O alumnado do ciclo de Turismo visita os Escolapios, a empresa Airas Moniz e a Casa Baltar

No mes de marzo, alumnado e profesorado do CS de Guías, información e asistencia turísticas, asistimos nos Escolapios a unha charla sobre o Cardeal Rodrigo De Castro e fixemos un roteiro gourmet no que visitamos as instalacións da queixería Airas Moniz e Casa Baltar, a “Granxa do doce de leite“.

 

Conmemorando o quinto centenario do nacemento do cardeal Rodrigo de Castro e Osorio celebrouse no salón de actos dos Escolapios unha conferencia impartida por Felipe Aira na que disertou sobre este personaxe histórico e distintos acontecementos da vida do fundador do Colexio da Nosa Señora da Antiga.

 

 

 

A outra actividade, o roteiro gourmet, levounos a Airas Moniz, unha empresa chantadina que elabora queixo de alta calidade, galardonado varios anos coma o mellor queixo azul de España no Salón Gourmet de Madrid.

 

O queixo Savel, xunto coas outras variedades que elaboran e a manteiga, está presente nalgúns dos mellores restaurantes nacionais e internacionais .

 

Durante á visita contáronnos en qué consiste a nova experiencia que están a ofertar, trátase dunha explicación dos procesos de elaboración de cada un dos queixos seguida dunha visita a explotación gandeira e remata coa cata e degustación dos seus queixos acompañada de viño.

 

 

 

 

E para rematar, visitamos Casa Baltar. Varias xeracións traballaron nesta granxa para obter un leite de excelente calidade e valor nutricional que agora se emprega para elaborar un produto exquisito elaborado de xeito tradicional, o doce de leite, que se distribúe por toda España.

 

Non sei cal nos gustou máis, o xeado ou o doce de leite que comemos a culleradas.

 

 

 

Función teatral do alumnado do Río Cabe

O alumnado que participa na actividade de teatro no Río Cabe representou a obra "Auga" primeiro no instituto, para os seus compañeiros e compañeiras, e despois na casa da cultura para o público en xeral, participando no certame de teatro organizado polo concello de Monforte, nos días 24 e 28 de abril. Na súa actuación, demostraron ser xa veteráns e fixeron rir ó público á vez que interactuaron con el, ademais de agradecer a súa presenza. Estamos encantados coa súa función e moi orgullosos do seu bo facer. Grazas á profesora Paqui Abeledo pola súas ensinanzas. Parabéns a todos vós!

 

 

Visita á base antiincendios do Marroxo e Doade

O martes 25 de abril os alumnos e alumnas de 2º ESO visitaron, acompañados dos seus profesores, Iria Penoucos e Javier Barros, a base contraincendios de Doade e do monte Marroxo.

 Alí, os brigadistas, pilotos de helicópteros, avionetas e resto de persoal explicáronlles en que consiste o seu traballo e como accederon ó seu posto. Tanto alumnado como profesorado estamos

moi agradecidos por toda a información que nos deron, así como da cercanía que sentimos en todo momento , pero sobre todo, estamos  agradecidos e moi orgullosos do traballo que realizan.

 

 

 

 

O alumnado do ciclo de Turismo Visita o Pazo de Tor, Hotel Cardenal e Pazo Molinos de Antero

Comezamos o mes de febreiro cunha saída ao o Pazo de Tor. Sempre nos gusta visitar esta casa solariega de Tor, é un privilexio poder ver o edificio e todos os mobles, pertenzas, obras de arte, … tal e como o deixou a súa última propietaria Maripaz Taboada de Andrés y Zúñiga.

Foi ela quen donou o pazo á Deputación de Lugo para que se conservara como museo, e cumprindo o seu desexo abriu como tal en 2006.

Nesta ocasión, como novidade, mostráronnos a parte inferior da vivenda que albergaba os cuartos do servizo.

Unha boa opción para coñecer a vida nos pazos galegos!

  

 

A mediados de mes acercámonos o Hotel Cardenal para coñecer a súa oferta aloxativa.

O establecemento, de catro estrelas, situado no centro da cidade e con vista ao río Cabe e o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, é unha interesante referencia para os turistas que chegan a Monforte interesados en coñocer este territorio.

As habitacións están moi ben equipadas e as suites teñen unha distribución e unhas vistas magníficas.

Se tivésemos que escoller, reservaríamos as que miran a San Vicente dende unha ampla terraza que invita ao relax.

  

 

Rematamos as actividades do mes visitando o Pazo Molinos de Antero fundado polo cabaleiro Manuel Antero Yáñez Rivadeneira,administrador e depositario da renda de Monforte e outras comarcas galegas, fiscal xeral da Encomenda de Quiroga e  rexedor perpetuo de Monforte.

