Curso 2023/24

Todos os cursos. Final Oratoria Intercentros

16.04.2024

 

O 16 de abril de 2024 o IES Xograr Afonso Gómez de Sarria acolleu a segunda edición do Concurso de oratoria improvisada intercentros. Participou alumnado do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, do IES Martaguisela de O Barco de Valdeorras e do noso centro, Río Cabe de Monforte de Lemos.

Os/as participantes amosaron as súas competencias para disertar durante un minuto sobre unha palabra descoñecida previamente. Valorábase a comunicación verbal e non verbal, o contido, a adecuación, a dicción e o tempo empregado. O xurado, composto por un representante de cada centro escolar, non tivo un traballo doado ao estaren todos e todas moi igualados.


Os/As gañadores/as desta II edición foron:

 Categoría 1º - 2º ESO

Daniel Rodríguez Coba (IES Martaguisela)

África Guitián García (IES Río Cabe)

Xulia Pombo Arias (IES Xograr Afonso Góme

Categoría 3º - 4º ESO

Lucía Rivera Rodríguez (IES Martaguisela)

Paula Bouso González (IES Río Cabe) 

Anxo Sobrado Rodríguez (IES Xograr Afonso Gómez) 

Categoría 1º - 2º BAC

Duarte Domínguez Cortés (IES Martaguisela)

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Sofía López López (IES Xograr Afonso Gómez)

 A xornada completouse cunha visita guiada por Sarria, un xantar e unha Ruta polas Aceas.

O concurso de Oratoria contou coa presenza da Xefa Territorial de Educación de Lugo Dna. Sagrario Sánchez Ramil, coa Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Dna. Judith Fernández, coa inspectora de Educación Genoveva Ferreiro e coa Concelleira de Educación da vila de Sarria, Geni Valcarcel. 

A terceira edición desenvolverase o vindeiro curso no IES Martaguisela do Barco de Valdeorras.

Parabéns a todos e a todas as persoas que participaron e ás nosas docentes, Pilar López e Nuria Mariño.

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_16_3ª AVA_Final Oratoria Intercentros_Sarria

Todos os cursos ESO. Teatro Abaddon. Monforte de Lemos

12.04.2024

O pasado venres 12 de abril o alumnado da ESO asistiu no Multiusos de Monforte de Lemos a un espectáculo de fantasía, maxia, mentalismo e Literatura a cargo de Ricardo Frazer. Textos presentados con música, efectos especiais e imaxinación fixeron posible  unhas horas nas que algún fragmento da vida é soño, poemas de Pablo Neruda, Mario Benedetti ou un inicio con Desiderata de Max Ehrmann captaron completamente a atención dos asistentes.

Un silencio respectuoso fixo posible que os mozosb e mozas conectasen con cada proposta do actor. Nalgúns momentos, Frazer escolleu ao azar a diferentes alumnos para subir ao escenario e colaborar acompañándoo nun espectáculo de maxia e mentalismo que provocou asombro. Por iso, ao final da representación, foron moitos os que quixeron fotografarse co coñecido actor. A actividade foi organizada polo Departamento de Lingua Castelá e Literatura co obxectivo de que se acheguen á literatura e aos textos dun modo máis lúdico e creativo.

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_12_3ª AVA_ESO_Obra teatro Abaddon_Monforte de Lemos

2º BACH. Relatorio de Olga Novo

11.04.2024

O xoves día 11 de abril de 2024 a escritora Olga Novo ofreceu un relatorio ao alumnado de 2º de Bacharelato. Un ano máis temos a sorte de recibir no noso centro educativo a unha gran poeta. Olga faloulle ao alumnado da súa experiencia como escritora, o nacemento do amor pola poesía e todo aquilo que a inspira para crear os seus poemas. Explicoulles os seus inicios no mundo literario e como a medida que pasa o tempo os roteiros temáticos van cambiando na súa obra. Olga acompañou o relatorio ensinándolle ao alumnado o seu caderno de poemas de cando era cativa así como obxetos que a inspiran para as súas composicións, por exemplo, un niño de paxaro. Foi unha actividade moi ilustrativa e que de seguro lles achegou moitos coñecementos no campo da literatura, especialmente de cara a ABAU.

O encontro coa poeta guímara foi organizado polo departamento de Lingua e Literatura Galega.


