O 8 de abril celébrase o día internacional do Pobo Xitano. É unha data importante para nós porque o 8 de abril de 1971 recoñeceuse por primeira vez a nosa identidade como pobo. Si, hai tan só 50 anos que a nosa lingua, historia e cultura xitanas se respectan oficialmente. Desde entón temos bandeira e mesmo himno. Os xitanos españois somos de etnia romaní, procedente do Noroeste da India, desde onde os nosos antepasados emigraron ata establecerse en España hai máis de 600 anos. O que nos mantén unidos é en primeiro lugar o noso peculiar idioma romaní, que se transmitiu oralmente de xeración en xeración xunto cun conxunto de tradicións e costumes presididas pola alegría de vivir que nos caracteriza e diferenza. Adoitamos estar sempre xuntos, formando unha gran familia na que compartimos case todo. Non perdemos a oportunidade de gozar da vida bailando e cantando. Sabías que somos a minoría étnica máis numerosa e discriminada de Europa e a máis antiga de España?, e a máis rexeitada polo resto da poboación por mor dos estereotipos que tenden a asociarnos con actividades delituosas. O 90% somos xente normal, igual que vós. Só se coñecen determinados aspectos superficiais da nosa vida cotiá esaxerados que xeran rexeitamento e discriminación. Pero, moito máis alá dos tópicos, tamén hai xitanos avogados ou políticos. Queremos que coñezades a situación para que nos axudedes a cambiala. Non nos incluades nese 10% de delincuentes porque non todos somos iguais, nós somos xitanos de ben. Pénsao, a ninguén se lle ocorrería xulgarte por algún delincuente que poida haber na túa familia ou que viva no teu barrio. Pois isto mesmo pedimos nós. O noso pobo leva séculos sendo vítima de racismo, discriminado e marxinado ata o punto de que a palabra “xitano” utilízase para descualificar a alguén pola súa orixe ou pola cor da súa pel. Incluso o dicionario da Real Academia Española define o termo xitano como "trapacero". Vivímolo na nosa pel a diario e en todos os ámbitos. Van sendo horas de desterrar estas ideas e terminoloxía que tanto nos fai sufrir. Imaxínaste como nos sentimos cando nos dixeron “ti acabarás de delincuente ou como moito vendendo no mercadiño". Pedimos a vosa colaboración para que isto comece a cambiar. E, finalmente, para acabar con alegría queremos que nos acompañedes cantando e bailando.
|
|||