxina, Libro, Lección...) ou elaborados noutros soportes (eXelearning, H5P, obxectos multimedia, videotitoriais...) integrándoos dalgún xeito na plataforma. De existir material deste tipo, dentro ou fóra da plataforma, incluiranse todos os arquivos editables no cartafol "Arquivos fonte" do bloque "Zona de coordinación e mantemento".
  • En calquera caso, débese lograr que a presentación de contidos sexa o máis interactiva e navegable posible e utilizar linguaxes multimedia variadas (infografías, videotitoriais, glosarios...) evitando a presentación de contidos en PDF.
  • Non esquezas respectar sempre os dereitos de propiedade intelectual dos materiais utilizados.

De seguido podes ver capturas de pantalla desta estrutura do curso e dos módulos tal como están no Modelo ou plantilla inicial para crear un curso Platega e ese mesmo módulo dun curso xa creado, en concreto do curso Crear cursos Platega:

Cabeceira do curso

A cabeceira

  • Banner de Platega cos logos corporativos correspondentes
  • Descrición da/s competencia/s traballadas no curso
  • Imaxe identificativa e pequena descrición do curso

Na cabeceira do curso deben constar, na sección despregable correspondente, as competencias profesionais docentes que desenvolve o curso. No Modelo de cursos Platega atoparás unha táboa que poderás cubrir:

Unha vez creado o curso amosará este aspecto:

Módulo 0. Presentación do curso, da aula e das persoas participantes

Os cursos Platega incorporarán un módulo inicial titulado: Presentación do curso, da aula e das persoas participantes. Este módulo incluirá, tal como recolle o Modelo de cursos Platega:

Icona da sección Comunicarse e compartirComunicarse e compartir:

  1. Foro de novas, avisos e anuncios. Foro de subscrición forzada para todas as persoas participantes no que a titoría e a coordinación publican novas e anuncios. Os e as participantes non poden publicar nel.
  2. Foro de consultas do módulo 0.
  3. OPCIONAL Ligazón ao Cancelo do curso en Twitter, en caso de que se desexe utilizar esta rede social para a difusión e dinamización do curso.

Icona da sección Traballar e avaliar Traballar e avaliar:

  1. Para comezar... Actividade destinada a familiarizar persoas participantes coas operacións básicas que usarán durante o curso.
  2. Foro de presentacións, configurado cas instrucións precisas para que as persoas participantes realicen a súa presentación de forma axeitada.
  3. OPCIONAL Cal é o teu punto de partida? Enquisa para analizar a situación inicial das persoas participantes tanto no referente á temática do curso como ás competencias traballadas no curso. Esta información pode utilizarse para constituír os subgrupos para os traballos colaborativos, avaliacións inter pares etc. Esta enquisa deben elaborala as persoas creadoras do curso e/ou a titoría.
  4. OPCIONAL Escolla de subgrupo para os traballos colaborativos, en caso de que se realicen, ou para crear grupos por especialidade, etapa educativa etc.
  5. OPCIONAL Pódese engadir unha tarefa máis sobre a temática específica do curso, que obrigue aos participantes a poñer en xogo os seus coñecementos iniciais sobre a temática do curso e sobre os desempeños que se traballarán posteriormente.

Icona da sección Informarse e aprender Informarse e aprender:

  1. Protocolo para a participación en cursos Platega.
  2. Guía do curso.

No Modelo de cursos atoparás:

Módulo 0 de presentacións

Unha vez creado o curso amosará este aspecto:

Modulo de presentacións do curso Crear Plategas

Módulos de Tarefas e Contidos

Os temas ou módulos do curso amosaranse estruturados do mesmo xeito, organizándoos en catro seccións:

  • Cabeceira do tema. Amosará un título e unha imaxe representativos e un comentario breve presentando o tema e os obxectivos, contidos e tarefas. Estará sempre visible, desde a apertura do curso para que as persoas participantes teñan información suficiente sobre o curso, para decidir se este é do seu interese e, no caso contrario, soliciten a baixa nesa primeira semana e así poder ofertala ás persoas en reserva
  • Folla de ruta ou similar.
  • Icona da sección Comunicarse e compartirComunicarse e compartir. Neste apartado incluiranse os espazos destinados á comunicación e interacción. En cada tema haberá: un Foro de consultas do Módulo correspondente. Se o deseño do módulo así o demandara, calquera outro foro que fora preciso (para a formación de grupos, para a discusión sobre un tema concreto ou para organizar o traballo colaborativo).
  • Icona da sección Traballar e avaliarTraballar e avaliar. Neste espazo incluiremos todas as actividades do curso: as Actividades voluntarias non avaliables e que non puntúan e as Tarefas avaliables, que puntúan na cualificación final. A avaliación das tarefas levarase a cabo de acordo coas directrices indicadas no apartado 2.4. Avaliación e cualificación. A construción do coñecemento nun curso na Rede deberá ser, na medida do posible, colaborativa, para o que deberán incluírse actividades colaborativas do tipo Foro, Wiki, Glosario, Base de datos, Taller etc. Estas actividades deberán desenvolverse en pequenos grupos ou en gran grupo e intentando respectar as regras do traballo colaborativo.
  • Icona da sección Informarse e aprender Informarse e aprender. Espazo adicado a recoller os contidos do Módulo en diferentes formatos, así como todo aquel material de consulta que poidan precisar os participantes para a construción individual e colectiva do coñecemento para alcanzar a consecución dos obxectivos do curso (Páxina, Libro, Cartafol con documentos, páxina web con recursos dixitais, etc.)

A progresión na secuencia de contidos debe ser equilibrada e lóxica e os módulos deben ter unha distribución e duración compensada. Pensa sempre en que o curso poida adaptarse a diferentes niveis, para o cal axuda incluír conceptos previos, glosarios ou información de ampliación (do tipo “Para ampliar / Para saber máis”). 

Débese lograr que a presentación de contidos sexa o máis interactiva e navegable posible e empregar linguaxes multimedia variadas (infografías, videotitoriais, glosarios, etc) Para a presentación dos contidos expositivos usaranse os recursos propios de Moodle (Páxina e Libro) ou ben outros soportes (eXelearning, obxectos multimedia, videotitoriais, etc.) Os arquivos fonte ou editables deste segundo tipo incluiranse no cartafol Arquivos fonte da zona de mantemento e coordinación. Non esquezas respectar sempre os dereitos de autor dos materiais empregados.

No Modelo de cursos:

Módulos de Tareas

Os módulos coas tarefas e contidos dos cursos teñen a mesma estrutura e aspecto.

Exemplo de módulo dun curso Platega:

Modulo de tarefas do curso Crear Plategas

Proxecto final e avaliación do curso


 Proxecto final  que integre as tarefas realizadas nun traballo global ou proxecto final que sexa transferible ás aulas / centros. Avaliación do curso.

  • Especificacións ou características do proxecto final, se o houbera.
  • Avaliación do curso (na que os participantes avalían o curso) 
  • Avaliación das subcompetencias e certificación da formación (para informar aos participantes da súa nota final)
  • Foro de despedidas e peche do curso.

No Modelo:

Módulo de avaliación do curso.

Exemplo no curso "Crear cursos Platega":

Módulo de avaliacións do curso Crear Plategas

Licenza do curso

Necesariamente CC BY-NC-SA

  • Atribución da propiedade intelectual dos recursos empregados, propio e alleos. Nesta páxina farase a atribución da propiedade intelectual dos recursos empregados no curso, tales como as imaxes que se empreguen na páxina principal do curso para evitar ter que facelo no seu pé por razóns estéticas. 
  • Débese indicar a orixe do curso: se é un curso derivado doutro do INTEF ou se é de nova creación cunha licenza de formación de modalidade 5. De non ser ningún destes casos, un curso de nova creación por exemplo, deben eliminarse os textos referentes a isto.

No Modelo:

Módulo da Licenza do curso

Licenza do curso Crear Plategas:

Módulo da Licenza do curso Crear Plategas

Nesta imaxe apréciase que a licenza do curso é CC BY-SA e non CC BY-NC-SA, como é obrigatorio actualmente, porque cando se creou ese curso a licenza establecida pola Consellería era esa. 

Zona de coordinación e mantemento

5. Zona de coordinación e mantemento

  1. Cronograma, seguimento e asesoramento para a creación do curso.
  2. Ligazón aos espazos de apoio, para acceder a el en cun clic.
  3. Arquivos fonte. Cartafol no que se gardarán todos os arquivos fonte dos recursos de elaboración propia incorporados ao curso.
  4. Foro da coordinación e titorías. Medio habitual de comunicación entre a coordinación do curso e a titoría.
  5. Control de altas e baixas. Anotaranse aquí as baixas / altas que se produzan.
  6. Bitácora do curso. Historial das edicións do curso que recollerá datos básicos.

Debe permanecer completamente oculto aos participantes.

No Modelo atoparás:

Módulo para a Zona de coordinación e mantemento

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)