Moitas grazas, Olga! Sempre é unha honra contar contigo no noso instituto. Esperamos vover a verte en futuras ocasións.

Álbum: Escolares -> 2024_04_11_3ª AVA_2º BACH_Encontro con Olga Novo

4º ESO. Segundo e terceiro posto na "Final Nacional de Educación Financeira" organizada pola AEB

11.04.2024

O pasado xoves 11 de abril alumnado do IES Río Cabe de 4º ESO participou na "Final Nacional de Educación Financeira" organizada pola AEB (Asociación Española de Banca) xunto coa colaboración da Fundación Junior Achievement, e que forma parte do certame internacional "European Money Quiz".

O alumnado de 4º ESO do noso centro puxo a proba os seus coñecementos da materia de economía e finanzas persoais a través dun cuestionario de preguntas na aplicación kahoot e competiron contra aredor de 1.000 alumnos de toda España. Dado que nesta competición, a nivel europeo, unicamente poden participar oficialmente aqueles alumnos/as nados antes de abril de 2008 tivemos que facer equipos cos alumnos que cumprían ese requisito e cada un deles escolleu outro compañeiro que non cumpría ese requisito.

Así chegamos ao día da final nacional, onde de xeito sorprendente e inesperado conseguimos que dous dos nosos equipos rematasen a competición no segundo e terceiro posto respectivamente:

Segundo clasificado: A alumna de 4ºB ESO, Nuria Fernández Álvarez, acadou o segundo posto e como premio unha tablet, coa colaboración e axuda da súa compañeira de clase Mª Alexandra Lesneanu.

Terceiro clasificado: O alumno Simón Giraldo Valle, de 4ºB ESO, rematou a competición en terceiro lugar e como premio tamén recibirá unha tablet, contando coa colaboración e axuda do seu compañeiro Diego Expósito Díaz. 

Nesta competición participou todo o alumnado de Economía de 4º ESO do noso centro e é de destacar o interese de todos eles por intentar facelo o mellor posible e rematar a competición nos primeiros postos. Felicidades non soamente aos gañadores senón tamén ao resto de compañeiros.

O European Money Quiz (EMQ) é un concurso organizado pola Federación Bancaria Europoea (EBF), sendo a actividade con máis recoñecemento en Europa para promover a educación financeira a través das asociacións bancarias nacionais dos diferentes países, entre as que figura a AEB.

ESO: Representación obra teatro grupo de teatro IES Río Cabe. Representacións no IES

09.04.2024

 

Os grupos de 1º ESO e 2º ESO acudiron á representación da obra teatral A cincenta que non quería comer perdices no Salón de Actos do IES Río Cabe levada a cabo por varios membros do alumnado do IES Río Cabe e dirixidos pola profesora de teatro, Paqui Abeledo.

 

19.04.2024

O grupo de 3º ESO acudirá á representación.

 

13.05.2024

 

Quenda do grupo de 4º ESO para ver a obra de teatro.

 

A grande estrea será o 19 de abril ás 20:00 horas na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos.

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_09_19___2024_05_13_3ª AVA_ESO_Representación obra teatro grupo de teatro IES Río Cabe_Representacións no IES

2º ESO. Club de lectura

26.02.2024

 

O pasado 26 de febreiro o Club de lectura I de 2º da ESO tivo unha xuntanza para comentar O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, obra escollida como primeira lectura do curso. 

Houbo moitas opinións con respecto ao libro mais, en xeral, a sensación foi positiva e o alumnado quedou contento coa escolla aínda que ao final... se cadra é un pouco dramático de máis dixeron algúns. 

O emprego que facemos das redes sociais, o acoso escolar e a forma que temos de relacionarnos coas outras persoas, sexan familia, amigos ou parellas, foron algúns dos temas que suscitaron debate e que deron pé a ver como o noso día a día pode estar reflectido nunha obra literaria e que non todo é sempre o que aparenta.

Álbum: Escolares -> 2024_02_26_2ª AVA_2º ESO_Club de lectura

3ª ESO e 1º BACH: Visita do alumnado do Intercambio co Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) ao IES Río Cabe

10.04.2024

 

O alumnado do Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) está a gozar da segunda parte do intercambio co alumnado do IES Río Cabe e do IES A Pinguela de Monforte de Lemos (do 4 ao 10 de abril de 2024).

