Na tarde do xoves 25 de maio, tivo lugar unha nova sesión do Club de lectura de adultos do noso centro, para conversar sobre o libro "No y yo", da escritora francesa Delphine de Vigan. En palabras do coordinador do club de lectura, o profesor Víctor González: "Xa estamos de volta, as do club de lectura. Hoxe acompañounos Delphine de Vigan, escritora francesa, e a súa obra "No y yo". "No" representa a unha rapaza indixente; no é, pois, algo máis cun nome, é un símbolo que recolle o que "non é", o que convén ocultar, agachar, a indixencia, a pobreza, que non -"NO"- se vexa, é aquelo que metemos debaixo dunha alfombra ou, aínda peor, abandonamos no medio do mar. É unha novela dura en certos aspectos, e tamén tenra, fala da amizade, da soidade, en fin, de nós. É unha obra cercana e viva, que se deixa ler, que te leva por diante porque te podes poñer facilmente no lugar da protagonista, unha rapaza superdotada que percibe o mundo cunha madurez que para si querrían moitos adultos, un "bicho raro", fráxil, única, ben, un pouco como todos, que todos somos un pouco "bicho raros". Saúde".