O feito de ocupar todos estes cargos fixo que se conserven no seu pazo unha grande cantidade de documentos con milleiros de datos de grande interese da historia social e económica de finais do século XVIII  e principios do XIX.

Ademais de vivenda o pazo tiña outros usos: centro de recadación de impostos, notaría e xestión de bens da nobreza. Estas prácticas motivaron a posta en funcionamento de  todo un sistema de seguridade da época baseado en mirillas que se atopan por toda a casa e que permitían ver a todos os que entraban.

Matías,  propietario e magnífico cicerone na nosa visita, explicounos a relación desta propiedade coa historia do Camiño de Inverno. A carón do pazo pasaba o antigo camiño real de Castela que atravesaba Monforte  e que parece coincidir con esta ruta a Santiago.

Na actualidade o  Complexo Molinos de Antero conta tamén cunha oferta aloxativa formada por tres habitacións e tres apartamentos situados nas antigas caballerizas anexas ao pazo.

Unha tarde de grandes descubrimentos!!!

    

    

Visita á Illa de Cortegada

Cortegada:a illa dos loureiros.

 

O luns 17 de abril os alumnos/as de 4º ESO acudiron a Carril (Pontevedra) coas súas profesoras de Bioloxía e Xeoloxía, María Padrón e Raquel Seoane.

Pola mañá, acompañados por Gema,unha das guías de CORTICATA (empresa de turismo medioambiental),realizaron un roteiro interpretativo de 4 kilómetros na illa de Cortegada.

Esta illa é un dos tesouros naturais do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O seu alto interés botánico valeulle o sobrenome de “bosque flotante”, un ecosistema único para a flora e a fauna.

Na metade da súa masa forestal húmida emerxe un dos bosques de loureiros máis grandes de toda Europa, para o que foron necesarias décadas de abandono.

Non menos interesante é a súa historia. Pola súa situación, Cortegada foi outro punto de ataque das costas galegas de corsarios e piratas ao longo de toda a Idade Moderna. A partir do año 1596, construiuse na illa un hospital-lazareto para peregrinos da vía marítimo fluvial. Co tempo estableceuse un importante núcleo de poboación do que aínda se conservan vivendas e lagares, entre outras construcións. En 1910, Vilagarcia e Carril cedoron este terreo insular ao rei Alfonso XIII para aloxar a súa residencia de verán. O proxecto do edificio realizouse-a cargo do arquitecto real Ripollés- pero nunca prosperou. A illa quedou como coto de caza do rei.

En 1978 foi vendida a unha inmobiliaria con fins urbanísticos. Os defensores dunha “Cortegada para o pobo” lograron paralizar o proxecto.

Foi en 2002 cando Cortegada é incluída no Parque Nacional.

Logo de refrescar cun baño e xantar na illa, embarcaron cara o porto de Carril. Xa en terra, dirixíronse camiñando a unha das praias da localidade para rematar o día gozando dunha fermosa tarde practicando kayak con Lucio e Marina, compañeiros da nosa guía.

Foi un día marabilloso!!!!!

 

 

 

 

Calendario de exames finais maio 2º bacharelato semipresencial curso 22/23

Na seguinte táboa atoparedes o calendario de exames finais da convocatoria ordinaria de 2º de bacharelato na modalidade semipresencial, o último día de clases será o luns día 8 de maio:

 

 

 

Charla da poeta Olga Novo no Río Cabe

O luns día 17 de marzo de 2023 a escritora Olga Novo ofreceu un relatorio ao alumnado de 2º de Bacharelato. A poeta falou de poesía, da súa experiencia como escritora, a cal lle vén dende moi cativa, e de todo aquilo que a inspira para as súas obras. Durante o tempo que durou o encontro, alumnado e profesorado tamén puideron gozar da escoita de poemas da autora, concretamente da obra Feliz Idade (2019) a cal foi galardoada, entre outros, co Premio Nacional de Poesía 2020.
Foi unha actividade moi ilustrativa e que de seguro lles achegou moitos coñecementos no campo da literatura, especialmente de cara a ABAU.
O encontro coa poeta guímara foi organizado polo departamento de Lingua e Literatura Galega.
Moitas grazas, Olga! Foi un verdadeiro luxo contar contigo no noso instituto. Esperamos vover a verte en futuras ocasións. 

 

 

Final do concurso intercentros de Oratoria improvisada

O xoves 13 de abril tivo lugar no Salón de Actos do IES Río Cabe  a final intercentros do concurso de Oratoria Improvisada en Lingua Galega. Trátase dunha actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que xa contaba con tradición nese centro de ensino e na que, este curso 2022-23, participaron dous centros máis: o IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras, e o IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria. Na final participaron 21 estudantes dos diferentes niveis educativos dos tres institutos; a rapazada debía falar un minuto sobre unha palabra escollida ao chou dunha preselección. Pode parecer sinxelo, mais non o é. As intervencións foron, malia os nervios, marabillosas, e o alumnado deu renda solta á improvisación, á creatividade e, incluso, á etimoloxía. O acto rematou coa actuación musical en directo de Xurxo Labrador, profesor de Física e Química do Río Cabe e a alumna do mesmo centro, Ariadna Valdés, e coa entrega de diplomas e agasallos aos finalistas e premios aos tres alumnos que mellor puntuación acadaron neste orixinal duelo lingüístico. O xurado, composto por unha docente de cada un dos tres centros, non o tivo nada doado.