No día de hoxe visitaron o noso centro educativo e puideron asistir a diferentes clases entre elas, Educación Física co docente Carlos Parada, onde practicaron baile. tamén coñeceron Monforte de Lemos guiados por unha das nosas alumnas do Ciclo Superior de Guía, información e asistencia turísticas, Diana Costas Domínguez. Agardamos que a estancia fose do seu agrado.

Álbum: Escolares -> 2024_04_4-10_3ª AVA_3º ESO_1ºBach_Francés_Visita do alumnado do Intercambio co Lycée Edouard Branly de Châtelleraut (Francia) ao IES Río Cabe (Monforte de Lemos)

1º BACH. Busca ovos de Pascua polo instituto

09.04.2024

 

O día 9 de abril o alumnado de 1º de BACH - A na clase de Relixión da profesora Ángeles Vázquez fixo unha busca de ovos de Pascua aproveitando a época de Pascua na que estamos.

Foron por todo o centro, dentro e fóra, e atoparon todos os ovos, seguindo unhas pequenas pistas, e, ao atopalos, degustáronos!. Foi un tempo ben entretido.

 

 

 

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_09_3ª AVA_1º BACH_Busca ovos de Pascua_Relixión

Todos os cursos. Programa escolar de consumo de froita hortalizas e leite. FOGGA

10.04.2024

 

DISTRIBUCIÓN DE FROITAS E LEITE AOS CENTROS ESCOLARES

O obxectivo deste programa é potenciar o consumo de froitas e leite entre o alumnado mediante un proxecto interdisciplinar que leve a cabo accións educativas diversas destinadas a manter e fomentar nas escolas o hábito de consumo destes alimentos.

Este ano o noso centro participa neste proxecto, con leite nos recreos, bricks de 250 ml, de leite enteira e sen lactosa e froita fresca en diferentes periodos dos ano.

 

Programa de froita e leite no recreo, subvencionado pola Consellería de Medio Rural e polo Fogga (Fondo galego de garantía agraria)

 

Álbum: Escolares -> 2024_04_10_2024_05_13_3ª AVA_Todos os cursos_Programa escolar de consumo de froita hortalizas e leite

Visita do profesorado do General Lyceum de Nigrita (Grecia) ao IES Río Cabe (Monforte de Lemos). Erasmus+

09.04.2024

15-19.04.2024

O 9 de abril de 2024, un grupo de profesorado do noso claustro xa se puxo en marcha cos preparativos para acollelos no noso instituto. Moitas grazas a todo o equipo que participa para que este encontro sexa posible e á nosa compañeira Temi por levalo adiante!

Do 15 ao 19 de abril de 2024 contaremos no noso centro coa presenza de profesorado grego do General Lyceum de Nigrita (Grecia) dentro do programa Erasmus+. Durante eses días acudirán ás aulas e convivirán no noso centro para coñecer de primeira man o funcionamento e ver as similitudes e diferenzas co sistema educativo grego.

 

Luns 15.04.2024

Os profesores chegan ao noso centro George, profesor de Física e Química, Stella, profesora de Química e Bioloxía, e Foteini, profesora de Grego, historia e filosofía. Acollémolos e explicámoslles o sistema educativo español, a nosa oferta educativa e particularidades do noso centro. Pola mañá e pola tarde acompañan ao profesorado riocabense nas aulas para observar a nosa práctica docente.

Martes 16.04.2024

Acompáñannos ao IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, onde un grupo dos nosos alumnos compiten na fase final do concurso de oratoria improvisada. Foi unha experiencia moi enriquecedora, pareceulles unha moi boa iniciativa, que queren levar ao seu centro para implementarla en lingua grega. Pola tarde Temi, a profesora coordinadora do proxecto no noso centro, organizou un percorrido en catamarán polos canóns do Sil, non podían deixar de gozar da nosa marabillosa Ribeira Sacra.

Mércores 17.04.2024

 

George imparte unha clase de Física aos alumnos de 1º BACH do noso compañeiro José Manuel Gil, sobre o traballo e a enerxía. Establécese conexión online co alumnado grego de George en Nigrita e o alumnado resolve unha tarefa de forma conxunta. Os directores dos dous centros, Carlos Parada e Stathis Papakonstantinou, puideron coñecerse, intercambiar impresións e xurdiu a idea de tentar organizar un traballo colaborativo cultural online no mes de maio para os alumnado de bacharelato dos dous colexios. Os mozos de ambos os centros mostráronse moi contentos coa iniciativa e a perspectiva dun posible intercambio escolar o vindeiro curso.

