Saltar navegación

1.2 Modelos de deseño, roles e teorías da aprendizaxe

Brúxula
Compás. Imaxe de Vero Villa en Flickr CC BY-SA

Existen varios modelos de deseño instrucional como Modelo Gagne, Modelo de Gagne e Briggs, Modelo ASSURE, Modelo de Dick e Carey, Modelo de Jonassen, Modelo ADDIE, etc.

De entre todos estes Platega opta polo modelo instrucional ADDIE por ser o modelo básico ao conter as fases esenciais do deseño. ADDIE é o acrónimo (en inglés) das cinco fases: Análise, Deseño, Desenvolvemento, Implementación e Avaliación.

Calquera modelo instrucional fundaméntase e planifica dende unha teoría da aprendizaxe concreta de entre as existentes, Condutismo, Teoría cognitiva, Teoría de sistemas, Teoría construtivista etc...  De entre estas Platega avoga pola Teoría construtivista e de sistemas.

Modelo de deseño instrucional: ADDIE

De entre os diferentes modelos suxerimos o modelo xenérico ADDIE por ser un modelo versátil e que se adapta a practicamente calquera tipo de necesidades de deseño. Recomendámosche dúas lecturas:

  • L. Sangrà et alter, Fundamentos del diseño técnico-pedagógico en e-learning, especialmente os apartados 1.3.1 El modelo genérico: ADDIE e 1.3.4 El modelo ADDIE para la formación basada en web, concreción deste modelo aplicado aos cursos na rede.
  • C. Belloch, Diseño instruccional, o apartado Modelo ADDIE.

Este modelo instrucional desenvólvese en cinco fases: Análise, Deseño, Desenvolvemento, Implementación e Avaliación.

1. Analizar

Analizar ás persoas destinatarias da formación sería a primeira fase. No noso caso dos cursos de formación son profesoras e profesores, polo que as súas características son moi específicas en comparación con outro tipo de público.

O resultado desta fase será a descrición dunha situación e as súas necesidades formativas. Será preciso analizar para recompilar información na que basear a decisión de como organizar a formación. 

Ademais desta análise xeral, cómpre realizar outra análise dirixida ás persas participantes concretos de cada edición do curso Platega. Para isto, poderase  incluír no módulo inicial a enquisa  Cal é o teu punto de partida?  na que recoller información sobre a situación inicial das persoas participantes para construír as aprendizaxes a partir da súa estrutura cognitiva inicial.

2. Deseñar

Deseñar implica desenvolver un programa do curso deténdose especialmente no enfoque didáctico e no modo de secuenciar e dividir o contido en partes. Nesta fase o traballo principal corre a cargo da persoa deseñadora tecno-pedagóxica.
Nos cursos Platega óptase por un enfoque didáctico baseado na aprendizaxe construtiva, colaborativa e social, que veremos nos apartados seguintes.
Os contidos dos cursos Platega organizarémolos en temas ou módulos estruturados en 3 seccións principais: Comunicarse e compartir, Traballar e avaliar e Informarse e aprender

3. Desenvolver

Consiste na creación real dos contidos e materiais de aprendizaxe. Nesta fase a persoa especialista na temática e o/a experto/a na aula virtual (no caso de seren persoas diferentes) substancian o curso no espazo virtual, a través das seguintes accións:

  • crear canles de comunicación,
  • programar as accións concretas ou desempeños que deben adquirir, practicar e evidenciar as persoas participantes nas tarefas, que avaliará a titoría mediante indicadores de logro.
  • seleccionar e facilitar ás persoas participantes información inicial e apoio para que realicen a súa busca e aprendizaxe colaborativa en Internet, evitando na medida do posible a transmisión de contidos, e estimulando que compartan nas redes a súa experiencia e aprendizaxes.

4. Implementar

É a fase consistente en poñer o curso en produción. É preciso facer unha pilotaxe inicial que detecte e subsane erros e lagoas e despois ofertalo, poñéndoo en produción con participantes, realizando o mantemento, revisando e actualizando os contidos, mellorando as tarefas e os indicadores de logro, e outras accións que se consideren necesarias para o seu funcionamento óptimo.

Os cursos organízanse en Platega, sendo o departamento de Educación dixital do CAFI o encargado da súa xestión técnica e coordinación.

5. Avaliar

Avaliar o curso durante a posta en produción:

  • Avaliar o curso cara a melloralo.
  • Avaliar os desempeños adquiridos polas persoas participantes.
  • Avaliar o proceso de transferencia da formación ás aulas, mesmo ao cabo dun ano, dous, tres...

Algunhas destas fases, ou partes delas, xa están desenvolvids nos materiais e recursos facilitados ás persoas creadoras de cursos Platega.

Roles no deseño dun curso

No deseño tecno-pedagóxico dun curso virtual conflúen tres roles diferentes:

  • Especialista na temática do curso.
  • Técnico/a no manexo da aula virtual.
  • Deseñador/-a tecno-pedagóxico.

