Saltar navegación

2.2 Transmisivo, instrumental ou competencial?

Os cursos de formación na Rede adoitan ser dun destes tipos: transmisivos, instrumentais ou competenciais.

Cursos transmisivos

Cando a estratexia para o deseño e construción do curso consiste en elaborar uns contidos, facilitalos ás persoas participantes para que os coñezan, asimilen, traballen e que finalmente respondan unha serie de preguntas ou realicen algún tipo de acción ou tarefa, estaríamos ante un curso "transmisivo". O que se pretende é transmitir información xa elaborada que deben comprender ou asimilar para realizar tarefas como redactar unhas conclusións, elaborar un produto, responder preguntas, etc. Primeiro van os contidos - que son os protagonistas - e despois as actividades, subordinadas e dependentes dos contidos.

O profesorado sae deste tipo de cursos sendo máis "sabio"

Cursos instrumentais

O obxectivo central é ensinar o manexo dunha aplicación ou ferramenta, comezando mesmo desde a súa instalación, os seus menús, utilidades, funcionalidades etc. Durante o curso utilízase esa aplicación para familiarizarse con ela e manexala. Os "contidos" adoitan ser manuais da aplicación ou ferramenta e as tarefas consistirán en exercitar ás persoas participantes no seu uso. En moitas ocasións, envíase como evidencia da aprendizaxe unha captura de pantalla con determinada operación realizada correctamente. Estes son os cursos que estamos a chamar "instrumentais". En moitas ocasións o curso non vai máis alá do manexo da aplicación, sen amosar nin ensinar posibles usos didácticos da mesma.

Neste caso o curso tamén incrementará a sabedoría do profesorado, pois agora "sabe" manexar unha aplicación.

Cursos competenciais

Outro tipo de cursos son aqueles que buscan incrementar a competencia profesional do profesorado, é dicir, que "saiba facer" máis cousas. Neste caso non se trata unicamente de "saber", senón de "saber facer" e por isto son cursos "competenciais". Este tipo de cursos fan das tarefas o seu núcleo: o central é que as persoas participantes aprendan a "facer" e propoñen tarefas para practicar. Para desenvolver as tarefas facilitan uns "contidos" que, como se aprecia, teñen un papel secundario, subordinado ás tarefas.

Pensamos en tarefas ou en contidos?

Repárese que o obxectivo non é transmitir información senón, antes ben, propóñense diferentes tarefas encamiñadas a adquirir e practicar o "saber facer" que queremos ensinar, é dicir, desenvolver a competencia profesional a propósito da realización dun traballo ou proxecto final. Esta idea é moi interesante para trazar unha estratexia á hora de comezar a deseñar o curso. Vexamos. Podemos poñer no eixo do curso ben os contidos ou ben as tarefas; esta elección é crucial pois dependendo do que elixamos acabaremos creando un curso transmisivo (centrado nos contidos) ou competencial (centrado na adquisición de desempeños):

  • Se a nosa estratexia é deseñar e crear o noso curso a partir dos contidos, dos "materiais", aínda que busquemos os contidos máis novidosos, innovadores, actuais, dixitais...  corremos un serio risco de acabar creando un curso "transmisivo" consistente en engadir un conxunto de actividades e tarefas sobre eses contidos e materiais. O eixo desta estratexia e dese curso serán os contidos, a información transmitida: conseguiremos que os participantes "saiban" máis cousas, pero isto non garante nin que o transfiran á súa aula nin que, en consecuencia, impacte no alumnado. Teñamos presente que buscamos formar para ter un profesorado máis "competente", non, aínda que tamén, un profesorado máis "sabio"
  • Se a nosa estratexia é deseñar e crear o curso a partir das actividades e tarefas que van realizar os participantes, centrándonos no que van aprender a "saber facer", elixindo e seleccionando a información, contidos, materiais, recursos... que lles facilitaremos para aprender a "saber facer". O eixo desta estratexia serán as tarefas e os "contidos" serán secundarios, subordinados ás tarefas. O papel protagonista o terán os "desempeños", as accións que o participante aprenderá a desenvolver nun contexto determinado mobilizando os seus coñecementos, destrezas e actitudes. Lograremos profesoras e profesores con maior "competencia profesional docente"... este é o obxectivo.

Como vemos, partir dos contidos ou das tarefas vai condicionar o tipo de cursos que creemos. Ollo polo tanto ao aspecto polo que comecemos a deseñar e crear o curso. No seguinte apartado comentamos a estratexia ou pasos para deseñar un curso.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)