Quéda-t

Día Internacional do Pobo Xitano no IES do Milladoiro

No IES do Milladoiro celebramos o venres, 8 de abril, o Día Internacional do Pobo Xitano cunha celebración musical que veu precedida pola exposición de carteis conmemorativos e a lectura dun manifesto, que podedes escoitar e ver no seguinte vídeo:

Día Internacional do Pobo xitano

O 8 de abril celébrase o día internacional do Pobo Xitano. É unha data importante para nós porque o 8 de abril de 1971 recoñeceuse por primeira vez a nosa identidade como pobo. Si, hai tan só 50 anos que a nosa lingua, historia e cultura xitanas se respectan oficialmente. Desde entón temos bandeira e mesmo himno. 

Os xitanos españois somos de etnia romaní, procedente do Noroeste da India, desde onde os nosos antepasados emigraron ata establecerse en España hai máis de 600 anos. O que nos mantén unidos é en primeiro lugar o noso peculiar idioma romaní, que se transmitiu oralmente de xeración en xeración xunto cun conxunto de tradicións e costumes presididas pola alegría de vivir que nos caracteriza e diferenza. Adoitamos estar sempre xuntos, formando unha gran familia na que compartimos case todo. Non perdemos a oportunidade de gozar da vida bailando e cantando.

Sabías que somos a minoría étnica máis numerosa e discriminada de Europa e a máis antiga de España?, e a máis rexeitada polo resto da poboación por mor dos estereotipos que tenden a asociarnos con actividades delituosas. O 90% somos xente normal, igual que vós. Só se coñecen determinados aspectos superficiais da nosa vida cotiá esaxerados que xeran rexeitamento e discriminación. Pero, moito máis alá dos tópicos, tamén hai xitanos avogados ou políticos.

Queremos que coñezades a situación para que nos axudedes a cambiala. Non nos incluades nese 10% de delincuentes porque non todos somos iguais, nós somos xitanos de ben. Pénsao, a ninguén se lle ocorrería xulgarte por algún delincuente que poida haber na túa familia ou que viva no teu barrio. Pois isto mesmo pedimos nós.

O noso pobo leva séculos sendo vítima de racismo, discriminado e marxinado ata o punto de que a palabra “xitano” utilízase para descualificar a alguén pola súa orixe ou pola cor da súa pel. Incluso o dicionario da Real Academia Española define o termo xitano como "trapacero". Vivímolo na nosa pel a diario e en todos os ámbitos. Van sendo horas de desterrar estas ideas e terminoloxía que tanto nos fai sufrir. Imaxínaste como nos sentimos cando nos dixeron “ti acabarás de delincuente ou como moito vendendo no mercadiño".

Pedimos a vosa colaboración para que isto comece a cambiar. E, finalmente, para acabar con alegría queremos que nos acompañedes cantando e bailando.

 

 

SINATURA DE CONVENIO DE COLABORACIÓN CON SECRETARIADO XITANO

No marco do programa Quéda-t, tivo lugar a sinatura do convenio de colaboración ca Fundación Secretariado Xitano, que leva tempo vinculada con nós, a través da súa presenza na rede do IES do Milladoiro. 

Co convenio entre o noso centro e esta asociación, preténdese desenvolver o "programa Promociona", que intenta obter taxas máis altas de éxito escolar na ESO, promover a continuidade de estudos postobrigatorios e reducir o abandono escolar temperán. Para iso desenvolveranse actuacións co alumnado, familias, centro escolar  e outros axentes, a través do traballo do orientador educativo do programa, Pablo Méndez Trigo.  Dende o centro esperamos que esta iniciativa supoña un paso máis no desenvolvemento de iniciativas e actividades  da Asociación Secretariado Xitano no Milladoiro.

Distribuir contido