Habitualmente un equipo de dúas ou tres persoas asumiría o deseño e creación do curso, aínda que unha mesma persoa podería desempeñar un ou varios roles. En calquera caso, cómpre cubrir estes tres roles para crear un curso Platega.

Deseñador tecno-pedagóxico

Para deseñar un curso cómpre elixir un modelo de diseño instrucional. No equipo creador do curso debe haber unha persoa especialista en deseño instrucional que aplique un dos modelos existentes xunto cunha Teoría da aprendizaxe.

Especialista na temática

É imprescindible a colaboración dunha persoa especialista na área de coñecemento do curso, que domine os contidos e estea ao día nas últimas novidades sobre o tema. Do contrario, podemos crear un curso con contidos obsoletos. Ademais, unha persoa especialista saberá elixir mellor os desempeños asociados aos contidos e poderá programar as tarefas axeitadas para os e as participantes.

Segundo mantén Sangrá en “Os materiais de aprendizaxe en contextos educativos virtuais..."  a persoa autora do curso debe ter en conta o perfil do estudantado-tipo da formación na Rede a partir das características seguintes: persoas adultas, con estudos universitarios que queren mellorar a súa situación profesional particular e dispoñen de poucas horas de dedicación, podendo só estudar a última hora do día.

No momento de elaborar o material de aprendizaxe hai que ter presente: tanto a diversidade de estudantes no que concirne a idades, intereses, motivacións, experiencia ou formación de base, como os trazos comúns que comparten (situación familiar, situación laboral, experiencia previa en estudos anteriores etc.).

No momento de considerar a educación a distancia, o labor de transmisión do coñecemento non recae no profesor ou profesora, senón no material de aprendizaxe.

No momento de redactar un contido, a persoa autora do material non só ten a responsabilidade de elaboralo con coherencia, senón que tamén debe conseguir desenvolver unha tarefa docente diferida.

Amplía estas ideas coa lectura do apartado 1. Exercer de autor na formación en liña con información sobre os materiais educativos en contextos virtuais.

Técnico/a no manexo da aula virtual

Os cursos virtuais Platega créanse nunha plataforma e cómpre, polo tanto, asumir o rol de persoa técnica especialista en Moodle, é dicir, alguén que teña adquiridos os desempeños necesarios para crear cursos virtuais. Entre eses desempeños deben estar os seguintes, enunciámolos en dous grupos:

  • Desempeños básicos en Moodle e eXeLearning (ou outra ferramenta de creación de contidos dixitais), que poderían ser os que ten o profesorado que emprega Moodle para organizar as súas materias na aula virtual do seu centro, é dicir, no ensino presencial:
  • Crea e configura un curso virtual con Moodle
  • Móvese con soltura dentro dun curso.
  • Edita a configuración e os contidos dun curso.
  • Usa o editor de texto de Moodle.
  • Xestiona os seus ficheiros na Plataforma.
  • Insire e maqueta imaxes co editor de Moodle.
  • Xestiona o banco de preguntas para crear "probas".
  • Organiza os Bloques de Moodle.
  • Engade e configura recursos de Moodle: "Etiqueta", "Páxina", "Cartafol", "URL", "Libro", "Ficheiro"
  • Engade e configura actividades de Moodle: "Foros", "Base de datos", "Conversa", "Glosario", "Tarefa", "Wiki"
  • Crea paquetes de contidos con eXeLearning (ou ferramenta similar) con actividades interactivas de autoavaliación.
  • Exporta paquetes de contidos aos formatos ePub e Ficheiro ZIP.
  • Publica os paquetes de contidos nun curso virtual.
  • Desempeños para cursos e-learning, en Platega. Ademais dos anteriores é necesario ter outros desempeños máis especializados cara a formación en liña na aula virtual institucional do CAFI.
  • Atribúe a propiedade intelectual dos recursos propios e alleos.
  • Referencia con corrección sitios web ou documentos ubicados en Internet de acordo a estándares de cita e referencia.
  • Respecta as pautas básicas de accesibilidade web.
  • Fai o deseño tecno-pedagóxico dun curso virtual especificamente destinado á formación do profesorado en Platega.
  • Configura o "Completado da actividade" dos ítems dun curso virtual.
  • Configura "Grupos de escolla" para crear subgrupos de participantes.
  • Configura e xestiona instrumentos (actividades) de avaliación: "Comentarios", "Proba", "Questionnaire", "Tarefa" con guía de corrección e cualificación avanzada, "Lección", "Taller" con rúbrica de avaliación.
  • Configura "Resultados" nas tarefas para avaliar as subcompetencias.
  • Configura escalas de cualificación personalizadas.
  • Configura o "Libro de cualificacións".
  • Crea e exporta paquetes de contidos (eXeLearning) co estilo Platega como sitios web para publicalos nun curso virtual como páxina web (HTML) e en formato ePub.

