1.3 Competencias profesionais docentes
Por "competencia" enténdese "a capacidade de actuar de xeito eficaz nun tipo de situación, capacidade que se apoia en coñecementos, pero non se reduce a eles". As persoas docentes deben adquirir e desenvolver ao longo da súa carreira novas competencias no marco da formación inicial e continua que lles permitan actualizar a súa prática profesional para a mellora permantente e o éxito educativo.
No ano 2015, a Rede de Formación de Profesorado de Galicia deseñou o Modelo de Competencias Profesionais Docentes concibido como un instrumento de referencia para a detección de necesidades e a planificación das actividades formativas, así como para as actuacións de apoio e asesoramento. Este modelo inicial foi un documento vivo que foi enriquecéndose a través de diferentes iniciativas ao longo do tempo e, no ano 2022, procedeuse á súa revisión e actualización.
Información sobre o modelo de Competencias Profesionais Docentes
Que implica a existencia dun marco competencial na formación?
A Rede de formación de Galicia está a redefinir a súa orientación desde "o saber" ao "saber facer", é dicir dun enfoque baseado nas áreas e materias a un enfoque centrado na adquisición das competencias profesionais. Este cambio de enfoque que se realizou na Rede de formación obriga a planificar a formación do profesorado tomando como referencia e protagonista ás competencias profesionais docentes. Así cómpre detectar as necesidades de formación por competencias, non por áreas de coñecementos, organizar e promover accións formativas por competencias e avaliar e certificar a formación do profesorado galego por competencias.
Coa aprobación deste marco actualizado na primavera do 2023, cambiarase tamén o deseño e a oferta da formación para o profesorado. Este documento, alén de prover dun contexto teórico global, tradúcese tamén nunha aplicación á estrutura, deseño e avaliación de todas as actividades do Plan Anual de Formación do Profesorado que pasan agora a artellarse en itinerarios formativos enfocados á mellora das competencias.
A formación ofertada ao profesorado debe ir acorde con este modelo competencial no se que matiza e concreta o perfil profesional elixido para o profesorado galego. A oferta formativa, en calquera dos seus formatos, xa sexan formación na rede (Platega), cursos presenciais, Grupos de Traballo, Seminarios, PFPP, ou Xornadas, debe contribuír ao desenvolvemento das competencias profesionais polo profesorado. De non facelo así non ten cabida na oferta formativa da rede de formación.
Que implica este cambio para os cursos Platega?
Este cambio de enfoque obrigou tamén a cambiar tamén o enfoque que tradicionalmente tiñan os cursos Platega, pasando de cursos centrados no "saber" a cursos que buscan o "saber facer"
Como é un curso centrado no "saber"?
No enfoque por áreas ou "do saber" o obxectivo dun curso é transmitir coñecementos que amplíen o saber dos participantes. Así, un curso debe aportar unha cantidade de coñecementos sobre o que propondrá tarefas que os participantes deben realizar para coñecer e asimilar eses contidos. Unhas probas finais como test, elaboración de produtos de diferente tipo e formato nas que comprobarán se o participante coñece e manexa eses contidos. Neste tipo de cursos ---que no sucesivo denominaremos "transmisivos"--- os contidos ou coñecementos xogan o papel protagonista: os creadores dos cursos céntranse en seleccionar e acopiar contidos en diferentes formatos como arquivos PDF, presentacións, vídeos, paquetes de contidos... O labor de busca, selección, procesado e transmisión dos contidos corresponde ao creador do curso. Os participantes nese curso preocuparanse en descargar para incorporar á súa mochila, non serán eles quen busquen, seleccionen e procesen, o seu labor é "asimilar" os contidos e coleccionar os pdf, presentacións... Deste xeito, un curso que transmita moitos, variados e inovadores contidos xulgarase como un bo curso, pois facilita contidos para que os participantes "saiban" máis cousas. O "saber" é o obxectivo. Por elo, a avaliación adoita basearse nos coñecementos adquiridos que se miden mediante probas tipo test, productos de diferente tipo (documentos, presentaciones, infografías, vídeos, debates en foros, etc...) nos que o participante pon en xogo os coñecementos recibidos.
Como é un curso centrado no "saber facer"?
Neste enfoque dos cursos os contidos ou coñecementos transmitidos non xogan o papel protagonista pois este corresponde ás actividades, é dicir ao "saber facer" dos participantes. O curso transmitirá os coñecementos necesarios para iniciar as actividades, sendo os participantes quen de xeito cooperativo e social ---sempre que sexa posible--- busquen, seleccionen e procesen a información necesaria para realizar as accións que as actividades soliciten. O fundamental non é que o participante "saiba", senón que "saiba facer", é dicir que poña en xogo os seus coñecementos, destrezas e actitudes nun contexto determinado para ser quen de realizar un desempeño, de realizar unha acción determinada cara un fin concreto. Por tanto, o obxectivo non é "transmitir" información ou coñecementos, antes ben será propoñer actividades nas que os participantes adquiran e practiquen desempeños para que "saiban facer". Neste enfoque a avaliación basearase nos desempeños adquiridos, nas evidencias que demostran que "saben facer" as actividades programadas no curso. A avaliación guiarase mediante rúbricas nas que se establecen diferentes niveis de logro. O obxectivo final é, polo tanto, lograr que o profesorado sexa competente.
https://www.edu.xunta.gal/portal/node/17543
Webgrafía
- CAFI, «As competencias profesionais docentes. Modelo competencial da Rede de Formación». [En líña]. Dispoñible en: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/17543 [Accedido: 23-feb-2024].
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0