Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós

Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.

Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.

 A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.  

Xornada sobre Dereitos Humanos

O alumnos de 1º de  Bac asistiron a unha xornada sobre a nova lei 8/2021 sobre persoas con discapacidade , vixente dende setembro de 2021,para acercar os alumnos-as á extensión de dereitos humanos. Os altofalantes foron as personalidades xudiciais de Monforte de Lemos: o notario, o fiscal, a xuíza do xulgado de Monforte, e a avogada e profesora da UNED , Mª José González.

A nova lei é unha autentica revolución, que rompe coa tradición que arranca do s. XVIII, onde “os capaces” tutelaban e limitan a liberdade e a dignidade das persoas afectadas, ás veces ocultando intereses espureos  . A nova lei adecúa as leis españolas  á Convención Internacional sobre dereitos das persoas con discapacidade de Nova Iorque de 2006. A nova lei fundaméntase no respecto á dignidade, á liberdade e á vontade da persoa , ela toma as decisións e  nunca perde os seus dereitos, desaparecendo o término e proceso xurídico de “incapacidade legal”.

Desaparecen a tutela e a patria potestade sobre os maiores de idade,e a prodigalidade ( que familiares ou titores, en defensa de seus interese persoais,  denuncien que o pródigo malgasta o seu caudal con lixeireza, impedíndolle  gastar o seu patrimonio en liberdade e impoñéndolle curatela  xudicial ou que o mesmo veto).

As novas figuras xurídicas son a curatela ( asistencial, ou excepcional de representación) para ámbitos  determinados, (médicos, asuntos bancarios, asistenciais...) , o defensor xudicial ( en caso de conflito entre a persoa e  quen lle axuda), o gardador de feito,a prioridade das medidas voluntarias que a persoa pode  solicitar con anticipación  (ex:  ó principio da súa enfermidade de alzheimer) , a revisión periódicas por xuíces  das medidas de apoio no prazo máximo de 3 anos.

Tamén se informou que o cidadán se poderá dirixir a fiscalía para solicitar os apoios necesarios para desfrute dos seus dereitos en apoio as súa discapacidade.

Así mesmo os xuíces españois terán un prazo máximo de 3 anos para revisar todos as sentencias de incapacidade xurídica anteriores a setembro de 2021.

 

 

 

XIII Olimpíada de Xeoloxía

O mércores 16 de febrero, celebrouse a XIII Fase Galega da Olimpíada de Xeoloxía, actividade convocada pola AEPECTGALICIA (Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra), na que participaron, por terceiro ano consecutivo, 12 alumn@s de 1º Bacharelato do noso centro, o  IES Río Cabe.

A Facultad de Ciencias del campus de Ourense foi a sede provincial do certame para os centros de Ourense, e do noso por proximidade a Ourense.

As actividades propias do certame desenvolvéronse entre as 10:30 e as 16:00 h,  e consistiron: nunha primeira proba práctica Xincana por equipos, nos corredores da facultade e no exterior da mesma, e despois dun pequeno receso para xantar, unha segunda proba teórica individual con 40 preguntas tipo test.

Unha vez rematadas as probas, os estudantes puideron desfrutar dunha visita guiada polo xeólogo Eduardo Clavijo, ao Museo Olería de Niñodaguia, situado a 30 km da cidade.

Xa de volta na Facultade, ás 18:15 h tivo lugar a clausura da Olimpíada por parte da vicerreitora do Campus de Ourense, María Esther de Blas Varela e entrega de premios aos gañadores da mesma

Os nosos alumn@s, que estiveron acompañados por Rocío e Pablo, profesores do centro, tiveron a oportunidade de compartir un día único con outros estudantes cun interés común pola ciencia, e concretamente pola Xeoloxía.

Aínda que non conseguisen acadar o pase para representar a nosa comunidade na Fase Nacional, que este ano terá lugar en Almería, desfrutaron dun día que, de seguro, lles quedará gravado nas súas retinas durante moito tempo.


 

                                    Parabéns, rapaces!!!

Convocatoria de cursos de lingua galega

Infórmase da convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se queres saber máis preme o seguinte enlace:

                                          Resolución 26 xaneiro 22 (DOG 14 febreiro)

 

Distribuir contido