Cómpre, polo tanto, asumir o rol de técnico no manexo de Moodle e garantir que, cando menos, algunha persoa do grupo de persoas creadoras do curso teña os desempeños enunciados, independentemente do asesoramento e apoio que se poida pedir e recibir do departamento de Educación dixital do CAFI. A adquisición destas competencias facilitarémola mediante:

  1. Os paquetes de contidos:
  • "Crear cursos virtuais Platega"
  • "Empaquetar contidos con eXeLearning"

que cobren os desempeños básicos, que a persoa técnica en Moodle debe ter adquiridos para iniciar o proceso de creación do curso. Ambos están dispoñibles nos Espazos de apoio da Comunidade virtual Platega. Consúltaos cando teñas necesidade.

2. Os desempeños para cursos e-learning, necesarios para crear cursos Platega, poden adquirirse ou consolidarse coa realización do curso "Crear cursos Platega", ofertado no plan anual de formación do profesorado galego, titorizado e con certificación de 50 horas de formación.

Para as persoas creadoras de cursos mediante modalidade 2 das Licenzas por formación convocadas anualmente é requisito necesario para gozar dunha licenza demostrar estar en posesión dos desempeños básicos arriba enunciados. A adquisición dos desempeños para cursos e-learnig realizarase nunha formación intensiva en liña, ao principio da súa licenza de formación destinada a garantir a posesión dos desempeños necesarios.

Teoría de aprendizaxe: Constructivismo conectado

Recollemos os principios básicos da teoría da aprendizaxe de C. Belloch, Diseño instruccional, o apartado 2. Modelos de Diseño instruccional, punto 4. Década 1990.

A aprendizaxe construtivista subliña o papel esencialmente activo de quen aprende, polo que as accións formativas deben estar centradas no proceso de aprendizaxe, na creatividade do estudante e non nos contidos específicos. As premisas que *guían o proceso de deseño instrucional son:

  • O coñecemento constrúese a partir da experiencia.
  • A aprendizaxe é unha interpretación persoal do mundo.
  • A aprendizaxe debe ser significativa e holística, baseada na realidade de forma que se integren as diferentes tarefas.
  • O coñecemento conceptual adquírese pola integración de múltiples perspectivas en colaboración cos demais.
  • A aprendizaxe supón unha modificación das propias representacións mentais pola integración dos novos coñecementos.

As metodoloxías constructivistas deben ter en conta, por tanto:

  • A importancia dos coñecementos previos, das crenzas e das motivacións dos alumnos.
  • A importancia da busca e selección da información relevante e o desenvolvemento de procesos de análise e síntese da mesma que lles permita aos estudante a construción de redes de significado. Estas redes establecerán as relacións entre os conceptos.   
  • A creación de contornas e ambientes de aprendizaxe naturais e motivadores que orienten aos estudantes na construción de novos coñecementos, experiencias e actitudes.
  • Fomentar metodoloxías dirixidas á aprendizaxe significativa onde as actividades e coñecementos sexan coherentes e teñan sentido para o estudante, fundamentalmente porque desenvolven competencias necesarias para o seu futuro persoal e/ou profesional.
  • Potenciar a aprendizaxe colaborativa, utilizando as redes sociais que lles permitan o intercambio de información e o desenvolvemento de competencias sociais (responsabilidade, empatía, liderado, colaboración) e intelectuais (argumentación, toma de decisións, etc.).

A estas etapas poderiamos engadir a concepción da aprendizaxe xurdida a raíz do uso da tecnoloxía e a súa influencia na aprendizaxe, referímonos ao Conectivismo ou Conectismo. Esta teoría, desenvolvida por George Siemens, ten como punto de partida ao individuo. "O coñecemento persoal componse dunha rede, a cal alimenta a organizacións e institucións, ás que a súa vez retroalimentan á rede, provendo nova aprendizaxe para os individuos"

Webgrafía

  • [1] Willians, P.; Schum, L.; Sangrà, L.; Guàrdia, L., “Fundamentos del diseño técnico-pedagógico en e-learning” [En liña]. Dispoñible: http://aulavirtualkamn.wikispaces.com/file/view/2.+MODELOS+DE+DISEÑO+INSTRUCCIONAL.pdf [Consulta: 29-abril-2017]. 74 páxinas.
    • Comentan as principais teorías e modelos de deseño instrucional. Consultar os apartados:
      • 1.2.3 Teorías didácticas y de aprendizaje (especialmente o referente a) Constructivismo (e os) Principios del aprendizaje de adultos.
      • 1.3.1 El modelo genérico: ADDIE
      • 1.3.4 El modelo ADDIE para la formación basada en web (concreción deste modelo aplicado aos cursos na rede).
      • 1.4 Indicadores de calidad en un curso en línea

_______________________

Trasladar á sección sobre creación de contidos

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)