Xoves 18.04.2024

Pola mañá, os profesores gregos observan a Carmen Rodríguez Esperante, a nosa compañeira de galego, en 1º BACH - C. Os mozos e mozas fan unha clase de debate ao estilo clásico, seguindo os pasos da profesora Foteini acompaña a Yolanda, a nosa compañeira de Latín e Grego, en 1º BACH - C. Establécese conexión en liña co alumnado grego no Lyceum Nigrita, dous profesores e o director do centro, que expresa novamente o seu agradecemento pola acollida que Stella, George e Foteini están a ter no IES Río Cabe. O alumnado de ambos os institutos preséntanse en grego e inglés.

O noso compañeiro de Química, Xurxo Rodríguez Labrador, ensina os laboratorios de física, química e bioloxía aos profesores gregos, que opinan que están moi ben equipados. Na seguinte hora asisten a unha clase práctica do alumnado de Física de 2º BACH - A no laboratorio. Stella e George interactúan co noso alumnado.

Ao final da mañá, o tres profesores acompañan a Emilio Sotelo, o noso compañeiro de Matemáticas, na súa clase de 1º BACH - A.

Pola tarde un grupo de alumnos de 1º BACH  acompañados pola nosa compañeira Pilar López, de Lingua Galega e Literatura, ofrecen no salón de actos do instituto un debate formal acerca da intelixencia artificial ao profesorado grego. 

Venres 19.04.2024

Na primeira hora, os profesores gregos deron un relatorio ao alumnado de 4º ESO e 1º BACH sobre o sistema educativo grego e o proxecto Erasmus+ que o Instituto Lyceum Nigrita está a realizar na protección do medio ambiente. Os alumnos e alumnas mostráronse moi interesados, facendo preguntas para comparar o noso sistema educativo e o grego. Na segunda hora estableceuse conexión en liña para que a profesora grega Stella puidese impartir unha clase de Química conxuntamente aos nosos alumnos e alumnas de 1º BACH e aos alumnos e alumnas gregos no Lyceo Nigrita. Foi unha experiencia moi enriquecedora para alumnado e profesorado. Os discentes tiveron que realizar unha tarefa de forma conxunta para resolver un crucigrama, referido a disolucións. Na cuarta hora veu un reporteiro do xornal O Progreso a facerlle unha entrevista aos profesores gregos. contáronlles como nos viron ao entrar nas nosas aulas. En xeral hai moitas máis similitudes que diferenzas. Quero resaltar a nosa satisfacción ao ver que opinan que os nosos alumnos están implicados activamente no seu proceso educativo e tamén que valoran moi positivamente os moitos proxectos nos que participamos. E é que non é fácil reunir nun centro a un colectivo de docentes motivados e aquí conseguímolo.

Na quinta hora a profesora Foteini ofreceu unha preciosa presentación ao alumnado de grego. Este evento tivo lugar na biblioteca do centro, o que lle engadiu aínda máis encanto. Foi todo un luxo escoitala , falar da importancia da lingua grega nas linguas modernas, os restos que quedaron e que perduran, as curiosidades de certas palabras que en grego moderno cambiaron totalmente o seu significado orixinal en grego clásico, etc. Os alumnos e alumnas puideron facer preguntas e achegarse un pouco máis ao mundo heleno e demostrar o atentos que estiveran á presentación ao realizar un acróstico e xogar a un Kahoot, con éxito en ambas as actividades!

Na última hora chegou o momento da actuación en directo de tres artistas: Xurxo, o noso compañeiro de Química, George, o profesor grego de Física, ambos con guitarras e Nerea, a nosa profesora de Inglés, e voz portentosa. 

E chegou ao final desta visita e intercambio cultural e educativo. Dixémoslle, ata pronto que non adeus aos nosos novos amigos e compañeiros gregos.

 

 

 

Grazas á nosa compañeira Pilar López pola realización do vídeo.


Pica 
AQUÍ para ver as fotos na galería ou pica aquí abaixo:

Álbum: Extraescolares -> 2024_04_15_19_3ª AVA_Visita profesorado_General Lyceum de Nigrita_Grecia
Distribuir contido