3.2.3 Actividades e tarefas
As persoas participantes nos cursos de formación na Rede caracterízanse pola súa heteroxeneidade: diferentes niveis educativos, diferentes coñecementos iniciais do tema do curso, diferentes intereses cara o curso etc. É moi conveniente facilitar, na medida do posible, que cada quen adapte o curso á súa situación. Por isto, distinguiremos as Tarefas cualificables das Actividades para facilitar a atención á diversidade. Esta diferenciación pretende facilitar que cada participante adapte os contidos e aprendizaxes ao seu nivel inicial: unha actividade referente a un desempeño que xa domina non ten por que realizala, mentres que aquelas persoas que partan de niveis de coñecemento inferiores poderán realizala para lograr unha mellor comprensión dos contidos.
Tarefas cualificables
A tarefa ou tarefas finais de cada módulo, así coma o proxecto final do curso deben medir de xeito práctico se as persoas participantes desenvolveron a competencia profesional e se son quen de poñer en práctica os desempeños adquiridos.
- Haberá cando menos unha tarefa obrigatoria por módulo que obrigue a manexar os contidos dese bloque e que demostre que se acadan os obxectivos e desempeños perseguidos. As tarefas deberán tender a buscar a implicación e interacción cognitiva dos e das participantes co contido.
- Será tamén importante deseñar as tarefas integradas nun proxecto final. Preferentemente, este proxecto final recollerase nun portafolio, se a tipoloxía da actividade o permite. En boa lóxica, este proxecto final debe recoller os produtos que os e as participantes poderán transferir á súa aula.
- É fundamental que cada tarefa indique os mínimos esixibles para a súa superación, de forma que as persoas participantes os teñan claros dende antes de comezar a facer a tarefa. Polo tanto, sempre que sexa posible, as tarefas conterán rúbricas ou Guías de corrección, coas gradacións e os indicadores medibles, que axuden a establecer eses mínimos que é preciso alcanzar. Recoméndase cualificar as tarefas mediante Guías de corrección nas que se indiquen:
- O desempeño que debe demostrarse ter adquirido.
- As indicacións ou especificacións que deban seguir as persoas participantes.
- Os indicadores de logro.
- Os criterios de corrección para coordinar ás titorías: os puntos correspondentes aos desempeños avaliados.
- Moodle permite un amplo abano de tarefas (cuestionarios, escollas, foros de participación, wikis, entrega de ficheiros...) e é recomendable unha tipoloxía de tarefas variada ao longo do curso. Son especialmente valiosas as tarefas colaborativas ou os debates.
- As tarefas deberán permitir a cualificación dentro da plataforma para que o alumnado poida levar control da súa propia avaliación. Con esta finalidade empregarase o libro de cualificacións, no que aparecerán todas as tarefas avaliables e que puntúen para a cualificación final.
Actividades de atención á diversidade
As Actividades voluntarias poderán incluírse:
- No propio curso Moodle, cos recursos Tarefa, Glosario, Wiki, Base de datos etc., diferenciándoas claramente das Tarefas cualificables.
- Nos paquetes de contidos creados con H5P ou con eXeLearning, creando actividades interactivas de corrección automática (encher espazos, despregable, escolla múltiple, verdadeiro / falso etc.). A inclusión de preguntas de autoavaliación relacionadas con cada un dos temas presentados facilita a aprendizaxe autónoma, e o reforzo por medio da retroacción proporcionada permite á persoa participante coñecer o seu progreso.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0