A xornada continuou con tres actividades colectivas: unha visita guiada polo Monforte medieval e histórico (conxunto arquitectónico de San Vicente do Pino, xudería, Praza de España, Colexio de Nosa Señora da Antigua, Ponte Medieval) con parada na antiga librería Xistral, poñendo así en valor a figura do poeta Manuel María (que estaban estudando algúns mozos), e coa intervención de dúas alumnas do IES Martaguisela, que prepararan a lenda da Coroa de Lume para os seus compañeiros; unha comida de confraternidade no comedor do IES Río Cabe e, finalmente, a visita ao mirador do Duque, que permitiu admirar a beleza da contorna dende un punto que a maioría dos rapaces non coñecían. Púxose desde xeito fin a unha agradable xornada que esperamos se consolide e continúe nos próximos anos. Os mozos xa están pensando no lugar de celebración da final na próxima edición!

Os premiados foron os seguintes:

Categoría 1.º e 2.º de ESO:

Marc López Celeiro (IES Xograr Afonso Gómez)

Icía Veiga López (IES Xograr Afonso Gómez)

Paula Bouso González (IES Río Cabe)

Categoría 3.º e 4.º de ESO:

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Mario Prada Rodríguez (IES Martaguisela)

Anxo Sobrado Rodríguez (IES Xograr Afonso Gómez)

 

Categoría 1.º e 2.º de BAC

Carlos Vilariño Romero (IES Xograr Afonso Gómez)

Mauro Díaz Gayoso (IES Xograr Afonso Gómez)

Héctor Rosende Núñez (IES Río Cabe)

 

Parabéns a todos eles e aos seus profesores!!

 

Matrícula aberta para as probas de certificación nivel B1 Inglés, alumnado Cuale B1

O prazo de matrícula nas probas de certificación para o alumnado que asiste aos cursos CUALE, será do 10 ao 14 de abril 2022, ambos incluídos. A aplicación web de matrícula permanecerá aberta ata as 12:00 do mediodía do 14 de abril.A matrícula realizarase en liña dende o enderezo seguinte: http://www.informaticacentros.com/xunta/

Documentación: para formalizar a matrícula, o alumnado deberá presentar, a través da aplicación web a seguinte documentación:

1. O impreso de matrícula xerado pola web de matrícula.

2. Unha fotocopia do DNI ou do NIE.

A documentación presentarase dende a ligazón:

http://www.informaticacentros.com/xunta/

Podes consultar as instruccións para efectuar a matrícula aquí.

 

Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra

Este xoves 30 de marzo os alumnos/as de 3º ESO realizaron unha nova actividade relacionada co Plan Proxecta no que están a traballar este curso, Alvarizas, un ben singular da Ribeira Sacra. Desta vez, a actividade consistiu nunha excursión ao concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) para visitar a alvariza de O Vello, o mirador Pé do Home, a sala de envasado de Melsacra, situada en Luintra, e sentarnos no Mellor Banco da Ribeira Sacra.

O traxecto ata alí foi longo pero compensouno con creces a paisaxe tan fermosa que puidemos observar nesa parte da Ribeira Sacra. Tras unha pequena ruta de sendeirismo chegamos ao mirador Pé do Home e, un pouquiño máis abaixo, máis preto do río Sil, á alvariza de O Vello. Asombrounos o seu grande tamaño. Alí Alfonso, o noso guía, explicounos un pouquiño da súa historia e, tamén, que é un cortizo (había un dentro da alvariza). Regresamos ao autobús e desprazámonos ata Luintra para visitar a sala de envasado Melsacra, donde Alfonso nos explicou que son as celdillas, as láminas, como saca o mel, tipos de mel… Rematamos a xornada cunha degustación dalgúns dos distintos tipos de mel que elabora Melsacra: mel de castaño, de améndoas, de noces, de xenxibre, e con sabor a café. Dámos fe de que todas estaban moi ricas!

     Agradecemos, de novo, a Alfonso Iglesias, apicultor da zona de Ourense, ternos acompañado na ruta de sendeirismo ata a alvariza do Vello e o mirador Pé do Home, e ensinado a sala de envasado de Melsacra. Unha xornada do máis interesante!

Podes ver máis fotos na Galería

Distribuir contido