Saltar navegación

3.2.2 Estratexias de participación e interacción

Durante o deseño do curso, débense crear espazos de intercambio e aprendizaxe.

Por unha banda, os materiais didácticos deben permitir ás persoas participantes establecer relacións entre os diferentes axentes implicados na formación e garantir a través dos elementos do curso diferentes tipos de interrelacións:

  • Participantes <­--> Contidos ­
  • Participantes <-->­ Titor/a ­
  • Participantes <-->­ participantes

Para iso, haberá que definir canles de comunicación específicas (foros, leria, mensaxería...) e propoñer actividades diversas (debates, actividades de colaboración, busca de consenso grupal...).

Por outra parte, debes pensar sempre nos diferentes tipos de interacción cos materiais que terá o alumnado. As persoas participantes enfrontaranse aos materiais, tarefas, foros e á aprendizaxe en xeral, en ocasións de forma individual (lecturas, tarefas individuais), en parellas, de modo grupal ou incluso en grande grupo. É moi importante crear ao longo do curso oportunidades diferentes de participación. Promoverase o traballo colaborativo e social por:

El constructivismo social expone que el ambiente de aprendizaje más óptimo es aquel donde existe una interacción dinámica entre los instructores, los alumnos y las actividades que proveen oportunidades para los alumnos de crear su propia verdad, gracias a la interacción con lo otros. Esta teoría, por lo tanto, enfatiza la importancia de la cultura y el contexto para el entendimiento de lo que está sucediendo en la sociedad y para construir conocimiento basado en este entendimiento quiere decir que vale la pena. (1)

Os foros

Todo curso na Rede terá polo menos os seguintes foros:

  • Foro de novas: de subscrición obrigatoria, só para uso de titores/as e asesores/as coordinadores/as.

  • Foro de presentación​: para empregar ao inicio do curso por parte de titores/as e participantes.

  • Foros de consultas e dúbidas: é conveniente que cada módulo de contidos conte co seu propio foro de dúbidas para ordenalas por temática.

Débese sempre incluír unha descrición en cada foro que clarifique cal é o seu obxectivo, a que está destinado e instrucións para participar nel.

Recorda que os foros son tamén fontes importantes de aprendizaxe se se saben xestionar e dinamizar ben. Deste xeito, será moi enriquecedor para o curso incluír foros do tipo:

  • Foro de debate: abertos á discusión e ao intercambio grupal de pensamentos argumentados entre as perosas participantes. Fomenta a comunicación, o pensamento crítico e a cohesión entre elas.

  • Foro de aprendizaxe: pode tratar sobre algunha sección específica do curso e facilita a construción activa e social do coñecemento.

Ten en conta que a participación nalgúns foros pode estar ligada a tarefas avaliables. Evitarase cualificar a participación en foros, pois estes deben ser espazos de intercambio e maduración de ideas, e o feito de avalialos pode condicionar e enturbar as intervencións. 

Consello: Débese promover a capacidade de síntese, organización e xestión da información por parte dos participantes.

Uso das redes sociais

Existe tamén a opción de crear unha conta en Twitter  e compartir os produtos finais dos diferentes módulos ou temas a través dun cancelo axeitado só para o curso #CAFI_+++++++.

Twitter é un gran espazo de formación en liña no que aprenderemos compartindo información e recursos, e converterémonos en docentes dixitalmente conectados, porque unha das claves para o seu uso significativo e que se converta en motor de desenvolvemento profesional, incluíndo a creación dunha boa rede persoal de contactos (PLN) para seguir outras contas que nos acheguen valor, ideas e ligazóns do noso interese. Todo iso, por suposto, vai permitir estar ao día nas últimas tendencias educativas, contar con información en tempo real e non perdernos nada do que ocorre no curso e no mundo da educación.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------

(1) “Constructivismo Social - Constructivismo Social”, [En liña]. Dispoñible: https://constructivismos.blogcindario.com/2009/06/00012-constructivismo-social.html. [Consulta: 10-febreiro-2019].

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)