Estimados pais e nais: O orzamento extraordinario do PLAMBE para o curso 2021-2022 é de 1550 €, que se investirá na súa maior parte no reforzo de lecturas obrigatorias e voluntarias. Este curso participamos en varias convocatorias: Clubs de lectura, Bibliotecas solidarias (axudantes de biblioteca), Radio na biblio, PLAMBE, etc. Continuamos a colaboración coas bibliotecas da contorna para editar dúas guías de lecturas recomendadas de Nadal e de verán, que publicamos no blog http://iesmilladoirobiblioteca.blogspot.com/. Estamos en contacto coa biblioteca Ánxel Casal de Santiago e coa Biblioteca Municipal do Milladoiro e aproveitamos para recomendar que o alumnado faga o carné desta biblioteca porque así poderá acceder á plataforma GaliciaLe: https://www.galiciale.gal/ Funcionamento da biblioteca O alumnado do centro terá acceso á utilización dos fondos de lectura, que se atopan na biblioteca.Levamos a cabo unha formación de usuarios para 1º de ESO. O préstamo está xa en marcha e funcionará tanto de xeito on-line como tamén presencial. Poderase levar en empréstito ata 3 recursos (libros, CD ou DVD), que deberán ser devoltos nun prazo de 15 días. É moi importante o respecto dos prazos de devolución, así como o coidado dos libros para evitar a súa deterioración ou extravío. Recordamos que aceptamos doazóns de lecturas, obrigatorias ou recomendadas, que xa non precisen e solicitamos a súa colaboración para recuperar todos os libros non devoltos á biblioteca. No caso de que o libro non apareza, debe ser comprado e restituído á biblioteca. Animamos á participación nos clubs de lectura para o cal temos aínda aberta a inscrición. O alumnado interesado pode anotarse na biblioteca. |
|||