O alumnado do Club de lectura "Piratas do Ulla" deste curso académico finaliza as súas xuntanzas. En palabras do coordinador deste club de lectura, o profesor Víctor González: "Esas rapazas e rapaces que posan aí diante vosa son xente perigosa, ollo con eles; semellan xente inocente pero non vos fiedes. Coñecen as artimañas dos delincuentes, que moitos deles tiveron tratos con Sherlock Holmes nada menos, e viaxaron a illa de Bowen, con César Mallorquí, o que significa que a imaxinación a teñen fértil, e unha imaxinación así, fecunda e luminosa, con tanta liberdade, semella poderosa, e pode mudar a orde do mundo, vencer as leis da gravidade e cousas así, a "imaxinación ao poder", que diría o outro. Si, que dúbida cabe, convén ter coidado cos retratados no IES Plurilíngüe de Valga, que poden reverter a orde das cousas, son xente libre, son lectores, do Club de lectura "Piratas do Ulla" e ata tiveron tratos cun tal Roald Dahl, sóavos?, e non se andaron con delicadezas no trato, non o adozaron, como queren facer algúns... mellor deixalo correr e non entrar en polémicas; e con todo o "perigosos" que poidan parecer, a relación con eles e con elas é excelente. Saúde e grazas"