O Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) deseñou a actividade “Poesía contra a violencia” dentro do marco das actividades do 25 de novembro, Día internacional para a non violencia contra as mulleres. O alumnado do EDLG partiu do libro Masculino singular de Carlos Negro para sensibilizar a toda a comunidade educativa da lacra que supón a violencia contra as mulleres na nosa sociedade. Para iso, alumnado e profesorado do Equipo fixeron unha intervención no corredor de entrada do edificio empregando dous poemas da obra citada. Por un lado, plasmaron no chan os versos de “Baldosas” e, por outro, ocuparon boa parte da parede cun cartaz de metro e medio no que se pode ler outro dos textos do libro: “Cadernos Rubio”. A partir deste, o alumnado do centro foi traballando un imaxinario en positivo de cara ao sector masculino, recreando os versos do poeta.
Este amesán de adopción foi convidado a vir ao centro o xoves 22 de novembro para completar a actividade. Primeiro estivo co alumnado de 2º de bacharelato, léndolles poemas ao tempo que provocaba a reflexión do alumnado sobre a concepción da masculinidade e os comportamentos asociados que levan á violencia, non só física.
Logo desenvolveuse unha actividade na biblioteca durante o recreo na que alumnado do ENDL leu poemas de Masculino singular acompañados, nalgún caso, polo propio autor. Tamén fixo unha breve presentación do seu último libro, gañador do premio Jules Verne da Editorial Xerais este 2018.
Rematou a acción cun grupo de alumnos e alumnas lendo diante de Carlos as propias creacións poéticas inspiradas nos seus versos.
|
|||