Estamos en Cine en curso!

Ola a todas e todos!

Comezamos o noso primeiro artigo neste espazo como centro seleccionado para participar no Programa de Innovación Educativa Cine en curso.

O programa enmárcase dentro do Plan Proxecta, iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con diferentes organismos, e que se dirixe a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo, e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores (máis información aquí). Neste caso, o organismo que coordina o programa en Galicia é o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Estamos, pois, de noraboa. Neste curso son 5 os centros seleccionados na nosa comunidade e somos un deles. Compartiremos experiencia:

CEIP A Rúa (Cangas)  •  CEIP de Tenorio (Cotobade)  •  CEIP do Camiño Inglés (Sigüeiro - Oroso)

IES de Poio (Poio)  •  IES do Milladoiro (O Milladoiro - Ames)

Para quen non coñeza o programa, diremos Cine en Curso é un programa estructural de pedagoxía do cine en escolas e institutos. Comeza en Barcelona e ten xa unha longa traxectoria de 11 anos, nos que foron aumentando as procedencias dos centros participantes, compartindo actualmente dende Cataluña, Madrid, Galicia, Argentina, Chile e Alemania.

Cine en curso ten dous grandes obxectivos: propiciar o descubrimento por parte dos nenos e xóvenes do cine entendido como arte, creación e cultura; e desenvolver as potencias pedagóxicas da creación cinematográfica dentro do contexto educativo. Para conseguilo articula catro eixes principais:  a presenza regular e continuada de cineastas nos centros educativos que traballan en colaboración co profesorado; unha metodoloxía que relaciona a práctica creativa co visionado de peliculas; a formación do profesorado; e a construción do proxecto como un laboratorio de investigación aplicada: espazo de experimentación e reflexión.

Ademáis temos unha web onde podedes consultar toda a información e onde teremos conta do que está a acontecer no noso centro a través do Diario dos obradoiros, para o que dúas rapazas están xa preparando a primeira entrada.

Web do proxecto

 

Traballaremos dentro do Programa Cine en curso co alumando de 1 ESO D, que xunto co profesorado implicado no programa (Ana Carballo, Sofía Ardariz, Beatriz Castro e Pilar Rodríguez) realizamos xa dúas viaxes a A Coruña. A primeira, o 20 de outubro, con motivo da presentación do programa. Un momento de convivencia cos demáis centros participantes, no que se fixeron as primeiras proxeccións con comentarios en conxunto.

grupo

presentacion

presentación 2

 

E ao día seguinte foi o turno das profes, que tivemos una xornada intensa de traballo, con todo o equipo de Cine en curso e o profesorado dos demáis centros participantes. 

   

 

Hoxe tivemos a primeira visita no centro de Marcos Flórez, o director e montador co que temos o pracer de traballar e desfrutar desta aventura polo mundo do cine, e que debaixo destas liñas vemos traballando no curso pasado co alumando doutro centro.

 

 

Pronto actualizamos!

Saudiños,

Ana, Sofía, Bea e Pilar.