Eventos - Filtro:
Mér | ||
---|---|---|
Durante este mes de maio o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º da ESO e o de Ciencias da Terra e do Medio Ambiente de 2º de bacharelato fixemos unha serie de saídas á contorna coa fin de fortalecer os contidos impartidos en clase relacionados coa ecoloxía, rama científica da bioloxía. Nunha das saídas, dirixidos por Sergio Vázquez (alumno do Prácticum do Máster Universitario en Profesorado de ESO), fixemos un estudo da biomasa árborea das explotacións forestais e dos bosques situados preto do noso centro educativo. Empregando un metro e un clinómetro caseiro, tomamos unha serie de medidas, coas cales posteriormente, usando a tanxente trigonométrica e outros cálculos xeométricos, estimamos a biomasa dunha serie de árbores. Finalmente, con esta mostra de datos individuais de cada árbore calculamos cal sería a biomasa para unha parcela enteira. Este estudo, pois, permitiunos repasar, amais de conceptos da materia de bioloxía, diversos conceptos matemáticos. Noutra saída abordamos o estudo do rego de Doumes, situado preto do Instituto. Seguindo directrices do Proxecto Ríos, organizado pola asociación ecoloxista galega ADEGA, analizamos diversos factores abióticos, tales como a temperatura, pH, caudal, turbidez, dureza da auga, así como a concentración de nitritos, nitratos e cloro. Ademais disto estudamos a presenza de diversas especies que actúan como bioindicadores do estado da saúde ecolóxica dos ríos. Unha vez analizados todos os datos, tanto os factores abióticos como os bioindicadores, chegamos á conclusión de que o estado deste ecosistema é sobresaínte. É unha gran noticia e esperamos que no futuro siga así. Santiago Rodríguez. Profesor do Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía |